Grupo Provincial Socialista

O PSOE de Ramirás agradece aos veciños a unión amosada para deter as intencións de “ABanca” de pechar a oficina de Villavidal

15/03/2017
By

Isabel Gil, Portavoz socialista, está segura que só a presión veciñal puido acadar que se manteñan as condicións de apertura actuais

Os socialistas denuncian a actitude escurantista do Alcalde, quen se apresou a desconvocar a mobilización prevista pese a non ter a confirmación por escrito dos directivos da entidade

 

Ourense, 14 de marzo de 2017. Dende o PSOE de Ramirás consideran que o escurantismo co que o alcalde está a levar toda a cuestión da redución de atención ó público da oficina de “ABanca”, indica que xa tiña acordado ceder nas condicións de apertura. Co remate, onte pola mañá, dunha nova xuntanza con directivos da entidade bancaria, quedou máis en evidencia, se cabe, a pouca gana do alcalde de estar xunto ao seu pobo reivindicando o mantemento do servizo. Tal como relata a Portavoz socialista en Ramirás, Isabel Gil, a pesares de que nesa reunión non se adquiriu un compromiso firme, xa que quedou pendente de confirmar por escrito por parte dos directivos do banco; ó alcalde faltoulle tempo para desconvocar a manifestación prevista. O que se deduce de toda a actitude amosada polo alcalde popular de Ramirás é que non ten a valentía suficiente para defender, pase o que pase, os intereses dos veciños e veciñas do concello que preside.

A falta de información e transparencia por parte deste goberno é tanta que os representantes socialistas se tiveron que enterar por outras fontes, da desmobilización, antes de que o Alcalde dese a cara. Todo apunta a que as boas intencións de actuar conxuntamente neste tema de defensa dun servizo fundamental para a cidadanía, quedaron en nada. Tal como lembra Isabel Gil, “Xa dende o inicio do problema tivemos a sospeita de que o Alcalde prefería que nada se soubese e negociar el cos do banco e ceder sen que houbese mobilización cidadá. Canto menos ruído mellor para non ter que dar a cara polo pobo que goberna” . Sen embargo, as circunstancias foron desfavorables para o rexedor posto que os socialistas lideraron a iniciativa de rexeitamento do peche que pretendía “ABanca” e non tivo máis remedio que unirse para non quedar mal. Tanto Pleno Extraordinario coma as medidas de presión acordadas foron iniciativa do PSOE de Ramirás e non van claudicar ante o que pode ser unha tentativa de acalar a protesta dos veciños e veciñas.

Polo momento, os socialistas queren agradecerlle a todas as veciñas e veciños do concello, aos mozos que fixeron súa a protesta en redes sociais e a todas as persoas que se mobilizaron, todo o esforzo realizado posto que están seguros de que a entidade bancaria non desistiría da súa intención de peche senón fose pola presión cidadá. De momento, dende o PSOE indican que só teñen a confirmación de que se vai manter o servizo tal cal está (5 días á semana e unha tarde) ata dentro de 3 ou 4 meses, que se van reunir de novo para avaliar a situación. Esta medida provisional fai pensar que as intencións da entidade bancaria non mudaron pero que, polo momento, non van levar adiante a redución ou peche da oficina de Villavidal. Por isto, dende o Grupo Municipal Socialista de Ramirás anuncian que van estar vixiantes e á expectativa do que aconteza nos vindeiros meses, fiscalizando a cuestión e asegurándose que non hai a máis mínima modificación no acordado. Os socialistas queren deixar claro que non van escatimar en accións se ao final, dende a entidade bancaria, non cumpren coa súa palabra.

Para o PSOE de Ramirás e para a súa Portavoz esta cuestión é fundamental por varias razóns, non só pola estrutura poboacional do concello, avellentado e rural, senón pola supervivencia dos negocios e empresas do municipio e o desenvolvemento económico presente e futuro de Ramirás. Por outra banda, Isabel Gil tamén quere sinalar que o Bloque, terceira forza política na Corporación, non pode ser cómplice de quen queira acalar a cuestión, é dicir, do Alcalde, quen goberna en minoría. É fundamental que o socio nacionalista de goberno do PP en Ramirás, que tanto din defender os servizos no rural galego, tomen parte polos intereses do pobo que os escolleu como representantes.

Para finalizar, Gil, quen tamén é deputada provincial pola comarca, quere que Baltar non agoche a cabeza ante esta problemática xa que se supón que é a súa obriga defender os servizos no rural dos concellos aos que ten que prestar asistencia e axuda. Tal como está configurada a provincia, coa existencia de numerosos concellos pequenos e eminentemente rurais, a existencia da institución provincial só se xustifica se destina parte do seu cuantioso orzamento a asistir, apoiar e axudar a estas entidades, defendendo a pervivencia dos servizos públicos que se prestan á cidadanía.

