Ourense

Reclamámoslle á Xunta que asuma a xestión do Centro de Día de Pereiro de Aguiar e axilice a súa apertura

09/10/2017
By

A nosa deputada e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou hoxe unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que asuma a xestión do Centro de Día d’Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, e axilice a súa posta en marcha, censurando que a “neglixencia” amosada pola Xunta e o Concello provocou que o centro tan só estivera aberto tres meses dende que fora comprometido en 2003.

Blanco lamentou que, “na actualidade, pasados catorce anos dende que aqueles dous gobernos do PP iniciaran as xestións para levantar unha residencia que prestase servizo aos maiores e dependentes deste Concello, o Centro de Día segue pechado”. Esta é a conclusión do proceso de construción dun servizo que foi un “cúmulo de despropósitos” por parte dos gobernos local e autonómico. Así, o Concello e a Xunta asinaron no 2003 un convenio para a construción, un proceso que rematou no 2008. Co inmoble rematado, o Concello negouse nun primeiro momento a recepcionalo alegando que o saneamento era incorrecto. Porén, no 2012, o xulgado estableceu que o edificio fora construído sobre chan que non era propio, devolvéndolle a titularidade das terras aos veciños.

O Centro foi aberto no 2013, pero logo da súa privatización e durante un breve lapso de tres meses, co que hoxe, despois de catroce, segue pechado.

Dez anos esperando por un novo centro de saúde no Pereiro

25/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reivindica-la construción dun novo Centro de Saúde en Pereiro de Aguiar, solicitado polo concello dende hai dez anos e comprometido polo presidente da Xunta dende o 17 de maio do 2016. Malia os anuncios, as obras continúan sen comezar.

Blanco acusou ao presidente da Xunta de “muda-los seus compromisos por enganos” na provincia, explicou que “os anuncios do PP para a construción do centro de saúde fixéronse sempre meses antes das eleccións autonómicas e municipais, sen que teñan posto nin unha soa pedra ata o momento”, lembrando que hai un convenio asinado entre o Sergas e o Concello dende o 1 de xullo de dito ano 2016. Ademáis, a Xunta dispón xa dun terreo cedido polo Concello, pero o proxecto continúa bloqueado a pesares de figurar nas memorias de orzamentos do 2016 e tamén do 2017.

Por iso a compañeira lle reclama a Feijóo “fixar, de forma inmediata, un calendario para o inicio, execución e remate das obras do novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar, así como asigna-las partidas orzamentarias correspondentes para que poidan ser levadas a cabo durante esta lexislatura”.

A deputada defendeu a urxencia do novo inmoble para un Concello en continuo crecemento que conta cun centro de saúde integrado no edificio da Casa Consistorial, o que impide a implantación de novas especialidades médicas necesarias, como Pediatría, Odontoloxía ou Fisioterapia, ademais de amosar “graves eivas de accesibilidade”, xa que nin ascensor hai.

O Parlamento galego aproba a nosa proposta para dotar dun local ao Ateneo

25/03/2017
By

O texto, aprobado por unanimidade, é o seguinte: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dotar ao Ateneo e Ourense, antes de que remate o ano 2017,dun espazo de titularidade pública axeitado e coas condicións requeridas para que esta entidade continúe coa súa actividade sen ánimo de lucro”.

A proposta inicial socialista foi defendida pola nosa deputada Noela Blanco, que lembrou que, xa no ano 2016, os socialistas socialistas lograran o compromiso do Goberno galego de dotar á entidade dun “asentamento definitivo”, abrindo “unha porta de esperanza para a directiva do Ateneo”, polo que pediu á Xunta “altura de miras” para poder pór fin “de maneira urxente” ao “futuro incerto” da institución, “símbolo da vida social e cultural da cidade” e “históricamente defensora da cultura e as liberdades”, evitando que teña que facer fronte a un novo desaloxo.

