Ensino público

O 2012 supuxo un monumental engano e un descomunal castigo para os galegos

FIDALGO E SEARA
A nosa deputada no Congreso e senador, Laura Seara e Miguel Fidalgo, respectivamente, cualificaron onte o ano de Goberno de Mariano Rajoy “como unha autentica estafa”. Seara afirmou que o 2012 “foi un monumental engano e un descomunal castigo para os galegos, sobre todo para os da Galicia interior, particularmente para as provincias de Lugo e Ourense”.

Nunha rolda de prensa, a nosa deputada no Congreso asegurou que Rajoy se presentou ás eleccións “ofrecendo lebre, pero serviu gato tóxico que esta envelenando aos cidadáns”, tanto dende o punto de vista social como económico, e que tódalas decisións do seu Goberno “xogaron en contra de Galicia”, nomeadamente na provincia de Ourense.

Seara criticou o feito de que haxa “109.098 pensionistas ourensáns que se verán afectados pola decisión de Rajoy de non revaloriza-las pensións”, o que supón unha perda de 9,6 millóns de euros; unha decisión que lembra “tamén foi un engano”, xa que foi negada taxativamente polo PP nas distintas comparecencias parlamentarias e declaracións dos seus dirixentes. Tamén advertiu de que o PP ten “unha axenda oculta para reforma-lo sistema de pensións”, anunciando que, dende o PSdeG-PSOE, “ímonos a opoñer con total rotundidade a calquera reforma que non teña o respaldo dos sindicatos, dos empresarios e do Pacto de Toledo”, como si sucedeu coas emprendidas polo PSOE; e avisou: “se non hai o mesmo consenso social que o acadado co Partido Socialista, estaremos en contra”.

A compañeira tamén observou que o PP considera a provincia de Ourense “como un territorio colonizado “, xa que só a visitan “de cando en vez, para recoller votos; e mentres, esquécense todo ano dos problemas dos ourensáns”; subliñando tamén que a nosa é unha terra que precisa “políticas de discriminación activa para desenvolve-los seus sectores produtivos”.

No que se refire ás infraestruturas ferroviarias, Seara voltou a advertir de que os ourensáns “non saben qué vai a pasar coa chegada da Alta Velocidade”, que o proxecto sobre o soterramento de vías ao seu paso pola capital “leva agochado un ano” xunto co da estación intermodal na mesma, que os socialistas “temos sospeitas de que este gran proxecto pode ser modificado”, e que dende o PP non se desmentiron esas advertencias realizadas polo Partido Socialista “sobre o futuro desta estación”; e anunciou que o PSdeG-PSOE rexistrará unha batería de iniciativas parlamentarias de periodicidade semanal “ata coñecer cales son as intencións do Goberno de Rajoy sobre a chegada da Alta Velocidade e o proxecto de soterramento” de vías, pois ten a sospeita de que o PP “quera voltar ao trazado antigo, o que suporía unha auténtica cicatriz na cidade”.

A deputada afirmou que, coas cifras na man, o Goberno de Rajoy “ten un balance de 500 000 parados mais en España, 5000 parados mais na nosa provincia, e case que 38 000 parados mais en Galicia”, e comprometeuse a traballar arreo “para facer unha oposición ao Goberno firme, útil e dura”, e a que “ante cada aldraxe a Galicia e Ourense, Rajoy e o PP recibirán non só unha denuncia”, senón “tamén unha proposta alternativa”.

Pola súa banda, o noso senador sostivo que o PP e o Goberno de Rajoy deben “comparecer en cada concello de Galicia para explicarlle aos cidadáns que prometeron unha cousa e fixeron xustamente o contrario”, xa que desa xestión “deben respostar tódolos cargos orgánicos” dese Partido, dende os alcaldes ata o seu presidente provincial, e pediu que “expliquen cómo están a desmonta-la Lei de Dependencia, a tele-asistencia e a Sanidade, e por qué se pechan residencias, ou por qué se vai a favorece-lo ensino relixioso”.

Miguel Fidalgo aludiu tamén ás supresións de trens da provincia, como a liña a Sanabria, e ao peche de Paradores, reclamando explicacións ao Goberno de Rajoy respecto a “por qué se exclúen danos dos incendios na provincia”, xa que “o PP fixo unha lei para indemnizar a partir do 1 de xuño”, o que perxudica gravemente respecto aos grandes incendios que se produciron, antes desa data, na nosa provincia.

O compañeiro afirmou que a “folla de ruta do PP” presenta un “sistema de caridade, e outro de negocio para os mais ricos, para que os mais ricos teñan unha Educación, unha Sanidade unha Dependencia e unha Xustiza de elite”; e alertou do “deterioro da democracia e nas conquista sociais”, concluíndo que “a economía de Rajoy é un puro desastre”.

Rexeitan a LOMCE por tratarse dunha reforma fondamente ideolóxica do PP que prima o ensino privado e concertado sobre o público de calidade

19/12/2012
By

O parlamentario socialista, Vicente Docasar, ven de denunciar a alarma social que está a xerar o anteproxecto de lei da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, presentado polo ministro Wert ás comunidades autónomas en Conferencia Sectorial e pola que preguntou ao Conselleiro en Pleno o voceiro de Educación socialista.

Docasar advirte do risco de que a maioría da que dispoñen os populares lles faga “caer na tentación” de facer unha nova lei “profundamente ideolóxica” e de partido, escoitando só aos ideólogos da Fundación FAES, ás patronais do ensino privado e á Conferencia Episcopal. “Creo que non é unha boa decisión” dixo dirixíndose ao Conselleiro Vázquez.

Os socialistas afirman que a LOMCE primará claramente ó ensino privado e concertado sobre o público de calidade, subvencionará a centros que segregan ao alumnado por sexo, xerará conflitos nas comunidades con lingua propia, recortará a democracia nos centros, “convertendo ó Consello Escolar nun floreiro”, deixará tirados aso alumnos con dificultades de aprendizaxe e converterá aos estudantes de FP en man de obra barata.

En definitiva, fará do Sistema Educativo unha carreira de obstáculos que conlevará un maior índice de fracaso escolar.

O deputado socialista denunciou que “non hai un país en Europa que teña mareado tanto o seu Sistema Educativo”, entre os máis sometidos a cambios do noso entorno, cuestión na que poden residir moitos dos males que lle afectan.

O Sistema Educativo “non precisa de toros bravos”, segundo o portavoz socialista, que apela ao “sentido común e ao sosiego”, “porque así o demanda a comunidade educativa, tanto en Galicia como en España”.

IMPLICACIÓN DO PROFESORADO

O portavoz de Educación do Grupo Socialista sinalou ao Conselleiro Vázquez como obxectivo fundamental da consellería de Educación a implicación do profesorado, porque “é imprescindible para o bo funcionamento do Sistema Educativo.

Docasar acusou ao Goberno do PP de vir atacando aos profesionais da Educación coa posta en marcha de medidas como o aumento de alumnos por aula, co recorte de medios humanos e materiais, a ampliación da xornada laboral, o recorte dos salarios ou a obriga de impartir afines para as que non se senten preparados.

Engadiu o deputado socialista a esta lista que o Goberno do PP está “impedindo aos profesionais poñerse enfermos, pois senón non cobran”, e mesmo os “desacredita en público ante o conxunto da sociedade”.