O PSdeG-PSOE de Ourense mantén un encontro coa Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia para traballar na mellora do servizo na provincia

15/03/2017
By

Ourense sería a única provincia do Estado cos seus bombeiros privatizados se prospera o rescate da xestión no que traballan as outras tres deputacións de Galicia

Os socialistas, que xa defenderon a xestión pública dos parques do consorcio provincial, insisten en mellorar os servizos prestados e as condicións dos traballadores

REUNION FRANCISCO FRAGA MESA INTERSINDICAL BOMBEIROS

 

Ourense, 14 de marzo de 2017. O voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Francisco Fraga,mantivo un encontro con Xabier Villar, Álvaro Negreira e Óscar Rodríguez, representantes da mesa intersindical de bombeiros de Galicia, co fin de traballar conxuntamente para mellorar o servizo que prestan os catro parques comarcais da provincia.

Os representantes dos bombeiros galegos expuxeron as súas principais demandas e alertaron dos riscos da xestión privada deste servizo. De feito, dende a mesa intersindical están a traballar coas deputación da Coruña, Lugo e Pontevedra para rescatar as concesión dos seus parques comarcais a medio prazo. Un informe xurídico conxunto avalou o proceso para ese rescate e, actualmente, tamén están elaborando un informe económico que concretará os custes e beneficios exactos do proceso.

Os socialistas de Ourense esperan que a Xunta de Galicia non poña trabas. Mentres, a Deputación Provincial permanece totalmente descolgada deste proceso de rescate aludindo a informes –ninguén os viu– que, supostamente, botan por terra o cambio no modelo de xestión dos parques da provincia. Sen embargo, dende o colectivo de bombeiros recordan con contundencia que a xestión pública suporá un aforro medio duns 100.000 euros o ano por parque (de media teñen un custe anual de entre 800.000 e 900.000 euros); uns cartos que poderían ser destinados posteriormente a mellorar a servizo que se presta ós veciños e veciñas.

O PSdeG-PSOE da Deputación xa aludiu en numerosas ocasións o informe comparativo dos parques do Deza (xestión pública) e Valdeorras (xestión privada) elaborado en 2015. Ese extenso documento conclúe que o parque dezano ten un custe medio anual duns 125.000 euros menos que o parque de Valdeorras, prestando exactamente os mesmos servizos co mesmo persoal e idénticas instalacións. Entre os problemas derivados da xestión privada, os bombeiros galegos denuncian persoal insuficiente, condicións laborais precarias, carencia de condición de autoridade e, sobre todo, a falta de coordinación entre os distintos corpos de emerxencias. De feito, se os parques das comarcas se integran na xestión pública, os efectivos traballarán baixo o mesmo protocolo e cos mesmos sistemas de intercomunicación.

Francisco Fraga asegura que “as consecuencias negativas da xestión privada no consorcio provincial de Ourense acabamos de velas na selección de persoal para o parque do Carballiño”. “O proceso selectivo foron unhas probas baixo a apariencia de igualdade e publicidade que logo foron obxecto de múltiples queixas polo seu escurantismo e supostos casos de enchufismo”, advirte.

Os socialistas da Deputación levan tempo traballando na fiscalización do servizo de bombeiros que se presta fora da capital da provincia e, trala reunión coa mesa intersindical, tamén porán o foco “nos posibles incumprimentos da empresa á que foi adxudicada a xestión e no cambio de modelo de xestión dun servizo e un persoal que deberían ser integramente públicos”. Na actualidade, Galicia é a única comunidade que ten privatizado este servizo de emerxencias e se as outras tres deputacións galegas reverten a situación dos seus parques, Ourense pasaría a ser a única provincia do Estado cos seus bombeiros controlados por unha empresa privada.

Xinzo aproba a cesión da pista a Vilar de Barrio grazas á iniciativa impulsada polos socialistas e a pesares das reticencias do Alcalde

11/03/2017
By

A deputada e voceira, Elvira Lama, celebra a unanimidade e recorda que o principal obxectivo e mellorar a seguridade dos usuarios desta perigosa estrada que atravesa tres concellos

“Os índices de perigo de accidente son os mais altos de toda a provincia de Ourense”, concluíu un informe da Deputación trala reclamación do PSdeG-PSOE