“Aos ourensáns e ourensás resultaríanos difícil entender a vida social, cultural e política da cidade sen unha entidade coma o Ateneo, que foi dende os seus inicios un verdadeiro reduto para debater en liberdade, e un referente de tolerancia e diversidade” engadiu a compañeira.

Na súa intervención, Blanco tamén lembrou que a Xunta actuou con “complicidade” no desafiuzamento que sufriu o Ateneo no 2011 “froito de intereses urbanísticos e económicos”, e que deu comezo á actual época na que o Ateneo vén de estar obrigado a “bracear” para non desaparecer.

O PSdeG-PSOE de Allariz propón a adopción dunha ordenanza de transparencia que asegure o acceso á información por parte da veciñanza

24/02/2017
By

 

Zaida Rodríguez, anuncia a formulación dunha pregunta en pleno para que os veciños e veciñas as coñezan as medidas do goberno local ante o grave suceso acontecido en San Mamede de Urrós

 

Ourense, 23 de febreiro de 2017. Co gallo de mellorar a saúde democrática e ser exemplo de boas prácticas, a portavoz socialista no Concello de Allariz, Zaida Rodríguez, leva, para o seu debate en Pleno, unha moción encamiñada a aprobación dunha ordenanza municipal de transparencia e acceso á información. Coa intención de que Allariz lidere a implementación de medidas que melloren a vida democrática do municipio, a voceira do PSdeG-PSOE quere que se afonde nas medidas encamiñadas a render contas ante a cidadanía. Tal como destaca, “non abonda con cumprir o estipulado na Lei de Transparencia nin cos prazos marcados polo goberno para adaptarnos á mesma, debemos ir un paso máis aló e facer realmente comprensible e accesible toda canta información sexa de interese para os nosos veciños e veciñas”.

Calquera concello, con independencia do seu tamaño, pode mellorar substancialmente en transparencia. Ese é o caso de Allariz, no que se puxeron en marcha medidas a prol dunha maior transparencia nos asuntos públicos e se apostou por estes principios. Nembargante, tal como defende a voceira socialista, non se pode perder ritmo e hai que estar permanentemente innovando e mellorando esta cuestión vital para a vida democrática.

Tal como é coñecido, o pasado 10 de decembro, rematou o prazo de dous anos concedido para adaptarse á Lei de Transparencia. Dende ese día, todos os concellos teñen a obriga legal de teren publicados, nas súas páxinas web, “de maneira clara, estruturada e entendible”, os orzamentos municipais e os salarios dos seus cargos, contratos asinados e subvencións concedidas, entre outros datos. Sen embargo, para cumprir coa normativa, non abonda con publicar estes datos, sen traballalos. “Cómpre que a información que se comparte coa cidadanía sexa comprensible, de fácil acceso e de xeito gratuíto”, engade Zaida Rodríguez. Por isto, o PSOE, insta a que o pleno adopte medidas que faciliten esa accesibilidade e comprensión.

Para os e as socialistas de Allariz, é imprescindible que para mellorar en termos de transparencia e bo goberno, se aposte pola rendición de contas ante os cidadáns. “A crise do noso modelo de democracia que vimos atravesando, onde se pon en cuestión o papel dos representantes políticos, fai que sexa máis necesario ca nunca, apostar pola transparencia na xestión e que entendamos a necesidade de combinar os instrumentos da democracia representativa cos da democracia participativa. A cidadanía non se conforma con ser un mero votante cada certo tempo, esixe participar na toma de decisións e fiscalizar as nosas accións en canto que representantes”, declara Rodríguez. Para a voceira socialista, xa non se trata dunha oportunidade de mellorar a forma de gobernar, senón dunha necesidade derivada das demandas da cidadanía, á que se debe responder dende as institucións públicas, sobre todo, dende a administración máis próxima aos veciños e veciñas. O obxectivo último é recuperar a lexitimidade perdida e a confianza cidadá así coma previr eventuais casos de corrupción e reforzar a eficiencia das administracións públicas nas que, lembremos, se xestionan os recursos de todas e todos.

