Verín

O PP rexeitou tódalas enmendas socialistas para a nosa provincia

13/11/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que “un ano máis, o PP rexeite tódalas enmendas para Ourense do Grupo Socialista, deixando así fóra dos Orzamentos do Estado proxectos que son prioritarios para a provincia”.

Seara sinala que “as enmendas dos socialistas para Ourense pretendían palia-la marxinación á que o PP somete sistematicamente á provincia, e conseguir un maior equilibrio territorial da mesma, dotándoa de servizos e infraestruturas que son esenciais”. As corenta e dúas aportacións do noso Partido para a provincia, presentadas por Laura Seara, pedían un aumento do orzamento estatal para a provincia de máis de 45 millóns de euros, para proxectos que consideramos prioritarios.

Así, coas súas enmendas Seara pediu, por exemplo millón e medio de euros para a estación intermodal da cidade, seis millóns para a conexión de Alta Velocidade Ourense-Vigo, dous para a conexión de AVE Ourense-Lugo, un para o tramo Ourense-Monforte da autovía A-76, cincocentos mil euros para o tramo Ourense-Enlace de Cambeo na A-56, outros tantos para a circunvalación Norte de Ourense, e un millón de euros para a mellora da seguridade vial da N-525, o que, segundo apunta a compañeita, “é un verdadeiro clamor na provincia”.

Ademais, a deputada solicitou incrementa-las contas estatais para a provincia en medio millón de euros para o cambio de titularidade da N-120 no tramo do Boulevard Termal, trescentos mil euros para reactiva-lo Plan Estratéxico Termal de Ourense, máis de dous millóns setecentos mil euros para a recuperación dos ríos Miño, Támega e Limia, e un millón trescentos mil euros para a modernización dos regadíos da comarca da Limia.

Verbo da modernización de regadíos da Limia, Seara denunciou que o Goberno do PP eliminou os vintesete millóns de euros que presupostara no seu día o Goberno do PSOE.

No que se refire a proxectos culturais, a deputada reclamou maior consignación para, entre outros proxectos, a rehabilitación dos castelos de Monterrei e Ribadavia, e a restauración da catedral de Ourense e de diversos mosteiros da provincia.

A compañeira defende que “a aprobación destas enmendas é necesaria para impulsa-lo desenvolvemento económico e social da provincia e, xa que logo, deben sen ser asumibles polo PP e o Goberno”. Porén, constatou que “nin as enmendas de infraestruturas, nin as de vivenda, nin as agricultura e Medio Ambiente, nin as de cultura, para Ourense, nin tampouco para Galicia, atoparon o apoio do PP”.

Especialmente grave, considera Seara o rexeitamento do PP á nosa proposta de investir vinte millóns de euros nun Plan de prevención de incendios e rexeneración forestal para Galicia, do que se beneficiaría en gran parte a provincia de Ourense, xa que “para Galicia, e especialmente para Ourense, é necesaria unha política integral de prevención de incendios, cunha partida económica específica do Estado”.

Seara lembra que xa “hai tempo que os ourensáns só vemos as costas do PP, cunhas contas do Estado para Ourense que se inflan artificiosamente con investimentos para o AVE que non executan”.

Condenamos o asasinato dunha veciña de Verín, vítima de violencia machista, e manifestamos o noso apoio á súa familia

14/09/2013
By

O PSdeG-PSOE ven de manifestar a súa máis enérxica condena do asasinato de María Fátima Machado Santos, veciña de Verín que pasa a engrosa-la lista de vítimas mortais da violencia de xénero do noso País.

Os socialistas galegos expresamos a nosa máxima repulsa cara os que cometen violentas agresións como a que acabou coa vida de María Fátima, e trasladamos tamén a nosa condolencia aos familiares e achegados desta vítima dunha lacra social que non se pode perder de vista nin un só momento, e cuxa prevención, e tamén vixilancia e persecución dos agresores, non debera verse afectada en ningún caso pola conxuntura económica.
Así o expresou a deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, que salientou o proceder valente e correcto desta muller ao denuncia-la agresión da súa exparella o pasado 21 de agosto. Tratábase, pois, dunha vítima que contaba coa orde de afastamento do seu asasino, e, como consecuencia da mesma, cun plan de seguridade.

A compañeira insistiu na necesidade de redobra-los esforzos das Administracións nas labores de prevención da violencia machista, e de reforza-los mecanismos de seguridade das vítimas. Tamén salientou a importancia da coordinación entre os corpos de seguridade e as distintas Administracións implicadas na prevención e persecución deste delito, e recalcou a necesidade do consenso xeral para que non falten recursos para evitar sucesos como o que hoxe lamentamos.