Ourense, 10 de marzo de 2017. Un novo logro que repercutirá na mellora dos servizos prestados ós veciños e veciñas. Iso é o que acadaron novamente os socialistas, despois de que o pleno do Concello de Xinzo de Limia aprobase hoxe, co voto favorable do PSdeG-PSOE, PP e Xinzo Adiante, e a abstención do BNG, a integración da estrada OU-P-0000 na rede viaria dependente da Deputación de Ourense. Este traspaso de titularidade ó inventarioprovincial é fundamental para proceder a deseñar e executar as melloras urxentes de seguridade que require esta vía –ata o de agora en mans dos concellos de Xinzo, Sarreaus e Vilar de Barrio– de 10 quilómetros de lonxitude e que ten unha elevada sinistralidade. Nos últimos oito anos houbo 13 accidentes con cinco vítimas mortais e unha vintena de feridos.

deputada e voceira, Elvira Lama, recorda que se trata dunha pista “fundamental para as comunicacións destes tres concellos que, ademais, ten unha importante taxa de circulación de vehículos agrícolas e camións”. “Co traspaso á Deputación lograremos as reformas necesarias para facer reformas fundamentais e para implantar maiores medidas de seguridade”, recorda. “Atallar a elevada sinistralidade e mellorar a seguridade dos usuarios e usuarias é o noso principal obxectivo”, recorda a tamén voceira do grupo municipal socialista de Xinzo.

Lama explica que o pleno da Deputación asumiu o pasado mes de xaneiro a responsabilidade de facerse cargo da vía para regularizar a situación, despois de ter coñecemento dun informe da Xefatura de Tráfico no que se concluía a “urxencia” na mellora xeral da seguridade e na instalación de barreiras nas curvas e zonas mais perigosas. A moción tamén insta ós concellos a mellorar a sinalización das numerosas pistas que cruzan perpendicularmente a estrada.

 

Os socialistas rexeitan o enrocamento de Baltar e anuncian que non permitirán que unha persoa xulgada por presunto acoso sexual presida unha institución pública

10/03/2017
By

                                                                             

O PSdeG-PSOE defende que o mellor para a institución, para os cidadáns e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa

Manuel Baltar debe ser coherente e cumprir o seu propio código ético para non prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense

Declaracións de Baltar en Telemiño

Ourense, 10 de marzo de 2017. O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita con rotundidade o enrocamento de Manuel Baltar nos seus postos de presidente provincial do PP e da Deputación, no caso de que a maxistrada titular do xulgado de instrución número 3 da cidade de Ourense que o investiga por presunto acoso sexual e suborno, por supostamente ofrecer emprego a cambio de sexo, lle abra xuízo oral. Dende o PSdeG-PSOE respétase a presunción de inocencia de todas as persoas inmersas en procedementos xudiciais, mais anuncian que non se pode permitir que unha persoa xulgada por supostos delitos tan graves permaneza ó fronte dunha institución pública.

Baltar anunciou onte nunha entrevista en Telemiño –adxúntase un corte da súa intervención– que non dimitirá dos seus cargos se é xulgado, xa que achaca a denuncia que o mantén imputado, a unha invención e unha chantaxe de inimigos políticos para apartalo das súas responsabilidades políticas. O voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, rexeita frontalmente este anuncio xa que “o mellor para a institución provincial, para os cidadáns que representamos os deputados e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa”. “Os socialistas abandeiramos a loita contra a desigualdade da muller e contra a violencia de xénero e, por iso  non imos permitir que un caso de presunto acoso sexual manche a imaxe da Deputación”, advirte.

“Se Baltar se enroca e non dimite cando lle abran xuízo oral e o PP de Galicia e España permiten esa rocambolesca situación, incumprindo as normas internas do partido e o propio código ético da Deputación de Ourense, Feijóo e Rajoy serán cómplices da sentenza que recaia sobre o caso e corresponsables de danar seriamente a imaxe pública da institución provincial”, asegura Fraga.

E que o código ético impulsado e aprobado por Manuel Baltar na Deputación esixe ós seus cargos eludir accións que perxudiquen a institución: “Ao ser o espello da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución”. Ademais, este código ético, detalla que “non debe utilizar en ningún caso a súa posición institucional a fin de obter vantaxes para si ou procurar vantaxes ou desvantaxes para calquera outra persoa ou entidade, salvo nos supostos de discriminación positiva recoñecidos legalmente”, unha norma totalmente incompatible cunha acusación por presunto suborno.