Nos tempos que corren, reiteran dende o PSOE alaricano, cómpre airear as institucións, abrilas á cidadanía, que os veciños e veciñas se sintan parte da xestión diaria do seu concello. Por isto, Zaida Rodríguez, insta a que o concello de Allariz se poña á vangarda destas medidas de transparencia e bo goberno, apostando por unha administración local máis achegada ás demandas e necesidades da cidadanía. Por todo isto, os e as socialistas de Allariz reclaman ó pleno que o concello se adhira ao portal de transparencia da FEGAMP e que aprobe unha ordenanza propia de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos.

Asalto en San Mamede de Urrós

Nesa mesma sesión plenaria, a concelleira socialista preguntará polo acontecido na parroquia de San Mamede de Urrós, no que dous veciños foron asaltados, agredidos, torturados, extorsionados e roubados, veu a convulsionar a vida diaria dos veciños e veciñas de Allariz ao ver comprometida a súa seguranza. Respecto a este desgrazado acontecemento, os veciños e veciñas precisan coñecer, pormenorizadamente,o tipo de actuacións que se levaron a cabo para salvagardar a integridade dos e das alaricanos. O temor, fundado, que se instalou nunha poboación avellentada e dispersa, propia do noso país, fai que sexa esixible que o goberno de Allariz dea a coñecer todos as medidas postas en marcha para asegurar a protección dos habitantes do concello. Por todo isto, Zaida Rodríguez demanda, da equipa gobernante, que explique que datos manexa sobre este deplorable suceso e se foi convocada a preceptiva Xunta de Seguridade Local, tal como debe ser oportuno, dadas as circunstancias.

 

Instamos á Xunta a acabar coa paralización dos centros de Saúde pendentes

16/02/2017
By

A deputada pola nosa provincia no Parlamento galego Noela Blanco, achacou a paralización dos centros de saúde d’O Vinteún e Mariñamansa ao “desleixo” da Xunta e á súa “falla de entendemento” co goberno local da cidade.

Na Comisión de Sanidade do Parlamento, Blanco preguntoulle ao goberno galego por unhas obras dispostas polos gobernos socialistas e paralizadas dende a chegada de Feijóo á Xunta, lembrando que a obra prevista no barrio de Mariñamansa leva “meses paralizada”, logo de que o anterior goberno socialista puxera ao dispor da Xunta, no 2010, seis posibles ubicacións para a súa construción.

A deputada instou ao Director Xeral do Sergas a “poñerse de acordo” co Alcalde e escoller unha parcela, e acusouno de utilizar este argumento como coartada para deixar ao Sur da cidade sen o centro, lamentando que o Xerente do Sergas asegurara que “segundo contactos recentes co Concello de Ourense, non hai parcela na cidade para esta infraestrutura”, cando contan coas devanditas seis posibilidades diferentes postas en servizo polo anterior goberno municipal socialista, para unha infraestructura solicitada por dezaoito colectivos veciñais e polo Pleno do Concello na súa totalidade (que, no pasado mes setembro aprobou unha proposta socialista para “instar á Xunta a que se comprometa a fixar de inmediato un calendario para o inicio, a execución e remate das obras dos novos centros de saúde de O Vinteún e Mariñamansa, así como asignar as partidas orzamentarias correspondentes para levalos a cabo nesta lexislatura”)

No tocante ao Centro de Saúde no barrio d’O Vinteún, Blanco tamén criticou a súa parálise, tamén logo de que o anterior goberno municipal socialista acondicionara unha parcela cun esforzo adicional de explanación de 1250 metros cadrados, e un investimento de 284 000 € para a súa urbanización. A deputada lembrou tamén que esta obra foi licenciada ao amparo do daquela PXOM vixente, e criticou o “desleixo do goberno do PP”, que renunciou a solicitar unha nova licenza na actual Ordenación Provisional do urbanismo da cidade.

