Allariz-Maceda

O PSdeG-PSOE de Maceda consegue aprobar no Pleno local varias das súas propostas en materia social fronte a parálise gubernamental do PP

04/04/2017
By

Os socialistas logran que o alcalde popular se comprometa a convocar axudas para material escolar para axudar aos pais e nais dos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos

Despois da importante alarma social xerada entre os veciños e veciñas, o grupo municipal socialista sacou adiante a iniciativa que eliminará o verquido de augas residuais en Casasoá

 

Ourense, 3 de abril de 2017. Tal como denunciaran os socialistas, o Concello de Maceda vive nun estado de “parálise permanente por culpa da deixadez do goberno do Partido Popular”. A pesares de gravar aos veciños e veciñas con numerosas taxas, o grupo de goberno é incapaz de sacar adiante uns orzamentos ou de presentar iniciativas nun concello que levaba catro meses sen celebrar un pleno. Sen embargo, os socialistas de Maceda entenden que, máis aló de denunciar a desidia, teñen que sacar adiante propostas que revertan no ben común da veciñanza e avanzar na consecución de servizos e recursos. Desta volta, o PSOE conseguiu no pleno que se aprobase unha das iniciativas polas que levan máis tempo pelexando: a das axudas para adquirir material escolar para o alumnado do ensino infantil (3 a 6 anos).

Esta proposta ten como fin ofrecer aos pais e nais unha axuda para afrontar os numerosos gastos que xera a etapa escolar e afondar no asentamento poboacional mediante a oferta de apoios por parte do propio concello. Xa hai abondo tempo que a portavoz socialista, Ana María Rodríguez, pon o acento en denunciar a falta de axudas e recursos á conciliación das familias e a ausencia de incentivos para que a xente quede a vivir en Maceda.

Por outra parte, o PSOE tamén conseguiu a unanimidade da corporación para solucionar un dos temas que máis alarma social leva causado nos últimos tempos: o verquido de augas residuais en Casasoá. Mediante este acordo impulsado polos socialistas, vaise lograr que se depuren estas augas e se deixe de atentar contra a salubridade e o medio ambiente do lugar, algo que tiña moi  preocupada á veciñanza. Pola súa banda, Rodríguez iniciou unha campaña informativa no pobo, anunciando o acordo e contactos con diversos veciños e veciñas coa fin de que, entre todos, non se baixe a garda e o proxecto sexa unha realidade, tantas veces reclamada.

Outro dos temas que conseguiron a aprobación e o compromiso do alcalde, grazas de novo a unha proposta socialista, foi a cuestión do reforzo e dragaxe da ponte sobre o río en Vilar. “Hoxe por hoxe xa sabemos que existen diversos informes, entre eles o da Confederación Hidrográfica, que indican a falta de seguridade da ponte e a necesidade do seu reforzo, así como que é competencia municipal executar esa reparación. Só agardamos que o Alcalde non se bote atrás no acordo acadado e que acometa con valentía este proxecto que pode garantir a seguridade de toda a veciñanza da zona”, afirma Ana María Rodríguez. Dende o PSOE aclaran que están “cansos de agardar a que o grupo de goberno acometa os acordos alcanzados e non van dubidar en voltar levar a pleno todas as cuestións que comprometan a seguridade dos veciños e  veciñas, coma neste caso ou que supoñan unha mellora para a cidadanía”.

Noutra orde de cousas, recalcan dende o PSOE de Maceda, as “incongruencias manifestas dun alcalde que non se aclara nin co seu propio partido”. O xoves, os socialistas levaron para a súa aprobación en sesión plenaria, a moción pola que se insta a redactar unha ordenanza sobre a taxa que grave o uso do dominio público por parte das compañías enerxéticas, entre outras, nembargante a iniciativa foi rexeitada. Cal non foi  a súa sorpresa cando, no día a seguir, se aproba na Deputación de Ourense unha proposta similar, por unanimidade dos grupos. Os socialistas van voltar a retomar esta cuestión para que o Partido Popular de Maceda aclare “se está en sintonía co que se aproba na institución provincial e que reclama a maioría ou se defende os intereses das compañías privadas”. Como xa denunciaron en varias ocasións, dende o PSOE de Maceda, o goberno local “perde moitas ocasións para porse de lado da veciñanza e defender os seus intereses”.