 

A dirección do PSdeG-PSOE de Ourense impulsa un plan para implicar á Deputación na loita pola igualdade das mulleres da provincia

08/03/2017
By

 

Unha moción nos plenos da Deputación e dos concellos reclamará a implicación estable da institución provincial e da Xunta no financiamento dos Centros de Información á Muller                                                                             

A cúpula do partido e cargos orgánicos e institucionais asistirán ós actos reivindicativos que se celebrán mañá mércores na Praza Maior e na Subdelegación do Goberno

 

dav

 Ourense, 7 de marzo de 2017. A dirección do PSdeG-PSOE de Ourense quere implicar a todas as institucións ourensanas na defensa da igualdade da muller e, por iso, hoxe, na véspera do Día Internacional da Muller, acordouse levar próximo pleno da Deputación unha iniciativa solicitando unha liña provincial de axudas que, de xeito estable e permanente, dote de recursos ós concellos de Ourense de menos de 20.000 habitantes, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista. A iniciativa reclama igualmente que esas axudas sirvan para que os concellos conten cun plan de igualdade de oportunidades co obxectivo de incorporar a perspectiva de xénero na xestión municipal.

Nunha reunión celebrada na sede do partido, a que asistiron numerosos cargos públicos e orgánicos, debatiuse sobre a estratexia a seguir para adaptar as accións deste ámbito ás peculiaridades da provincia. Os socialistas están moi preocupados porque “o PP está instalado nunha falta de asunción de responsabilidades e competencias propias en materia de apoio á muller e contra as violencias machistas, que abraia incluso a moitas persoas dese partido”. “Galicia retrocedeu nos últimos anos co goberno do Partido Popular. Pasamos de ser vangarda en España en materia de igualdade a non ter nin unha consellería propia adicada a este asunto tan fundamental”, recordan.

Esta iniciativa do PSOE provincial tamén pon a lupa na Xunta de Galicia, que é a única administración responsable do mantemento dos Centros de Información á Muller, uns centros fundamentais para atallar o problema pola base. Os socialistas están “moi preocupados” porque os recortes e a desinterese do PP están a provocar situacións rocambolescas e, por iso, tamén se instará á Xunta a que configure unha rede autonómica de Centros de Información á Muller integral, permanente, equilibrada e, sobre todo, con dotación económica estable para o seu bo funcionamento. Actualmente, a financiación destes centros –14 na provincia de Ourense– faise a través de subvencións que varían cada ano o que imposibilita prestar un servizo permanente e de calidade.

Mais aló de titulares, de ristras de fotografías e de propaganda 2.0 coa que nos bombardea Baltar, a realidade da provincia é ben distinta da que o PP pretende vender. “A Deputación debe porse a traballar dunha vez. A Deputación, como goberno provincial que é, debe asumir responsabilidades nesta materia, destinando recursos para asistir ós concellos en materia de igualdade, abafados pola falta de axuda á que están sometidos polos gobernos do Partido Popular”, advirten dende o PSdeG-PSOE.

Os socialistas recordan que “as mulleres conseguimos saír do ámbito privado e formar parte do ámbito público, pero non é menos certo que o home, en moitos casos, non entrou no ámbito privado”. “Se a isto engadímoslle que, en Galicia, a conciliación é unha quimera, acabamos instalados nunha fina liña onde a crise foi durísima coas mulleres”, insisten. Tras esta análise, o partido concluiu que é “fundamental” a implicación da Deputación e dos concellos. Este plan de accións inmediatas tamén inclúe o traslado da moción os concellos da provincia con representación do PSdeG-PSOE.

 

Leiceaga visita Ribadavia e demanda a apertura na vila do Museo do Viño de Galicia

18/02/2017
By

museo_do_vinho

O voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou o “desleixo permanente” da Xunta coa dinamización do rural, no marco da súa visita á capital d’O Ribeiro, na que o acompañaron a deputada pola nosa provincia Noela Blanco e o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez

Fernández Leiceaga puxo o caso deste Museo como paradigma do desleixo do goberno galego e da falla de compromiso co rural tanto do Executivo autonómico como da propia Deputación, xa que, logo de trinta anos dende que foi planificado, este Museo está totalmente preparado para a súa apertura e fica á espera de que a Xunta o dote de fondos e persoal.

Leiceaga sinalou que se trata dunha “oportunidade para o Concello, a comarca e toda Galicia”, por canto serve de complemento para impulsa-la actividade turística do interior de Galicia, malia que a actual situación está a supoñer que a iniciativa fique lastrada por unha decisión política deliberada do goberno galego.

A reivindicación desta apertura, que vai ser tratada no pleno do Parlamento da próxima semana, foi presentada por Leiceaga tamén como un xeito de “chama-la atención sobre as consecuencias do seu desleixo permanente e continuado, que non é froito da ignorancia”, en referencia á Xunta do PP.

