Transportes

Noela Blanco esixe á Conselleira que a Xunta interveña para impedir que varias estacións de tren se convirtan en “estacións-pantasma”

25/01/2017
By

Noela Blanco

A nosa deputada no parlamento de Galicia, Noela Blanco preguntoulle ao goberno galego se ten realizado algunha xestión diante do goberno central para mante-lo servizo de venda de billetes en tódalas estacións de ferrocarril da comunidade, ante o risco de que se convertan en “estacións-pantasma”, noutro caso de marxinación ao medio rural, con case 200 000 cidadáns afectados en toda Galicia, uns 70 000 deles na nosa provincia, aos que obrigan a “baixarse do tren do progreso”.

A compañeira alertou de que, segundo alerta o persoal ferroviario, sete estacións de tren en toda Galicia, catro delas en Ourense (Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín e Carballiño), perigan no novo plan ferroviario de Renfe e Adif para reestruturar neste ano o seu servizo de vendas, “deixando importantes núcleos de poboación sen servizo presencial de información e venda de billetes, e implicando, nalgúns casos, o peche das que fiquen sen persoal”, e lembrou que, en moitos casos, estes servizos serven para “fixar poboación” en zonas “especialmente envellecidas”.

A deputada lembroulle á conselleira de Infraestruturas a “responsabilidade moral e de goberno” que ten a Xunta fronte ás decisións do goberno central, e destacou que, para cadansúas comarcas, estas estacións son “vitais dende os puntos de vista social, económico, cultural” e, en casos como o da de Ribadavia, incluso arquitectónico; e, por todo iso, reclamou contactos urxentes para impedi-lo peche destes servizos.

Blanco tamén lle lembrou á conselleira que nalgunhas destas zonas “a poboación maior de sesenta e cinco anos multiplica por tres á menor de quince” e que “nalgúns casos nin sequera hai cobertura” para usar Internet, tras suxeri-la Xunta o uso desta vía para a compra de billetes.

O Grupo Socialista na Deputación, pola súa banda, estima que uns 103 000 viaxeiros usaron o ano pasado as devanditas catro estacións afectadas en Ourense, lembra que un proceso semellante aconteceu en case tódalas estacións da liña entre a cidade e Zamora e que o propio grupo alertou, hai un mes, deste “intolerábel ataque ás infraestruturas da provincia “, e anuncia estar a traballar “nunha estratexia conxunta cos socialistas das comarcas afectadas”.

Raúl Fernández acusa á Xunta de ter situado ao sector do transporte, por completo,“nunha situación de incertidume, vítima dos enganos do PP”

14/04/2016
By

OURENSE. 17.01.2015. PSOE, R PRENSA RAUL FERNANDEZ.FOTO: MIGUEL ANGEL

OS SOCIALISTAS RECLAMAN RESPONSABILIDADES DO GOBERNO GALEGO POR SITUAR NA “ALEGALIDADE” AO 89 POR CENTO DAS CONCESIÓNS DE TRANSPORTE.

O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Raúl Fernández, reclamoulle onte ao goberno galego que asuma “responsabilidades políticas” por ter situado “na alegalidade” ao 89 por cento das concesións de transporte. O deputado socialista presentou unha interpelación logo da sentenza do Tribunal Supremo anulando 129 das 144 prórrogas concedidas pola Xunta en 2010.

Fernández acusou ao goberno galego de situar ao sector “na incertidume, vítima dos enganos dos gobernos do PP”, que asinaron prórrogas por dez anos a cambio dun plan de modernización. Os transportistas e os usuarios ven cómo, seis anos despois, o decreto da Xunta é anulado polo Tribunal Supremo por contravir a normativa comunitaria cunhas perdas estimadas de 100 millóns de euros.

Neste momento, dixo, 129 concesións están exercendo os seus servizos en precario e “cunha grave inseguridade xurídica derivada das temerarias resolucións dos seus gobernos”. As empresas atópanse ademais, dixo, “atadas ao Plan de Modernización” esixida polo goberno galego “sen saber qué facer agora”.

A conclusión da xestión dos gobernos de Feijóo é que “hoxe non temos nin prórrogas legais, nin modernización da flota, nin mellores servizos interurbanos, nin nova Lei de Mobilidade nin concurso de concesións”. Acusou neste sentido á conselleira de “non ter asumido responsabilidades pasadas polas consecuencias das súas decisións, nin presentes pola actual situación do sector nin futuras coas decisións que deben tomar”.

Raúl Fernández explicou que a conselleira “atópase politicamente metida nunha glorieta na que da xiros indefinidamente ata o punto de que non sabe por onde entrou nin por onde ten que saír”. Lamentou “cobardía política” demostrada por un goberno que se ten instalado nun “falso ton triunfalista” para “agochar a súa ineficiencia, ineficacia e prepotencia do Executivo, do seu presidente e da responsable de Transportes”.

O deputado socialista criticou a “pasividade” demostrada pola Xunta na materia de transporte, que chega a ser “mesmo de connivencia” coa supresión de rutas e frecuencias do transporte público de viaxeiros. Ironizou co feito de que “so foi vostede activa na renovación da dirección xeral de Mobilidade, con 3 responsables diferentes en pouco máis de 3 anos”.