Grupo Parlamentario Socialista

Os recentes incendios na nosa provincia, nova demostración da necesidade de ampliar a todo o ano o Plan de Prevención contra o Lume

nuevo-1
A nosa deputada no Parlamento, Noela Blanco, alertou do “despropósito da improvisación continua” na xestión da prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, cun dispositivo que aínda non está ao cen por cen malia a vaga de lumes que está a rexistrar na nosa provincia Ourense.

Blanco anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para “desestacionalizar” a contratación do persoal “de reforzo” do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), agora limitada a tempadas de alto risco. Os socialistas insistimos na necesidade dun Plan de Prevención contra o lume que se estenda aos 365 días do ano, para facer fronte ás numerosas incidencias nos meses de outono e inverno, antes da tempada de verán.

A compañeira reclama “que este persoal de reforzo deixe de ser tal”, e se amplíen as contratacións para permitir unha acaída resposta fronte aos lumes “máis aló de suspender todo tipo de queimas de restos agrícolas e forestais e de pedirlle á cidadanía que extreme as precaucións”.

A deputada sinala que os medios anunciados pola Xunta “ou son escasos, ou teñen pouca efectividade, ou ambas as cousas á vez, por falta de coordenación ou planificación”, e lembra que “o persoal segue reclamando estabilidade laboral, un mando único, a preponderancia do público sobre as empresas privadas do sector, e unha adaptación á desestacionalización do lume”.

Todo o cal consideramos os socialistas demostrado co feito de que, neste último inverno arderon, só en Ourense, 400 hectáreas de monte, sendo en xaneiro a media de catro lumes ao día, chegándose ao case de que, nunha soa fin de semana, en tres municipios da nosa provincia, rexistráronse lumes que sumaron máis de 150 hectáreas queimadas.

O Parlamento galego aproba a nosa proposta para dotar dun local ao Ateneo

25/03/2017
By

O texto, aprobado por unanimidade, é o seguinte: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dotar ao Ateneo e Ourense, antes de que remate o ano 2017,dun espazo de titularidade pública axeitado e coas condicións requeridas para que esta entidade continúe coa súa actividade sen ánimo de lucro”.

A proposta inicial socialista foi defendida pola nosa deputada Noela Blanco, que lembrou que, xa no ano 2016, os socialistas socialistas lograran o compromiso do Goberno galego de dotar á entidade dun “asentamento definitivo”, abrindo “unha porta de esperanza para a directiva do Ateneo”, polo que pediu á Xunta “altura de miras” para poder pór fin “de maneira urxente” ao “futuro incerto” da institución, “símbolo da vida social e cultural da cidade” e “históricamente defensora da cultura e as liberdades”, evitando que teña que facer fronte a un novo desaloxo.

“Aos ourensáns e ourensás resultaríanos difícil entender a vida social, cultural e política da cidade sen unha entidade coma o Ateneo, que foi dende os seus inicios un verdadeiro reduto para debater en liberdade, e un referente de tolerancia e diversidade” engadiu a compañeira.

Na súa intervención, Blanco tamén lembrou que a Xunta actuou con “complicidade” no desafiuzamento que sufriu o Ateneo no 2011 “froito de intereses urbanísticos e económicos”, e que deu comezo á actual época na que o Ateneo vén de estar obrigado a “bracear” para non desaparecer.

A Xunta desbota por escrito crear unha unidade de ictus en Ourense

20/03/2017
By

A nosa deputada no Parlamento de Galicia Noela Blanco, denunciou hoxe que a Xunta vén de confirmar por escrito a súa renuncia a crear unha Unidade de Ictus no CHUO. Así o confirmou o propio goberno galego nunha resposta remitida á compañeira.

Blanco reclamáballe á Xunta a creación de dita unidade, ao que a Xunta responde literalmente que “conta cos recursos necesarios para diagnosticar e trata-los ictus, e derivar aos pacientes a outro nivel asistencial cando o precisen”. A deputada socialista sinala que se trata “dunha mostra máis do desprezo pola saúde dos ourensáns e un agravio comparativo para esta provincia”, e lamenta que a Xunta “non só non entende o que supón a sanidade pública, senón que fai todo o posible por desmantelala”, reducindo as prestacións e negándolle a boa parte da poboación da que é responsábel, un servizo sanitario de calidade.