A deputada Noela Blanco explicou que os socialistas lle reclamarán á Xunta unha data de previsión de apertura da infraestrutura, que constitúe “unha mancha máis da Xunta coa comarca do Ribeiro”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, reivindicou que o Museo do Viño “sexa algo máis que un argumento para que o PP veña facer fotos e anuncios en campaña electoral”, lembrando que “foi un alcalde socialista quen iniciou o proxecto, foi un presidente da Xunta socialista quen conseguiu poñelo en marcha e é o PP quen o está aprazando continuamente”, e reclamou un compromiso claro dende a Xunta e a Deputación que, dixo, “ten persoal suficiente para dotar” ao Museo do Viño de Galicia e poñelo en marcha, en alusión á controvertida política de persoal de Baltar no ente provincial.

Denunciamos o desleixo do goberno municipal de Leiro, exemplificado no atraso no asfaltado da estrada OU-307 e na perda polo Concello dunha subvención para a adquisición de desfibriladores

08/12/2016
By

Na súa calidade de deputado provincial pola comarca d’O Ribeiro, Nacho Gómez levou á Deputación a denuncia dos compañeiros do Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, verbo a ausencia de asfaltado, dende hai dous anos e medio, en tramos da estrada provincial OU-0307 que une Leiro e Berán.

Os compañeiros de Leiro explicaron que no lugar d’A Agra se procedera, no 2014, á ampliación dunhas curvas na devandita estrada, intervención que consistiu en amplia-lo radio das mesmas e na colocación de sábrego como firme. Pero dende entón, o tramo segue sen ser asfaltado, co conseguinte risco para a circulación e para a integridade dos veciños e de tódolos usuarios da estrada.

Por aquel entón, o Grupo Municipal Socialista en Leiro lle preguntou ao alcalde, en Pleno, cando se ía proceder ao asfaltado destas perigosas curvas, ao que o rexedor respostou que estaba “en negociacións coa Deputación”. Dende entón, nada se sabe destas e a vía segue en condicións de provisionalidade.

Fartos desta situación de desleixo, os socialistas de Leiro deron traslado ao Grupo Provincial Socialista. Nacho Gómez solicitou explicacións sobre o problema na institución provincial, que é competente no tema. A falta destas, Gómez opina: “esta cuestión non é máis que a evidencia do que veño denunciando en numerosas ocasións: a falta dun plan de estradas provincial rigoroso e serio”, abundando que “ano tras ano, fan pequenas obras e reformas nas estradas que, lonxe de solucionar, xeran problemas aínda meirandes”.

Xa que logo, os socialistas de Leiro piden ao alcalde que explique en qué consistiron as súas xestións coa Deputación para solucionar o problema e, a maiores, o Grupo Provincial Socialista demanda que se informe acerca de cándo está prevista solución dun problema que xera un grave risco para os usuarios da estrada.

Por outra banda, e sen saírmos de Leiro, o noso Grupo Municipal neste municipio tamén vén de informar acerca de que o Concello acaba de perde-la oportunidade de recibir unha axuda para adquirir desfibriladores para seren instalados en lugares públicos. Ao contrario que outros concellos da contorna, o alcalde desaproveitou esta oportunidade que brindaba a Deputación, e non solicitou unha axuda que supoña o financiamento de ata 50% do custo dos destes aparellos. Así, ao contrario que Ribadavia, Melón ou Carballiño, Leiro fica sen subvención para adquirir uns dispositivos que resultan de grande axuda á hora de salvar vidas.

O voceiro municipal socialista, Manuel Rodríguez, esíxelle ao alcalde que dea as razóns da perda desta axuda: se foi por por puro desleixo ou porque coida que o Concello estea tan sobrado de cartos que pense adquirilos sen axuda económica.

E no semella que probábel caso de que a causa da omisión sexa, como os propios socialistas de Leiro veñen advertindo dende hai tempo, a falta de persoal, o panorama sería aínda peor, pois Francisco J. Fernández estaría a ignorar completamente ditas advertencias por pura teima persoal: o alcalde estaría a perder vantaxes e servizos para o pobo, antes que recoñecer unha evidencia

Manuel Rodríguez só agarda que a perda desta subvención non leve aparexada, irremediábelmente, a falta de adquisición dos aparellos, a cal xa fora solicitada polo Grupo Municipal Socialista antes incluso de que se convocase a axuda da Deputación, respostando daquela o alcalde que se disporía dos dispositivos “cando houbera dispoñibilidade” orzamentaria.

WhatsApp Image 2016-12-05 at 18.39.33

Francisco Fraga destaca que o cambio na Portavocía do Grupo Provincial Socialista se debe a decisións políticas amparadas pola lexitimidade e con pleno fundamento legal, democrático e estatutario.

14/11/2016
By

 

HPIM0187

FRAGA CIVEIRA: “A NOSA MÁXIMA NESTE NOVO TEMPO POLÍTICO VAI SER A DE SER ÚTILES PARA A SOCIEDADE OURENSÁ”.