A compañeira lamentou que o Sergas “tampouco aporta ningunha data aproximada de execución do proxecto nin do orzamento que vai adicar ao mesmo, alegando un problema urbanístico ante o que o PP se cruzou de brazos, deixando que pasara o tempo sen tentar solventar esa situación”.

En todo caso, o certo é que, segundo explicou a deputada, na memoria do Sergas para 2017 estas actuacións non figuran como prioritarias, “nin hai orzamento dispoñible”, lembrando que o propio PP vetou, no debate dos orzamentos, as emendas presentadas polos socialistas galegos para destinar dous millóns de euros ao financiamento destas infraestruturas.

“Ourense non pode ficar atrás na construción dos novos equipamentos sanitarios”, demandou Blanco, xunto coa “posta en marcha dun plan xeral de reordenación, modernización e mellora da rede de centros de saúde de Atención Primaria”, criticando que o PP “utilice unha iniciativa nesta mesma Comisión para anunciar de novo os centros de saúde de Barbadás, Pontedeva, Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar, que, se se tratase do número de anuncios, xa estarían preinaugurados, inaugurados e postinaugurados, intentando tapar as eivas na capital da provincia”.

O PSdeG de Ourense, celebra unha reunión interparlamentaria para marcar as liñas extratéxicas do partido, a nivel institucional, desta lexislatura.

23/04/2016
By

DSCN6273

NA REUNIÓN, MANTIDA ENTE O SECRETARIO PROVINCIAL, RAÚL FERNÁNDEZ E O PORTAVOZ MUNICIPAL DO PSOE, JOSÉ ÁNGEL V. BARQUERO, TEN COMA LIÑA ESTRATÉXICA FUNDAMENTAL GARANTIR O DESENVOLVEMENTO SOCIO-ECONÓMICO DA PROVINCIA E DA SÚA CAPITALIDADE.

 

Ourense, 23 de Abril de 2016. No día de onte, tivo lugar unha reunión INTERPARLAMENTARIA na sé do PSdeG de Ourense presidida polo S.X. Provincial Raúl Fernández e o Portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, entre outros cargos institucionais e orgánicos; para marcar as liñas estratéxicas nos diferentes ámbitos institucionais nos que temos presenza, o PSdeG de Ourense: Deputación, Parlamento Galego e Cortes Xerais.

O traballo dos e das socialistas ourensáns e os seus representantes será en positivo, co primordial obxectivo de que  os homes e mulleres desta provincia que marchan en idade produtiva, polas pésimas condicións socioeconómicas que imperan nesta provincia logo de longos anos de gobernos populares, teñan a oportunidade de quedar, vivir e traballar na  provincia de Ourense.

Dun xeito máis particular, determinouse que a liña principal de actuación ten que ser a integración do AVE na cidade e o cumprimento das datas de remate da infraestructura. Así coma outras cuestións de enorme importancia para a comarca de Ourense coma poden ser a de dar solución ás demandas cidadáns, particularmente as que reclaman a titularidade pública do Centro de Velle (recollendo a inciativa das ANPAS) e de Vilamarín e a solución definitiva da construcción do centro de saúde do Couto, así coma a importante cuestión do transporte metropolitano, entre outros. Determinouse o mantemento de reunións periódicas, coma a celebrada onte, para facer o seguimento e avaliación destas demandas.

O debuxo político da Provincia de Ourense e, nomeadamente, da capital de provincia baixo os gobernos do PP, non é bo para os e as cidadáns.

Sabemos que o persoal público de amplos servizos básicos da Xunta de Galicia, foron reducidos dende que goberna o Sr.Feijoo. Soamente en Educación e en Sanidade, falamos de perto de 3.000 persoas menos. Pola contra, existen amplos servizos que están a ser privatizados por este goberno, principalmente no ámbito dos servizos públicos e sociais. Baste ver as numerosas licitacións levadas a cabo pola Consellería de Traballo para a xestión de centros sociais.

