Transparencia

O Portavoz do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, esixe responsabilidades a Pablo Pérez pola utilización do local da Mancomunidade Terras de Celanova, por parte da súa familia.

01/06/2016
By

NACHO GÓMEZ COIDA QUE A CIDADANÍA DE OURENSE DEBE SABER QUE GRAO DE IMPLICACIÓN TEN O DEPUTADO DO PP NA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS A UNHA ENTIDADE PRESIDIDA POLO SEU PROPIO PAI.

 

O ENTRAMADO FAMILIAR QUE CONFORMA A FAMILIA DO DEPUTADO PÉREZ, LEVANTA SOSPEITAS SOBRE O APROVEITAMENTO QUE FAN DOS RECURSOS PÚBLICOS.

 

O Portavoz do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, esixe que se coñeza o grao de implicación do deputado provincial, Pablo Pérez, na concesións de subvencións á Mancomunidade Terras de Celanova, que o seu pai preside. Así mesmo, considera que Pablo Pérez, en canto coordinador da cooperación con Concellos e Mancomunidades da Deputación de Ourense, debe asumir responsabilidades pola utilización privada que fixo a súa familia do Centro ocupacional da Fundación para a Protección dos Minusválidos Terras de Celanova, dirixido por seu irmán e que pertence á Mancomunidade que preside seu propio pai, Alcalde de Quintela de Leirado.

 

O Grupo Socialista na Deputación, considera imprescindible, xa que logo, que o Presidente investigado, José M. Baltar e mailo seu Deputado provincial, o señor Pérez, deben respostar inmediatamente ao grao de implicación que ten o propio Pablo Pérez, nos procedementos de concesión de subvencións á Mancomunidade Terras de Celanova. Tamén esixen coñecer a relación de subvencións que lle foron concedidas a esta Mancomunidade dende o 2009, posto que os socialistas, son coñecedores de que receben cartos a esgalla da Deputación, moi por enriba doutras entidades e que, agardan, estean plenamente xustificadas.

 

O clan familiar do deputado do PP, polo tanto, estende as súas ramificación en torno a todo o relacionado coa Mancomunidade  e así, aparte do feito que o pai sexa Presidente, o irmán de Pablo Pérez é director do centro ocupacional do que fixeron uso privado ademais de traballador da propia Deputación de Ourense. A pesares de que, por desgraza, a sociedade ourensá está afeita a estes entramados familiares, o Grupo Provincial Socialista, esixe coñecer se hai incompatibilidade entre o cargo de director do centro ocupacional e o seu traballo na institución provincial. Deste xeito, solicitaron copia da solicitude de compatibilidade para exercer ambos traballos.

 

Así mesmo, dáse a circunstancia que o propio Pablo Pérez, é coordinador da Cooperación coas Mancomunidades, polo tanto, responsable, en última instancia do uso que se faga dos recursos adscritos ás mesmas e, máxime, se é a súa propia familia quen fai un uso inapropiado.

 

“A utilización desa Mancomunidade por parte desa familia, excede ata as actuacións ás que estamos tristemente acostumados nesta provincia. Aparte de usar a Mancomunidade como unha empresa de colocación dos membros desa familia, agora sabemos que empregan os locais e espazos públicos para actividades privadas”, declara Nacho Gómez.

 

Nacho Gómez, considera que Pablo Pérez, debe dimitir se ten responsabilidade sobre a mala utilización de espazos e recursos públicos para actividades da súa propia familia. Así mesmo, coida que toda a provincia, en particular, os veciños/as da Comarca deben coñecer as actuacións do pai do Deputado, en tanto que Presidente da entidade e do irmán, en tanto que director do centro ocupacional pertencente a esa mesma entidade.

 

O Concello de Castrelo do Val vén de renovar a súa páxina web e muda o seu dominio ao .gal, o dominio galego en internet.

16/05/2016
By

O Concello de Castrelo do Val vén de renovar a súa páxina web, e mellora a súa arquitectura da información para ofrecer un mellor servizo aos cidadáns.

Na nova web cobra especial importancia a transparencia da información municipal, e por ese motivo estarán dispoñibles os datos económicos.