 

Ourense, 14 de novembro de 2016. Francisco Fraga Civeira, acompañado da deputada provincial  Susana Rodríguez, compareceron perante os medios para dar conta da decisión da maioría do grupo provincial de nomear ao propio Fraga Civeira como novo Portavoz do Grupo Provincial Socialista. Nas súas declaracións explicou que, de acordo coa lexislación de réxime local e cos propios Estatutos do Partido Socialista, que esa maioría entendeu que era preciso un cambio na acción política do grupo provincial e solicitaron unha reunión coa dirección política provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, que se celebrou o mércores da semana pasada e, trala votación, arroxouse un resultado de 5 votos a favor da designación de Francisco Fraga como novo Portavoz e 1 abstención, así coma dúas ausencias, sendo 8 o número total de deputados e deputadas socialistas. Esta decisión foi comunicada, mediante escrito rexistrado na Deputación de Ourense, para informar ao Presidente do cambio na Portavocía do grupo socialista. Recalcou que se tratou dunha decisión legal e estatutaria e que corresponde coa vontade de cambiar o rumbo político do labor feito ata agora. Así mesmo confirmou que a decisión foi consultada co Secretario da Deputación e que recibiron a conformidade a unha decisión baseada na comunicación dun acordo democrático e maioritario que non admite moita discusión.

En declaracións de Fraga Civeira: “Esto supón o comezo dun tempo novo, un novo rumbo na acción política, unha dedicación total dos deputados á actividade política na Deputación e fóra da mesma mediante o contacto permanente con todos os grupos municipais socialistas, cos Alcaldes e Alcaldesas así coma cos compañeiros e compañeiras que están na oposición, para deste xeito atacar o catro piares que definen a política do Partido Popular nesta provincia: un sistema clientelar na adxudicación das obras,un sistema clientelar no reparto das subvencións en función da afinidade política, o reparto das axudas e convenios coas entidades locais en base a criterios partidistas e, por último, a falta de transparencia na contratación de persoal”.

Reiterou, así mesmo, que nin el nin o resto dos compañeiros/as ían perder o tempo en cuestións orgánicas, posto que para elo xa existían os propios órganos e canles do partido socialista. Recalcou que o seu labor se vai centrar no día a día da Deputación e en mellorar as condicións de vida e o futuro dos habitantes da provincia de Ourense.

Esta no seu ánimo dar un xiro político á acción do grupo, nin mellor nin peor á realizada antes senón diferente e consolidarse como alternativa de goberno. Recalcaron o carácter político da decisión e descartaron calquera tipo de cuestión personalista. Este tipo de decisións políticas teñen carácter de normalidade nas organizacións políticas, sempre tendo en conta o mellor para a cidadanía.

Engadiu, Fraga Civeira, que respecta e valora o labor de Nacho Gómez como deputado e avaliou como magnífico o seu desempeño ao fronte da Alcaldía. Manifestou, así mesmo,que agardan o mesmo respecto cara o seu labor que están a ofrecer, así coma a vontade de traballar xuntos e unidos a prol dos intereses da provincia de Ourense.

Recalcou, Francisco Fraga, que sempre destacou o activo que supoñen os Alcaldes e Alcaldesas socialistas, como el mesmo o foi pero que non hai que esquecer a posta en valor dos concelleiros e concelleiras do partido que son os que escollen aos seus deputados e deputadas provinciais. Nembargante, recordou que son os grupos de deputados/as os que escollen ao seu portavoz e polo tanto, tamén o cambian. O mesmo acontece nos grupos municipais ou noutros grupos doutras institucións. Destacou o máximo respecto            que se lles amosa pola autonomía dos grupos municipais e reclama o mesmo respecto paras as decisións adoptadas polo grupo de deputados e deputadas provinciais.

Quixo deixar claro, así mesmo, saíndo ao paso de falsas informacións que a decisión foi tomada por parte da maioría do grupo da Deputación e que a única e primeira reunión que tivera con Manuel Baltar fora no día de hoxe, por motivos de cortesía institucional. “Cadaquén é refén do que di e dono do que cala”, engadiu para zanxar cuestións de índole orgánica que poden distraer á nova dirección política do grupo do seu labor na Deputación.

Respecto das discrepancias que se están a manifestar no seo da organización, Fraga Civeira, recalcou a súa vontade de que se diriman polas canles e nos órganos adecuados e nunca, en ningún caso, poidan afectar ao traballo conxunto do grupo provincial socialista.

A Agrupación Socialista de Boborás achega máis de 200 sinaturas, diante do Rexistro da Deputación, esixindo o remate inmediato das obras na OU-0415.