Son varios, os ámbitos que, principalmente, inciden negativamente no noso entorno:

Por unha banda, a reforma laboral levada a cabo polo goberno de Rajoy supuxo o maior ataque aos dereitos laborais dos traballadores/as, cunhas consecuencias nefastas.

Na reunión celebrada onte, recordáronse algunhas, que teñen incidencia tamén no eido das contratacións públicas:

  • Devaluación salarial.

  • Un aumento das contratacións a tempo parcial. Máis da metade dos traballadores/as galegos a tempo parcial, non cobran nin o salario mínimo: o 55 % gana menos de 638 euros/mes.

Ademais, o que se denomina “postos de traballo equivalentes” , onde se ten en conta tanto o número de persoas que traballan como o tempo de duración de tal traballo, segundo datos da propia contabilidade estatal, no que respecta a Galicia, diminuíu o número de horas traballadas en relación ao ano anterior.

Pese a tales datos, algúns están a defender – sen rubor –  que Galicia saíu xa da crise.

En suma: peores condicións salariais e precarización laboral.No ámbito da lexislación administrativa, reseñar que, o PP  aprobou a lei de calidade dos servizos públicos e da boa administración. Nesta norma, incluíanse os servizos prestados de xeito indirecto e contratados a empresas privadas.

Esta realidade afecta de forma singular á provincia de Ourense. Os ourensáns e ourensás  xa non se apuntan ao paro, senón que optan pola emigración a outros lugares de España ou ao estranxeiro, temos un saldo demográfico negativo que aboca a esta provincia a unha crise permanente. Esta é a radiografía dunha provincia en grave retroceso e abandono polas Administracións Públicas gobernadas polo PP: Xunta, Goberno Central e Deputación Provincial.

INCUMPLIRON TODAS AS SÚAS PROMESAS CON OURENSE:

  • SUBA DE IMPOSTOS: IRPF

  • COPAGO FARMACÉUTICO E SANITARIO (ORTOPEDIA, AMBULANCIAS, ETC.)

  • DESPEDIMENTO DE MÉDICOS, PERSONAL SANITARIO E PROFESORES

  • PECHE DE CENTROS EDUCATIVOS E AULAS

  • CONXELACIÓN DAS PENSIÓNS

  • RETRASO INXUSTIFICADO DA CHEGADA DO AVE

  • EMPRESAS FANTASMAS COCHES ELÉCTRICOS, XAMÓNS, PATACAS FRITIDAS, CIDADE DO MOTOR…)

Déronlle A PUNTILLA Á PROVINCIA CUNHA NOVA LEI DE REFORMA DA ADMINISTRACIÓN LOCAL, QUE LLE QUITA COMPETENCIAS E SERVIZOS AOS CONCELLOS PARA DARLLOS Á DEPUTACIÓN. ESTA LEI SIGNIFICA A PRÁCTICA DESAPARICIÓN DOS CONCELLOS DA PROVINCIA (ningún agás a capital sobrepasa os 20.000 habitantes) E A ASUNCIÓN POLA DEPUTACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS.

PÓDESE AFIRMAR CON ROTUNDIDADE QUE AS NOVAS LEIS E A POLÍTICA DA XUNTA E DO GOBERNO CENTRAL XOGAN A FAVOR DO DESEQUILIBRIO TERRITORIAL, CONDENANDO Á PROVINCIA DE OURENSE A SER A RESERVA RURAL DE GALICIA.

En resume, os e as deputadas socialistas imos  traballar de forma insistente en acadar para esta provincia e a súa capital melloras no seu desenvolvemento, a través de propostas reais

  • PLAN DE EMPREGO:

BOLSAS/CONTRATO PARA A MOCIDADE

CONTRATOS PARA MULLERES

  • PULO AO CRECEMENTO:

PLAN EMPRENDEMENTO: EMPRESAS INNOVADORAS

PLAN EMPRENDEMENTO MEDIO RURAL: INICIATIVAS EMPRESARIAIS QUE CREEN EMPREGO NO MEDIO RURAL

PLAN EMPRENDEMENTO ECONOMÍA SOCIAL: EMPRESAS DE SERVIZOS SOCIAIS

  • PULO Á INNOVACIÓN NOS SECTORES ESTRATÉXICOS:

Madeira/Forestal, Viño, Sector agrogandeiro, Sector Termal.