Ademais, tamén será posible coñecer, un a un, os dezaséis núcleos de poboación que conforman o noso concello, na sección “os nosos pobos“.

Tamén está dispoñible para todos os veciños o arquivo histórico das revistas municpais que edita o propio concello e que reparte en papel aos seus veciños, na sección “revista de información muncicipal

A “Estela de Pedra Alta” tamén terá o seu oco nesta páxina web, con información sobre o achádego arqueolóxico

Aproveitando o lanzamento da nova web, o concello muda o seu dominio ao .gal, o dominio galego en internet.

O DECRETO 74/2015, do 13 de maio que regula a organización da presenza na internet na administración galega baixo o dominio .gal. Este decreto será de aplicación a todos os órganos e entidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A finalidade é a proxección dunha imaxe homoxénea da presenza da Administración xeral e do sector público autonómico baixo o dominio .GAL.

Con esta medida, a web do concello pasa a ser castrelodoval.gal, e convértese no primeiro concello da comarca en asumir o .gal como dominio principal para a súa presenza en internet.

 

O PSOE de Rairiz califica a situación de desgoberno do Concello como “moi preocupante e inadmisible”

12/05/2016
By

A ruptura no grupo de goberno , formalízase coa demisión de Manuel Corderí Ferreiro, concelleiro do Partido Popular.

Rairiz, 11 de maio de 2016. Tal como veu anunciando, dende hai meses, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Rairiz de Veiga, os desencontros no seo do grupo de goberno, están a provocar a parálise na xestión municipal. Esta ruptura vese claramente evidenciada co anuncio de demisión do concelleiro Manuel Corderí Ferreiro que, ata o de agora , formaba parte do grupo de goberno, liderado por Asun Morgade. No vindeiro Pleno da Corporación, extraordinario, a celebrar mañá ás 13h., formalizarase, previsiblemente, esa renuncia ao cargo por parte do concelleiro do PP. A ruptura que se vive no grupo de goberno, acada así , o que o Portavoz socialista, Pablo Lorenzo, viña denunciando hai tempo, a imposibilidade de proseguir coa xestión municipal dentro da normalidade. O cariz dos acontecementos vén adquirindo dimensións de gravidade dende que a Alcaldesa é incapaz de sacar adiante as súas propias propostas en Pleno e fraguouse xa coa marcha dun dos seus concelleiros cara ao grupo sen adscrición. A fragmentación é tal que xa houbo protestas por parte dos 3 Tenentes de Alcaldía ao respecto de que non se lles explica con anterioridade á orde do día qué se vai someter a debate plenario, nun alarde de falta absoluta de transparencia por parte de Asun Morgade, alcaldesa de Rairiz.

 

A situación do Concello, tal como relatan os socialistas, é moi complicada e as dilacións no proceso de rexeneración política prometido pola Alcaldesa, dan lugar a pensar que o escurantismo segue moi presente no día a día da xestión municipal e así quedou contrastada tralas declaracións, antes mencionadas, dos membros da Xunta de Goberno, reclamando máis diálogo.

 

O PSOE de Rairiz, insta unha vez máis á Alcaldesa a que actúe de xeito inmediato para desbloquear esta penosa situación de inoperancia, que trae consecuencias no día a día da veciñanza. Os intereses dos habitantes de Rairiz, deben primar sobre calquera consideración partidaria ou de afinidade que mova á Alcaldesa nas súas actuacións e ten que cumprir co prometido: rachar co pasado e coa era Xaquín así como a abrir unha nova etapa de diálogo para sacar o Concello adiante.

Morgade Rúa tén que escoller entre seguir como ata agora, proseguindo no escurantismo destas dúas últimas décadas ou contar co grupo municipal para sacar os temas municipais adiante.

 

Preguntamos á Xunta por posibles irregularidades na rehabilitación da antiga reitoral de Chaguazoso, propiedade de Mario Conde

543545176_1280x720
A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas para que a Xunta despexe tódalas dúbidas diante de calquera posible relación co ex banqueiro Mario Conde, detido por repatriar diñeiro supostamente substraído de Banesto. A deputada lembra que a antiga casa reitoral de Chaguazoso, propiedade de Conde, foi primeiro alugada e logo comprada polo ex banqueiro á familia política do presidente da Deputación, José Manuel Baltar.