17/09/2016
By

OS SOCIALISTAS DE BOBORÁS, FANSE ECO DAS NUMEROSAS QUEIXAS VECIÑAIS, DE USUARIOS E AFECTADOS, ALERTADOS POLA ALTA PERIGOSIDADE DADO O ESTADO DE INSEGURIDADE NO QUE SE ATOPA A ESTRADA

2016-09-16-PHOTO-00000607

A Agrupación Socialista de Boborás cumpre co prometido hai uns días, cando anunciaron a recollida de sinaturas entre a veciñanza, usuarios/as e afectados/as para esixir o urxente remate total das obras na estrada provincial OU-415 entre Brués e Feás. Así pois, hoxe pola mañá, o SX da Agrupación, Javier Lamas, fixo entrega de máis de 200 sinaturas recollidas entre os veciños e veciñas, tanto de Boborás coma da comarca, xa que se trata dunha vía de uso prioritario. Deste xeito, o SX da Agrupación e o Secretario de Organización, Amador Pérez, acudiron ao Rexistro da Deputación provincial, titular da estrada, acompañados polo deputado provincial da zona, Francisco J. Fraga, quen xa leva meses denunciando a lamentable situación que lle trasladan os seus compañeiros de Boborás. No escrito presentado, os asinantes esixen da Deputación o remate inmediato das obras proxectadas e o arranxo total da estrada, nestes intres, insegura e perigosa para os usuarios/as.

Dáse a circunstancia que os veciños e veciñas de Boborás levan agardando máis de 20 anos ao remate dunhas obras que parecen o conto de nunca acabar e que dan moitos quebradeiros de cabeza a quen as transita. O anuncio recorrente dun remate que non chega nunca, fai que a estrada estea permanentemente en obras, que dificultan o tránsito e aminoran, sensiblemente, a seguridade da estrada. Xa hai 8 anos, no 2008, que se anunciaba que a reforma da estrada se ía finalizar tras 20 anos de obras (LR 14/03/2008) e pasado todo este tempo, os usuarios/as seguen agardando. Parece, como ben din dende a Agrupación Socialista, que estes anuncios coinciden sempre con citas electorais, polo que agardan que desta volta, tanto o Concello coma a Deputación, o tomen en realmente en serio e non pequen de oportunismo político.

Tal como destaca Francisco Fraga, trátase dunha vía principal, non só polo seu carácter provincial  do servizo tan amplo que dá a toda a zona, senón porque conecta aos usuarios de Ourense coa provincia de Pontevedra, sendo de vital importancia asegurar o menor risco para os mesmos, cousa que non se está a producir. A ou-415 é unha estrada vital para comunicar e artellar unha parte moi ampla do Concello de Boborás e, ademais, supón unha alternativa ao paso do Alto do Paraño; polo que non é de recibo que estea nas condicións actuais. A este respecto, Javier Lamas, engade que o estado permanente de obras favorece a sinistralidade, sendo varios os casos de accidente que se deron na zona nos derradeiros tempos.

A Agrupación Socialista de Boborás quere destacar que non só recolleron sinaturas para seren entregadas senón o malestar da xente que está farta de aturar esta rexeitable situación. Os afectados e afectadas merecen ser escoitados na institución provincial e, sobre todo, no Concello de Boborás. Tendo en conta as queixas recibidas, os socialistas, solicítanlle ao goberno do PP de Boborás que, dunha vez por todas, esixa á Deputación de Ourense que se remate, de xeito total e non parcial, coas infinitas obras que afectan á OU-415 e, sobre todo, ao benestar, seguridade e tranquilidade da veciñanza e usuarios/as.

A deputada provincial socialista, Isabel Gil, aproveita a visita de Eloína Núñez ao centro de saúde de Celanova, para esixirlle que adquira o compromiso de ampliación do PAC, pola que levan agardando 15 anos.

08/09/2016
By

A deputada provincial polo partido xudicial de Celanova e portavoz socialista en Ramirás, Isabel Gil, tivo a oportunidade, exercendo a súa profesión como médico de familia no Centro de Saúde de Celanova de reivindicar as carencias ante a Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloína Núñez, na visita que está fixo ao ambulatorio da localidade, onte pola mañá. A curmá de Feijóo e máxima responsable do SERGAS na provincia de Ourense, acudiu ao centro de saúde de Celanova, nunha visita de claro corte electoralista, acompañada polo Alcalde do municipio e mais polo responsable de Recursos Económicos da Xerencia da Xestión Integrada de Ourense, Alberto Pedrera; nesta ocasión para, a escasos días do comezo da campaña electoral das autonómicas, dar os parabéns ás obras do teito que se están a realizar no centro.