O Comité Provincial do PSdeG aproba, por unanimidade, unha resolución na que insta á celebración dun Congreso Nacional Galego que dote de dirección ao partido.

09/04/2016
By

IMG_6003

NA MESMA PROPOSTA DE RESOLUCIÓN, CONDÉASE A ACTITUDE DE CONFRONTACIÓN DOS DIRIXENTES DO PARTIDO POPULAR DE OURENSE COS REPRESENTANTES INSTITUCIONAIS DO PSdeG-PSOE, NOMEADAMENTE OS ATAQUES RECIBIDOS POLO GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA E O SEU VOCEIRO.

DO MESMO XEITO, PROCEDEUSE AO NOMEAMENTO DE ÉRIKA PAZ, CONCELLEIRA DO CARBALLIÑO, PARA A COMISIÓN DE CONTROL ECONÓMICO.

 

Ourense, 9 de Abril de 2016. O Comité Provincial do PSdeG-PSOE da provincia de Ourense, máximo órgano de dirección entre congresos, considera que o noso país, Galicia, precisa urxentemente dun cambio de rumbo que recupere as políticas para as persoas. As políticas do Partido popular de Feijóo tiveron un efecto devastador sobre a economía, a demografía e, sobre todo, o benestar dos galegos e galegas. Por isto, o Comité provincial de Ourense, considera que o partido socialista debe preparase para ofrecer a Galicia un proxecto político forte, profundamente galeguista e progresista; que represente o mellor do capital humano do PSdeG, que aúne todas as sensibilidades territoriais e represente, de xeito equilibrado, tanto o interior coma a costa, o mundo urbán e o rural, así coma as vilas, pobos e ciudades. De xeito que, tal como declarou Raúl Fernández, trátase dunha necesidade urxente que se convoque un Congreso que sexa capaz de construír unha dirección política e, a partires de aí, escoller ás mellores persoas para encabezar o goberno de Galicia e construír unha alternativa progresista para o noso país, tal como fixo o partido socialista ata o de agora, amosando a dispoñibilidade para liderar o futuro.

O Secretario Xeral provincial, na súa intervención, tamén se referiu á necesidade de frear a sangría demográfica que afecta a Galicia: “Galicia é, hoxe, un país máis envellecido, con menos poboación e con maís persoas desempregadas e sen prestacións sociais que cando Núñez Feijóo, asumiu o goberno da Xunta. Ourense é unha provincia na que se exemplifica de maneira diáfana, o resultado do goberno do Partido Popular, perdendo poboación e coa xente moza emigrando para atopar un futuro lonxe das súas familias. Por isto, o PSOE é hoxe máis necesario ca nunca, as políticas de Rajoy e de Feijóo, son prexudiciais para a cidadanía, minguando a súa calidade de vida. España precisa dun goberno de esquerdas liderado polo PSOE e Galicia tamén. De facto, Galicia, precisa dun novo pulo que só será modernizador e garantista dos dereitos das persoas, se o lideramos os e as socialistas para reconstruír os vimbios dun país que ten recursos para saír desta resignación á que o PP nos levou”.

Así mesmo, Raúl Fernández, tamén quixo resaltar o apoio unánime do Comité Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense ante os ataques indiscriminados por parte do PP de Ourense cara aos representantes institucionais do partido socialista, tanto aos Alcaldes e Alcaldesas, concelleiros e concelleiras e, nomeadamente, ao Grupo Provincial Socialista e ao seu Voceiro.

Neste mesmo Comité aprobouse o orzamento de 2015 e a proposta de orzamento para 2016. No punto de nomeamentos cúbrese o posto correspondente á Comisión de control económico na persoa de Érika Paz Rodriguez, concelleira do Carballiño.

