Grupo Provincial Socialista

O PP dilapidou 129 000 € públicos nunha canceira abandonada en Melón

O Voceiro do noso Grupo na Deputación, Ignacio Gómez, denuncia o estado de abandono da canceira de Melón, debido á desidia dos gobernos do PP. Nacho Gómez, acompañado polo Voceiro do Grupo Municipal Socialista no nese Concello, Marco Antonio Portela, comprobou in situ o estado da canceira, de desleixo absoluto, despois da grande inversión pública realizada. O Grupo Provincial Socialista recorda que, segundo o correspondente Plan Provincial, a Deputación poría en funcionamento cinco centros que ían ofrecer o servizo de recollida de cans abandonados en toda a provincia. Dentro deste plan se construiu, entre o 2010 e 2011, unha canceira no Concello de Melón. Nacho Gómez lembra ao respecto que “os socialistas ourensáns, sempre, nos amosamos contrarios a esta construcción porque Melón nunca foi exemplo á hora de xestionar proxectos e recursos públicos; os antecedentes os preceden; e desgraciadamente, o tempo deunos a razón”.

A inoperancia neste asunto foi manifesta, tanto se temos en conta o papel da administración local coma do propio AGADER (a principal entidade inversora do proxecto) coma a Deputación provincial. Na construcción desta canceira foron investidos, mediante subvención da Xunta e fondos europeos, 129 000 euros. Despois deste esforzo económico público, hoxe a canceira está pechada e abandonada (e xa tiña que estar en funcionamento no 2013); mentres os concellos da comarca d’O Ribeiro, teñen que facer uso de convenios asinados e envia-los seus animais en estado de abandono á canceira do Carballiño, que está totalmente desbordada.

Pero a esta inoperancia se suma a incompetencia no PP de Ourense. Ante a nosa denuncia, o deputado provincial Pablo Pérez, ao que Baltar Blanco deu unha adicación exclusiva como responsábel da área de Cooperacion, que inclúe ás canceiras, manifestou o seu descoñecemento polos centros que este servizo, ao seu cargo, engloba. Neste senso, o BOP do 4 xaneiro do 2013 publica o convenio entre a Deputación e os Concellos onde se ubican as canceiras existentes e as futuras, entre as que se atopa a de Melón e que dura ata finais do 2022. De feito, non hai moito unha brigada da Deputación levou a cabo obras de reparación da cuberta.

Preguntámonos polas razóns de que, tras unha custosa inversión de recursos públicos, O Ribeiro non teña servizo de recollida de cans abandonados. E temos serias dúbidas sobre a xestión dos cartos públicos vidos de Europa para este proxecto.

No noso Grupo na Deputación hai serias dúbidas respecto a se Baltar Blanco contou toda a verdade cando foi interpelado por esta cuestión. E hai serias dúbidas de que a Deputación investise cartos públicos procedentes de subvencións na canceira de Melón, posto que hai numerosos indicios que indican o contrario.

Por iso daremos traslado desta cuestión aos nosos representantes no Parlamento galego, para que procedan a investigar un proxecto con presuntas irregularidades que, en todo caso, é un novo despilfarro de cartos públicos.

Gómez cre que, cando menos, a cuestión da canceira de Melón é unha mostra máis da inoperancia e incumprimento reiterado dos propios proxectos por parte do PP na Deputación de Ourense; ao que lembramos a súa obriga de cumprir-las súas funcións de goberno en, e acordos de, o ente provincial. Ademáis, o compañeiro cre que non se pode permitir que despois do devandito investimento, estas instalacións estean pechadas por culpa dunha decisión caprichosa de Baltar sobre a ubicación deste servizo, cuxo único obxecto foi contentar os aires de grandeza do grupo caciquil que goberna o concello de Melón.

E respecto ao deputado Pablo Pérez, o noso Voceiro na Deputación aconséllalle que sería mellor que o tempo que adica a falar cos xornalistas para intentar que minusvaloren as nosas denuncias, o adicase, primeiro a coñecer cales son as súas propias responsabilidades, e despois a realiza-las tarefas que ten asignadas, e así nós non teríamos que falar de incompetencia no primeiro caso, e inoperancia no segundo.