Máis aló da clara intención de publicitar o traballo feito polo actual goberno da Xunta, do PP, nunha práctica cando menos sospeitosa pola acercamento da cita electoral; os e as sanitarios/as que desenvolven o seu labor no ambulatorio tiveron a ben achegarse a estes máximos responsables dos servizos de saúde en Ourense para facerlle chegar as súas xustas reclamacións de mellora do servizo que prestan e das instalacións nas que traballan.

Nesta ocasión, Isabel Gil, quen desempeña tarefas de medicina de familia así coma gardas e atención de urxencias, acompañou a varios compañeiros, que se achegaron a Eloína Núñez e lle fixeron saber que levan 15 anos agardando a que se solucione a precaria situación na que se atopa o PAC (Punto de Atención Continuada-urxencias) que atende a, nada menos, que 10 Concellos da contorna.

A doutora e deputada provincial explicoulle á xerente do SERGAS que acometen o seu labor nunhas condicións intolerables, sen salas de consultas habilitadas, tendo que atender aos enfermos que van a urxencias nas salas destinadas a raios X e a fisioterapia, sen que estean debidamente acondicionadas e habilitadas para elo. Os pacientes que acoden ao servizo de urxencias de Celanova teñen que soportar que se lles aplique un tratamento, como pode ser unha nebulización ou un soro, e agardar no corredor namentres os dous médicos e enfermeira do PAC, van atendendo a outros enfermos. Os sanitarios de Celanova din estar fartos desta embarazosa situación na que non se asegura a privacidade e intimidade do paciente ademais de non poder exercer o seu traballo nunhas mínimas condicións.

As consultas que empregan para urxencias non están dotadas nin do máis básico, como pode ser un lavabo ou un espazo de aplicación de tratamentos. Hai xa 15 anos que se reivindicou, por parte do persoal do centro de saúde, a ampliación do PAC e, neste tempo, o goberno galego non foi quen de cumprir con esta necesidade imperiosa. Isabel Gil, como afectada directa, fíxolle chegar esta petición a Eloína Núñez e instouna a que adquirira o compromiso dunha vez por todas. A deputada di que a xente está cansa de promesas baleiras e actos faltos de contido con intereses puramente electoralistas e que, na realidade, o partido que máis tempo leva ostentando o poder en Galicia e Ourense, o Partido Popular, non cumpra coas necesidades da cidadanía. Así mesmo, opina, que esta ampliación do PAC de Celanova, beneficiaría á propia xestión integrada de Ourense posto que, moitas veces, vense obrigados a derivar os casos a Ourense ante a ausencia de espazos habilitados para atender tratamentos e observacións. No caso de existiren estes espazos, dende Celanova, poderíase contribuír a desconxestionar o servizo de urxencias do CHUO, conclúe a deputada socialista.

Aproveitando a presenza do Alcalde e do xestor económico do SERGAS en Ourense, Isabel Gil tamén lles fixo chegar unha reivindicación histórica dos sanitarios que teñen que desempeñar o seu labor no centro de Celanova. Os médicos alí adscritos teñen que facer domicilios na vila e, moitas veces, deixan os aparcamentos libres e ao seu regreso xa están ocupados, obrigándoos a perder tempo procurando aparcamento. Así mesmo, cando van a atender nos fogares dos enfermos, teñen que deixar o vehículo mal aparcado ou en zonas non habilitadas e cargan coas conseguintes multas.

Tal como relata Isabel Gil, se tivesen unhas tarxetas de aparcamento, poderían desenvolver mellor o seu traballo sen preocuparse polo sitio ou as sancións. O labor que desempeñan nas atencións a domicilio é vital para a cidadanía e, polo tanto, as administracións local e autonómica deberían facilitar este traballo cos medios necesarios. O tema do aparcamento non só afecta aos doutores e doutoras senón a resto do persoal sanitario que traballa en Celanova e, nomeadamente, ao persoal das ambulancias. A falta de lugares e as propias características do centro, fan que teñan que aparcar os vehículos enriba da beirarrúa para poder atender, con prestancia, as emerxencias. O mesmo acontece cando acoden pacientes en cadeiras de rodas, tanto en vehículos privados coma nas ambulancias, ou ben os teñen que deixar na propia beirarrúa e ir procurar aparcamento ou teñen que subirse e facer un mal aparcamento.

Non é de recibo, reitera o persoal de Celanova, que se estean dando estas lamentables situacións e que os enfermos padezan as consecuencias, polo que demandan a habilitación inmediata de aparcamentos na zona, polo que reclaman o compromiso ineludible do Alcalde da localidade. Así mesmo, tal como lle trasladou a deputada provincial, é hora de que os servizos económicos do SERGAS teñan en conta as xustas reivindicacións dos médicos que fan domicilios e que precisan ver facilitados os seus desprazamentos.