 

 

O Parlamento galego aproba unha proposta socialista para garanti-la viabilidade do Ateneo de Ourense

09/03/2016
By

nuevo-2

A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha Proposición Non de Lei do Grupo Socialista, verbo dun novo emprazamento que garanta a viabilidade do Ateneo de Ourense. A nosa deputada Noela Blanco presentou esta iniciativa dirixida a “manter vivo o latexo cultural, político e social” desa institución.

A comisión aprobou por unanimidade esta proposta transaccionada co Grupo Popular, para encomendarlle á Xunta que consulte co Ministerio de Facenda o rexistro de locais públicos dispoñibles para abrir un proceso de negociación dun mes que remate cunha nova localización para o Ateneo que non poña en risco a súa existencia.

Blanco avogou por acadar “unha solución estrutural a longo prazo” que permita a supervivencia deste “referente da vida cultural, social e política da cidade de Ourense e de toda Galicia”, e advertiu que a resposta das institucións “debe ir máis aló dunha mera subvención que non palía a difícil situación” deste “reduto de debate libre, e referente de tolerancia e diversidade”.

A compañeira lembrou que o Ateneo, logo de estar ubicado, dende 1969, nas instalacións de Caixa Ourense no Edificio Torre, con cargo primeiro ao Goberno central e despois á Xunta, tivo que afrontar, no 2010, unha orde de desaloxo, fronte á que a Xunta amosou unha resposta “resignada e cómplice”, renunciando a recorre-la sentenza. A partir daquel momento, o Ateneo tivo que compartir local co Clube de Tenis de Ramirás, que lles cedeu parte das súas instalacións. Pero no 2014 estas foron postas á venda, co que o Ateneo ficaría sen sede.

A deputada alerta, xa que logo, que, de non acadar unha nova localización, “a entidade enfrontarase con toda probabilidade ao final do seu camiño, xa que lle resultará moi difícil atopar outro espazo cuxo custe poda asumir”.

O Voceiro do Grupo Provincial Socialista, Ignacio Gómez, denuncia o incumprimento reiterado dos acordos plenarios por parte de Baltar.

02/03/2016
By

O Grupo Provincial Socialista insta a que se faga o Regulamento das Brigadas de Vías e Obras, toda vez que leva 22 meses aprobado o acordo.

Baltar incumpre ata as súas propias propostas en cuestións tan fundamentais coma este Regulamento, que aseguran o bo funcionamento da cooperación que debe prestar a Deputación aos Concellos da provincia de Ourense.

 

Ourense a 1 de Marzo de 2016. O Voceiro socialista na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, denuncia o incumprimento reiterado dos acordos plenarios que adopta a Corporación da Deputación de Ourense, mesmo aqueles que se adoptan coas emendas do propio Partido Popular. Tal é o caso do acordo adoptado no  Pleno do 30 de Maio de 2014, cando  a Corporación aprobou unha Moción do Grupo Socialista coa emenda do Grupo Popular nos seguintes termos:  “O Pleno adopta o seguinte acordo: Revisar as normas de 1996 que regulan o funcionamento das brigadas de Vías e Obras desta Deputación, elaborando un texto que se someta á consideración da Comisión correspondente para que os Grupos Políticos fagan as achegas que xulguen oportunas”.

 

Tal e como denuncia Nacho Gómez, 22 meses despois desta adopción de acordo, a Brigada de Vías e Obras segue sen estar regulada nin se someteu proposta algunha á comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural. O Grupo Provincial Socialista, considera vital que se axilice a redacción deste Regulamento para asegurar a utilidade para os intereses públicos dunha ferramenta tan importante para a cooperación municipal así coma  para asegurar o mantemento da rede de estradas provinciais e locais.