A compañeira sinala que o inmoble foi rehabilitado con cargo a fondos comunitarios por parte do ex alcalde da Mezquita polo PP, Gabriel Caldelas, con 490 000€ procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural, xestionado pola Xunta e o Concello, agás 120 000 do goberno galego, que obrigaba á súa utilización no turismo rural durante quince anos.

O pazo foi primeiro alugado e a continuación comprado no 2009 por Mario Conde (antes de que expirara o dito prazo de tres lustros), cando o inmoble era anunciado en Turgalicia; pero “as reservas eran materialmente imposibles, ninguén atendía aos teléfonos que aparecían na web, e os epígrafes sobre prezo e dispoñibilidade quedaran en branco”, e finalmente o anuncio era retirado en 2014, pouco antes de que expirara o prazo.

Blanco sinala que o goberno de Feijóo “debe aclarar se houbo algunha cooperación pola súa parte” para que Conde ocultara “responsabilidades polos delictos que lle imputa a Audiencia Nacional”; lembra que, no 2007, foi proposto para encabeza-la candidatura do PP na cidade, e reclama que o goberno galego “despexe tódalas dúbidas diante de calquera tipo de relación de cooperación triangular entre Baltar, Feijóo e Mario Conde”, no referente á dita casa rural.

O Alcalde do Irixo convoca o Pleno, con máis dun mes de atraso, o único día da semana que o Voceiro socialista non pode acudir, tal coma avisara por escrito.

16/03/2016
By

Iago_Fariñas_Valiña (1) (1)

NA CONVOCATORIA DO PLENO NON INCLÚE 7 DAS 10 MOCIÓNS PRESENTADAS POLOS SOCIALISTAS

IAGO FARIÑAS: ” TEMOS UN ALCALDE ANTIDEMOCRÁTICO E RETRÓGRADO QUE DESPOIS DE 30 ANOS PENSA QUE O CONCELLO É DA SÚA PROPIEDADE  E TENTA DIFICULTAR E OCULTAR O TRABALLO DA OPOSICIÓN”

OS TRES GRUPOS DA OPOSICIÓN SOLICITARÁN UN PLENO EXTRAORDINARIO AO QUE O ALCALDE NON SE PODE NEGAR, PARA TRATAR TODOS OS TEMAS E MOCIÓNS QUE O GOBERNO, COA SÚA ACTUACIÓN DESPÓTICA, TENTA AGOCHAR

 

O Voceiro do Grupo Municipal socialista no concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou, dende o último pleno celebrado pasado 24 de Novembro de 2015, un total de 10 mocións como Grupo Socialista e unha en conxunto co resto de grupos da oposición. As 10 mocións socialistas son as que seguen;

  • MOCIÓN DE APOIO Á VIVENDA COMO BEN SOCIAL, presentada o 31 Decembro 2015.

  • MOCIÓN SOBRE A DERROGACIÓN DA LEI 27/2013, DO 27 DECEMBRO (LRSAL) , presentada o 31 Decembro 2015.

  • MOCIÓN SOBRE O FOMENTO DA NATALIDADE CUNHA AXUDA DE TRES MIL EUROS AOS NENOS NACIDOS NO IRIXO, presentada o 31 Decembro 2015.

  • MOCIÓN SOBRE O USO POR TÓDOLOS VECIÑOS E VECIÑAS DA MAQUINARIA MUNICIPAL RETROESCAVADORA  E TRACTOR DESBROZADOR, presentada o 31 Decembro 2015.

  • MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN DUN PORTAL WEB DO CONCELLO DO IRIXO, presentada o 12 Febreiro de 2016.

  • MOCIÓN SOBRE A SOLICITUDE ÁS ENTIDADES OU AXENTES BANCARIOS PARA A INSTALACIÓN DUN CAIXEIRO AUTOMÁTICO NAS SÚAS OFICINAS, presentada o 12 de Febreiro de 2016.