A deputada lembra que Ourense carece de radioterapia e hemodinámica vintecatro horas, vén de perder o servizo de Cirurxía Pediátrica e sofre colapsos sanitarios crónicos sen que fagan nada por remedialo; e que en Galicia existen na actualidade dúas Unidades Específicas de Ictus, en Vigo e Santiago, e estase formando unha nova para A Coruña, malia que Ourense sexa unha zona cun alto índice de patoloxía cerebrovascular. Este último feito, unido a que o trinta por cento dos ourensáns superan os sesenta e cinco anos, fai que Ourense, en palabras da compañeira “necesite unha unidade que está demostrado que diminúe a morbilidade e mellora a calidade de vida dos afectados por estas patoloxías”.

Leiceaga visita Ribadavia e demanda a apertura na vila do Museo do Viño de Galicia

museo_do_vinho

O voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou o “desleixo permanente” da Xunta coa dinamización do rural, no marco da súa visita á capital d’O Ribeiro, na que o acompañaron a deputada pola nosa provincia Noela Blanco e o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez

Fernández Leiceaga puxo o caso deste Museo como paradigma do desleixo do goberno galego e da falla de compromiso co rural tanto do Executivo autonómico como da propia Deputación, xa que, logo de trinta anos dende que foi planificado, este Museo está totalmente preparado para a súa apertura e fica á espera de que a Xunta o dote de fondos e persoal.

Leiceaga sinalou que se trata dunha “oportunidade para o Concello, a comarca e toda Galicia”, por canto serve de complemento para impulsa-la actividade turística do interior de Galicia, malia que a actual situación está a supoñer que a iniciativa fique lastrada por unha decisión política deliberada do goberno galego.

A reivindicación desta apertura, que vai ser tratada no pleno do Parlamento da próxima semana, foi presentada por Leiceaga tamén como un xeito de “chama-la atención sobre as consecuencias do seu desleixo permanente e continuado, que non é froito da ignorancia”, en referencia á Xunta do PP.

A deputada Noela Blanco explicou que os socialistas lle reclamarán á Xunta unha data de previsión de apertura da infraestrutura, que constitúe “unha mancha máis da Xunta coa comarca do Ribeiro”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, reivindicou que o Museo do Viño “sexa algo máis que un argumento para que o PP veña facer fotos e anuncios en campaña electoral”, lembrando que “foi un alcalde socialista quen iniciou o proxecto, foi un presidente da Xunta socialista quen conseguiu poñelo en marcha e é o PP quen o está aprazando continuamente”, e reclamou un compromiso claro dende a Xunta e a Deputación que, dixo, “ten persoal suficiente para dotar” ao Museo do Viño de Galicia e poñelo en marcha, en alusión á controvertida política de persoal de Baltar no ente provincial.

Esiximos a dimisión da Delegada da Xunta por cómplice do incumprimento da inhabilitación do ex-alcalde de Melón

 

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión da delegada da Xunta en Ourense por ser “cómplice do incumprimento da sentenza xudicial que inhabilita ao ex-alcalde de Melón ata o 2021”. Así o dixo logo de constatar que o ex-alcalde e a actual alcaldesa, que ademais é a súa esposa, foron recibidos onte nun despacho oficial pola Delegada.

Blanco considera “gravísimo que, no exercicio das súas funcións, Marisol Díaz se reunira co ex-alcalde para tratar asuntos deste Concello, a pesares de estar inhabilitado para exercer cargo público”, e sinala que dita recepción amosa que a representante da Xunta é “cómplice do incumprimento dunha sentenza xudicial”, constatándose ademais “que, como vimos denunciando os socialistas, é público e notorio que Pardellas segue liderando o goberno de Melón na sombra”.

O ex rexedor foi inhabilitado para o exercicio de cargo público durante oito anos e medio por prevaricación ao autorizar un polideportivo a 75 metros do mosteiro cisterciense de Santa María.

 

Os socialistas critican a sectaria e excluínte reunión do conselleiro José Manuel Rey e Manuel Baltar con cargos do PP da comarca de Monterrei

14/02/2017
By

 

2017-02-14-PHOTO-00000395

 

Unha reunión sectaria, excluínte e un uso partidista das institucións públicas. Iso é o que pensan os socialistas da provincia de Ourense do encontro que o conselleiro, José Manuel Rey, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantiveron onte no reformado edificio do Concello de Oimbra, única e exclusivamente con alcaldes e cargos do PP. Rey incluso presumiu nas redes sociais do acto. O conselleiro asegurou que mantivo o encontro para “prestar uns mellores e máis amplos servizos a todos os galegos” e para “acadar un maior benestar para todas as persoas”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Raúl Fernández, califica a reunión dos populares como “sectaria” e “excluinte”, xa que discriminaron deliberadamente a máis da metade dos veciños e veciñas da comarca de Monterrei. “Foron excluídos do encontro os alcaldes socialistas de Verín e Castrelo do Val, que representan ó 50% dos habitantes da comarca de Monterrei e, sen embargo, sí estaba o exalcalde e actualmente senador, José Manuel Jiménez Morán”, recorda Fernández.

