Allariz-Maceda

O PP négase a tomar medidas para evitar que os nenos alaricanos teñan que ir a escolas infantís de fóra da vila

11/10/2017
By

A deputada pola nosa provincia e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, vén de lamentar o veto do PP a unha Proposición Non de Lei, proposta polos socialistas, que tiña por obxecto evitar que os pequenos de Allariz sen praza en escola pública teñan que ir a outros concellos.

Na proposición, reclamabamos incrementa-lo número de prazas na escola infantil local, integrada no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, “ata niveis en que se elimine a lista de agarda e non sexa preciso que os nenos nados neste Concello teñan que desprazarse a outros centros de municipios próximos, nin incrementa-los concertos con entidades privadas”.

Na última adxudicación de prazas, para o curso 2017-2018, nove familias do Concello ficaron en lista de agarda, “aos que hai que engadir aos nenos e nenas deste Concello que na actualidade xa acoden a centros situados noutros municipios”.

Blanco acusou á Xunta de converte-las solicitudes de prazas nas escolas infantís “nun boleto de lotería”, cando un 31% das familias quedan fóra nas primeiras listaxes de admitidos, e acusou a Feijóo de “vivir das rendas das 54 escolas infantís que deixou proxectadas o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño”.

A realidade, explicou a compañeira, é que o actual goberno tan só fixo oito centros públicos en oito anos”, a razón de un por ano, co que “ao ritmo actual, precisaríanse vintecinco anos para te-la rede de escolas infantís públicas que se precisa”.