 

Puidera acontecer que o señor Baltar se arrepentira dos propios acordos que se toman en sé plenaria, mesmos dos que emenda ou propón o seu grupo; posto que a cuestión do Regulamento de Vías e Obras, non é cuestión illada; senón habitual. O Grupo Provincial Socialista, en observación da súa labor de fiscalización, velará pola cumprimento de todos e cada un dos acordos adoptados pola Corporación provincial e, xa poden adiantar, que se trata dun número importante.

 

Tal e como vén denunciando o Grupo Socialista e destaca o seu Voceiro, Nacho Gómez, Baltar parece máis preocupado en cuestións espurias, banais e efectistas, coma as súas viaxes e actos de auto-promoción, que en solucionar os problemas dos cidadáns e das entidades locais da provincia de Ourense. Dende o Grupo Provincial Socialista, querémoslle recordar ao Presidente da Deputación, que ten que cumprir coas súas obrigas e coas funcións da institución, sobre todo no que respecta á cooperación e asistencia aos Concellos da provincia, aínda que non lle resulte tan grato coma andar de paseo en xira promocional. Os socialistas, reiteran que estes incumprimentos se veñen repetindo dende que Baltar Blanco ocupa a Presidencia e que van exercer a presión necesaria para que se respecte o que se acordou democraticamente.

 

É normal que Baltar Blanco se esqueza de cumprir os acordos que se adoptan e que non leve o día a día, na Deputación porque hai meses nos que non pasa máis de dez días na sé provincial. O Presidente da Deputación está obsesionado con facerse fotos con todos os famosos que atopa no seu camiño e emprega a institución provincial e os cartos de todas e todos para promocionarse politicamente dentro do seu partido e para agrandar un ego que xa de por si ten moi subido.

 

Por elo, o Grupo Socialista pídelle a Baltar que descenda á terra e se ocupe dos asuntos do seu cargo de Presidente da Deputación e deixe de pasarse as semanas de tour por diversos escenarios nacionais e agora tamén internacionais.

O PP permite a venda do mosteiro de Santa Comba de Naves incumprindo a lei de patrimonio

23/02/2016
By

2926591709_c23b221354_oA nosa deputada autonómica Noela Blanco acusou hoxe ao presidente da Xunta de “permitir e mesmo favorecer” a venta do Mosteiro de Santa Comba de Naves a un propietario privado, incumprindo a Lei de Patrimonio de Galicia. Blanco presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta garanta o cumprimento da Lei e asegure o acceso da cidadanía ao monumento.
A deputada sinala que a venta do inmoble incumpre as garantías establecidas na norma, por canto se trata dun monumento suxeito a protección especial e é considerado Ben de Interese Cultural (BIC), de acordo coa Lei de Patrimonio estatal. A súa venta por parte do Bispado incumpre os artigos 27 e 28 da norma relativos ao tanteo e retracto, o que pon en dúbida a legalidade da operación.
Asemade, os veciños tiveron a primeira noticia desta operación o pasado 14 de xaneiro, cando os presidentes das asociacións de veciños e mulleres rurais de Palmés foron convocados de urxencia a unha reunión no Bispado para comunicarlles a operación; polo que, segundo Blanco, foron informados “unha vez rematado todo o proceso”, pois a venda se formalizou “o 22 de decembro de 2015, recoñecendo que o proceso culminara o 31 de decembro, para favorecer fiscalmente a un comprador residente no estranxeiro”. Porén, “en ningún momento se lles ofreceu aos veciños a posibilidade da compra” do inmoble, “nin lles foi comunicado que había ningún comprador interesado no mosteiro”.
A deputada critica que o propio presidente da Xunta “está máis interesado en dilapidar cartos públicos na Cidade da Cultura que en protexer espazos senlleiros da nosa provincia, que ten á maior parte do patrimonio cultural e histórico en ruínas debido ao seu desleixo”. Agora, engade, “vai un paso máis aló permitindo a venda dun ben incluído na lista vermella de patrimonio e impedindo aos veciños e veciñas o seu disfrute”.