O deputado galego e líder dos socialistas na provincia de Ourense pregúntanse qué concepto de “todos os galegos” e “todas as persoas” teñen Rey, Baltar e os demais populares da fotografía, cando marxinan dunha forma tan evidente e bochornosa a miles de ourensáns. “O tempo do NODO xa pasou”, alerta. “O PP non pode usar en beneficio propio as institucións públicas, discriminando a 16.000 veciños e veciñas gobernados polos socialistas na vila cabeceira de comarca e en Castrelo do Val”, insiste

Noela Blanco esixe á Conselleira que a Xunta interveña para impedir que varias estacións de tren se convirtan en “estacións-pantasma”

Noela Blanco

A nosa deputada no parlamento de Galicia, Noela Blanco preguntoulle ao goberno galego se ten realizado algunha xestión diante do goberno central para mante-lo servizo de venda de billetes en tódalas estacións de ferrocarril da comunidade, ante o risco de que se convertan en “estacións-pantasma”, noutro caso de marxinación ao medio rural, con case 200 000 cidadáns afectados en toda Galicia, uns 70 000 deles na nosa provincia, aos que obrigan a “baixarse do tren do progreso”.

A compañeira alertou de que, segundo alerta o persoal ferroviario, sete estacións de tren en toda Galicia, catro delas en Ourense (Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín e Carballiño), perigan no novo plan ferroviario de Renfe e Adif para reestruturar neste ano o seu servizo de vendas, “deixando importantes núcleos de poboación sen servizo presencial de información e venda de billetes, e implicando, nalgúns casos, o peche das que fiquen sen persoal”, e lembrou que, en moitos casos, estes servizos serven para “fixar poboación” en zonas “especialmente envellecidas”.

A deputada lembroulle á conselleira de Infraestruturas a “responsabilidade moral e de goberno” que ten a Xunta fronte ás decisións do goberno central, e destacou que, para cadansúas comarcas, estas estacións son “vitais dende os puntos de vista social, económico, cultural” e, en casos como o da de Ribadavia, incluso arquitectónico; e, por todo iso, reclamou contactos urxentes para impedi-lo peche destes servizos.

Blanco tamén lle lembrou á conselleira que nalgunhas destas zonas “a poboación maior de sesenta e cinco anos multiplica por tres á menor de quince” e que “nalgúns casos nin sequera hai cobertura” para usar Internet, tras suxeri-la Xunta o uso desta vía para a compra de billetes.

O Grupo Socialista na Deputación, pola súa banda, estima que uns 103 000 viaxeiros usaron o ano pasado as devanditas catro estacións afectadas en Ourense, lembra que un proceso semellante aconteceu en case tódalas estacións da liña entre a cidade e Zamora e que o propio grupo alertou, hai un mes, deste “intolerábel ataque ás infraestruturas da provincia “, e anuncia estar a traballar “nunha estratexia conxunta cos socialistas das comarcas afectadas”.

Esiximos ao conselleiro de Sanidade “medidas urxentes” ante o novo colapso no CHUO causado por unha “nefasta previsión” da súa Xerencia

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco, reiterou a petición de destitución da xerente do CHUO, Eloína Núñez pola súa “incompetencia e inacción reiterada”, e esixiu ao Conselleiro a adopción de “medidas urxentes” no CHUO despois de que onte se rexistrase un novo colapso nas instalacións, o segundo nunha semana, con esperas de ata dez horas para os pacientes e falta de persoal e ata de camillas para poder atendelos.

Blanco destaca a “nefasta previsión” da Xerencia, nunhas datas nas que é habitual que se produza un pico de actividade, e a pesar das reiteradas advertencias dos socialistas; e apunta tamén á responsabilidade directa do conselleiro, Vázquez Almuíña, quen negou a necesidade de reforzos no complexo tras unha pregunta parlamentaria da nosa compañeira.

Precisamente a falta dos reforzos médicos necesarios no Complexo, sumado a que nestas datas festivas non se susbtituíu aos médicos de Atención Primaria (o que provoca que os enfermos acudan a Urxencias), foi o que provocou este novo colapso. Esta saturación derivou, ademais, nun alto nivel de estrés nos traballadores do CHUO, que, como denuncia a deputada, “son os que están a sacar adiante o CHUO co seu traballo nunhas condicións inaceptables, e ante a situación de parálise da súa Xerencia”.