  • MOCIÓN RELATIVA Á REVISIÓN CATASTRAL DO CONCELLO DO IRIXO, presentada o 19 de Febreiro de 2016.

  • MOCIÓN RELATIVA Á MOCIDADE E EMPREGABILIDADE NO CONCELLO DO IRIXO, presentada o 19 de Febreiro de 2016.

  • MOCIÓN RELATIVA Á ADQUISICIÓN PARA A SÚA CONSERVACIÓN E POSTA EN VALOR DAS CASAS REITORAIS ABANDONADAS NO CONCELLO DO IRIXO, presentada o 4 de Marzo.

  • MOCIÓN RELATIVA Á  CELEBRACIÓN DOS PLENOS DO CONCELLO AS FINS DE SEMANA E/OU EN HORARIO DE TARDE E NUNHA DATA PREFIXADA PARA TODO O MANDATO NO CONCELLO DO IRIXO, presentada o 11 de marzo de 2016.

 

O Alcalde do Irixo só incluíu 3 destas  10 mocións presentadas polo Grupo Socialista, ao seu libre albedrío e tenta ocultar e cercenar o traballo dos socialistas, elaborando, despoticamente, a orde do día do Pleno Municipal.

Ademais, o Alcalde vén de convocar un Pleno para este vindeiro Xoves 17 de Marzo de 2016  no que, ademais de so incluír 3 das 10 mocións presentadas polos socialistas nas ultimas datas, trátase do único dia da presente semana que o Voceiro socialista non pode asistir por un compromiso profesional a esa mesma hora nos Xulgados da Coruña, tal como lle indicou por escrito.

Os socialistas, xa o pasado 26 de Febreiro, ante a falla de información sobre a convocatoria do Pleno, dado que o último se celebrara o 24 de Novembro do ano 2015, informaron por escrito a Alcaldía que; “…para o coñecemento do Sr. Alcalde-Presidente convocante, infórmase que este concelleiro por motivos profesionais, sen prexuízo de novos compromisos profesionais que xurdan dende hoxe á convocatoria do pleno, non podería asistir ao pleno no mes de Marzo os días que se sinalan; martes 1 de Marzo, luns 7 de Marzo, mércores 9 de Marzo, xoves 10 de Marzo, sábado 12 de Marzo, domingo 13 de Marzo, xoves 17 de Marzo, sábado 26 de Marzo e 29 de Marzo de 2016…” E no que solicitaba, entre outras cuestións “…atendendo a que a maioría temos obrigas profesionais que nos impiden conciliar a nosa actividade profesional coa municipal, no seu caso de convocarse Pleno no mes de Marzo de 2016, non se faga nas datas indicadas…”

Ante a actitude despótica do Sr. Alcalde, do seu Tenente-Alcalde, que é o que actualmente dirixe o día a día do Concello, e o seu grupo de goberno; os tres grupos da oposición solicitarán un Pleno Extraordinario, ao que o alcalde non se pode negar, para tratar todos os temas que o Voceiro socialista non poderá defender no vindeiro Pleno, uns, debido a que non pode asistir e, outros, porque non foron incluídos na orde do dia polo Sr. Alcalde. Ademais, coa convocatoria de Pleno Extraordinario, poderanse incluír outros moitos asuntos que os tres grupos da oposición consideran importantes e dos que, o grupo de goberno, ante numerosos escritos reclamando información, gardan silencio dende hai meses.

Lamenta, o Voceiro socialista, que o grupo de goberno do Irixo actúe de forma despótica, con falta de transparencia e bo goberno. Considera unha mágoa que esteamos ante un goberno que ten ao Irixo, paralizado dende hai décadas e todo isto, a pesares de aumentaren os traballadores do Concello e dispoñer de dous Alcaldes remunerados que suman un gasto mensual de 4.059,43 euros/mes, por 14 pagas ao ano, o que supón un gasto total para o Concello de 56.832,02 € por tres adicacións parciais. Ao tempo, non se respectan os dereitos dos concelleiros da oposición e non cumpren coas súas obrigas legais.