O Voceiro do Grupo Provincial Socialista, Ignacio Gómez, denuncia o incumprimento reiterado dos acordos plenarios por parte de Baltar.

02/03/2016
By

O Grupo Provincial Socialista insta a que se faga o Regulamento das Brigadas de Vías e Obras, toda vez que leva 22 meses aprobado o acordo.

Baltar incumpre ata as súas propias propostas en cuestións tan fundamentais coma este Regulamento, que aseguran o bo funcionamento da cooperación que debe prestar a Deputación aos Concellos da provincia de Ourense.

 

Ourense a 1 de Marzo de 2016. O Voceiro socialista na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, denuncia o incumprimento reiterado dos acordos plenarios que adopta a Corporación da Deputación de Ourense, mesmo aqueles que se adoptan coas emendas do propio Partido Popular. Tal é o caso do acordo adoptado no  Pleno do 30 de Maio de 2014, cando  a Corporación aprobou unha Moción do Grupo Socialista coa emenda do Grupo Popular nos seguintes termos:  “O Pleno adopta o seguinte acordo: Revisar as normas de 1996 que regulan o funcionamento das brigadas de Vías e Obras desta Deputación, elaborando un texto que se someta á consideración da Comisión correspondente para que os Grupos Políticos fagan as achegas que xulguen oportunas”.

 

Tal e como denuncia Nacho Gómez, 22 meses despois desta adopción de acordo, a Brigada de Vías e Obras segue sen estar regulada nin se someteu proposta algunha á comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural. O Grupo Provincial Socialista, considera vital que se axilice a redacción deste Regulamento para asegurar a utilidade para os intereses públicos dunha ferramenta tan importante para a cooperación municipal así coma  para asegurar o mantemento da rede de estradas provinciais e locais.

 

Puidera acontecer que o señor Baltar se arrepentira dos propios acordos que se toman en sé plenaria, mesmos dos que emenda ou propón o seu grupo; posto que a cuestión do Regulamento de Vías e Obras, non é cuestión illada; senón habitual. O Grupo Provincial Socialista, en observación da súa labor de fiscalización, velará pola cumprimento de todos e cada un dos acordos adoptados pola Corporación provincial e, xa poden adiantar, que se trata dun número importante.

 

Tal e como vén denunciando o Grupo Socialista e destaca o seu Voceiro, Nacho Gómez, Baltar parece máis preocupado en cuestións espurias, banais e efectistas, coma as súas viaxes e actos de auto-promoción, que en solucionar os problemas dos cidadáns e das entidades locais da provincia de Ourense. Dende o Grupo Provincial Socialista, querémoslle recordar ao Presidente da Deputación, que ten que cumprir coas súas obrigas e coas funcións da institución, sobre todo no que respecta á cooperación e asistencia aos Concellos da provincia, aínda que non lle resulte tan grato coma andar de paseo en xira promocional. Os socialistas, reiteran que estes incumprimentos se veñen repetindo dende que Baltar Blanco ocupa a Presidencia e que van exercer a presión necesaria para que se respecte o que se acordou democraticamente.

 

É normal que Baltar Blanco se esqueza de cumprir os acordos que se adoptan e que non leve o día a día, na Deputación porque hai meses nos que non pasa máis de dez días na sé provincial. O Presidente da Deputación está obsesionado con facerse fotos con todos os famosos que atopa no seu camiño e emprega a institución provincial e os cartos de todas e todos para promocionarse politicamente dentro do seu partido e para agrandar un ego que xa de por si ten moi subido.

 

Por elo, o Grupo Socialista pídelle a Baltar que descenda á terra e se ocupe dos asuntos do seu cargo de Presidente da Deputación e deixe de pasarse as semanas de tour por diversos escenarios nacionais e agora tamén internacionais.