Reclamamos a dimisión de Baltar Blanco, absolutamente incapaz de defenderse en sede parlamentaria dos feitos polos que foi imputado pola Xustiza

Noela-Blanco-1

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión do presidente da Deputación de Ourense polo seu “desprezo absoluto á institución que preside e a todos os ourensáns”. Así o dixo na presentación en Comisión parlamentaria dos orzamentos da institución provincial.

A compañeira tamén destacou o feito de que a Deputación de Ourense teña destinado 5 millóns de euros á implantación dunha “administración electrónica” que “custa 700 000 en Pontevedra”, repartindo 14 000€ a cada concello “independentemente do seu tamaño, cando hai pequenos municipios que cobren o servizo por 5 000”.

Blanco acusou ao presidente da Deputación de actuar como “o señor dun castelo medieval”, e instou aos responsables do PP e do goberno galego a tomar “decisións políticas” contra un cargo “imputado por un presunto caso de acoso sexual”. Lembrou que hai 411 días que coñeciamos “a denuncia dunha muller por ofrecerlle traballo na Deputación a cambio de sexo”.

A compañeira censurou as respostas tanto de Baltar Blanco como do propio presidente da Xunta, vitimizando ao presunto acosador e culpabilizando á vítima, cualificándoas de “preocupante e perigoso pola mensaxe que dá a tódalas mulleres que se atopen nesta situación”, co risco de que “poidan replantexarse as denuncias ante o medo e a incomprensión”.

A compañeira criticou tamén a xestión do ente provincial por parte do PP, que o converteu “na deputación galega con máis gasto en órganos de goberno”, logo de subir un 8,8% a partida orzamentaria de persoal, adicando a este fin o 60% dos seus fondos. A Deputación de Ourense supera en 30 puntos o gasto en persoal da d’A Coruña, e é a que menos destina a investimentos: un 23,4%, fronte ao 33,7% da de Lugo.

Ademais, é a Deputación que menos destina á protección e promoción social: un 7% fronte ao 12 da de Pontevedra ou ao 15 da de Lugo, mentres no último mes a nosa provincia vén de sumar 30 novos desempregados por día, ata acadar un total de 21 922.

A nosa deputada criticou ademais o gasto de 300 000€ na visita dunha delegación de empresarios norteamericanos recibidos cun dispendio de gaiteiros, boa comida e visitas a lugares emblemáticos, e comparou esta “actuación” de Baltar Blanco coa do “alcalde xordo do filme Benvido Mr. Marshall”, ante a profunda crise política e económica que o rodea .

Reclamamos no Parlamento o cese da Xerente do CHUO

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe ao conselleiro de Sanidade, na sesión de control ao goberno galego, que “cese dunha vez por todas, e deixe de protexer, á xerente do CHUO”. Blanco tamén reclamou ao Conselleiro que mantivese un encontro coa xunta de Persoal do Complexo para analiza-la saturación das súas Urxencias, así como as súas eivas materiais e de persoal, ou os retrasos na súa ampliación.

A compañeira comparou á “incompetencia” da xerente do CHUO, Eloína Núñez, cunha “enfermidade que está a se cronificar” por canto “pilota todo pero non conduce absolutamente a nada”, ironizando coa expresión “prima de risco”, en alusión ao parentesco entre Núñez e o presidente da Xunta. O seu balance resúmese en “colapsos sanitarios, faltas ao dereito á intimidade de pacientes que son atendidos en corredores a quince centímetros doutros doentes, e pacientes ingresados en cardioloxía que rematan en Urxencias como práctica habitual”.

Blanco tamén responsabilizou á xerente do CHUO da “sobrecarga física e mental dos profesionais sometidos a contratos de dúas horas ou cambios de ubicación”.

A pregunta parlamentaria foi presentada pola deputada logo dos recentes episodios de saturación das Urxencias rexistradas no CHUO dende novembro, chegando a “abrir a Sala de Tránsito e a Unidade de Preingreso sen estar dotadas de infraestruturas nin medidas de hixiene acaídas, mentres manteñen pechadas unidades no Hospital ‘Santa María Nai’, así como a planta do Hospital de Piñor prevista teoricamente para picos de actividade e a ampliación” do edificio Cristal, cuxa apertura estaba prevista para hai dous anos, e que se continúa adiando.