Pachi Vázquez salienta o compromiso socialista coa liberdade, a igualdade e a xustiza social de García Ferrera

01/09/2013
By

O Secretario Xeral Nacional, Pachi Vázquez, considerou onte unha “auténtica honra” participar na homenaxe ao exalcalde de A Mezquita, o socialista Sergio García Ferrera, e trasladarlle en nome do PSdeG “o noso cariño e recoñecemento a toda unha vida dedicada ao servizo aos demais”.

En Cádavos, a parroquia natal de García Ferrera, Vázquez salientou a súa coherencia e compromiso ético e a súa figura “como médico, como alcalde, como impulsor de iniciativas de desenvolvemento para A Mezquita e a comarca de Conso-Frieiras, e, sobre todo, como socialista, como persoa comprometida coa liberdade, coa igualdade e coa xustiza social”.

Vázquez dirixiuse a continuación a Sergio García para cualificalo como un exemplo a seguir. “Un modelo no que mirarnos constantemente para non esquecer nunca o verdadeiro valor das nosas ideas: compromiso, sacrificio e servizo á nosa terra e  aos máis necesitados”.

Don Sergio García, que fora médico e alcalde polo PSdeG, d’A Mezquita, recibiu onte a homenaxe dos seus veciños, amigos e compañeiros, a través da imposición do seu nome á praza do seu pobo, e dun xantar.

Seara acusa a Pastor de facer “trilerismo”co AVE a Ourense e anuncia que pedirá a súa comparecencia para que explique “a gran mentira” que contou aos ourensáns

07/07/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara anuncia que pedirá a comparecencia na cámara da Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que explique a paralización nas obras do AVE na nosa provincia.

A compañeira lembra que “xa o pasado mes de marzo, os parlamentarios socialistas ourensáns nas Cortes advertimos en rolda de prensa da posibilidade de que se paralizasen as obras do AVE nalgúns tramos que estaban en execución na provincia de Ourense por impagos da Administración; despois advertimos da existencia dun informe de ADIF que cambiaría os proxectos; agora vemos que o tempo nos dá a razón”.

A deputada indica que “cando Pastor chegou ao Ministerio, todos sabiamos onde estaba o AVE: estaba camiño de Ourense, coas mesmas prestacións que os do resto do Estado, cun acceso exterior na cidade de 17 km., dende Taboadela, e cunha estación adxudicada a un dos arquitectos máis presitiosos do mundo: Norman Foster” Pero hoxe, segundo denuncia Seara denuncia “o PP e Ana Pastor converteron a Ourense nun tapete, e o AVE nunha boliña que cada día esconden baixo un gobelete distinto”. Neste senso, a deputada incide na “ensalada de cifras” que o Goberno ofrece nas súas respostas parlamentarias sobre a execución do AVE a Galicia e na provincia de Ourense. Este “mareo de datos contraditorios ten un único e perverso obxectivo: confundir á cidadanía para ocultar que se parou o AVE, e que un ano despois da chegada do PP ao Goberno, xa non se sabe cando nin como chegará; só sabemos que non chegará no 2015 como asinara Feijoo tras chegar á Xunta no 2009”.

Por elo, a compañeira destaca que “a realidade é que, mentres a Ministra Pastor anuncia investimentos pantasma, as empresas teñen que comunicar aos seus traballadores que se paralizarán as obras porque Fomento non paga”, habendo “unha clara e nauseabunda estratexia por parte do Goberno, que tamén é dos ourensáns, para enganar a Ourense e a quen vivimos aquí, con relación ao AVE, como antes fixeron coas pensións ou o IVA”.

Seara recrimina que a Ministra “Pastor non quere vir a Ourense a consensuar; vén a pastorear a esta provincia, con novos enganos, vellas mentiras e unha chea de cifras contraditorias, boliñas e gobeletes; sabe perfectamente que hai consenso hai anos: Ourense quere un AVE de primeira, cunha entrada exterior e unha estación xa adxudicada a Foster; todo está decidido e planificado, e Pastor só ten que adxudicalo, pero non o fai, e apúntase ao trilerismo, coa complicidade do PP de Ourense e a connivencia de Feijóo”.

Xornada de asesoramento técnico para concelleiras e concelleiros

14/03/2013
By

portadaRegimenLocalO vindeiro sábado, 16 de marzo, terá lugar a terceira das sesións de asesoramento sobre temas de xestión municipal, dirixidas a concelleiras e concelleiros do Partido, membros das executivas locais e, en xeral, a calquera militante interesado da provincia de Ourense. Trátase dunha xornada de resolución de dúbidas, a cargo dun equipo técnico, así como membros do Partido con experiencia en cargos municipais. É importante destacar que non se trata dunha xornada sobre Política Municipal, senon sobre ferramentas, lexislación, trámites, etc, necesarios para o traballo das concelleiras e concelleiros.

Será ás 17:00 no Concello de Castrelo do Val, e está principalmente dirixida ás concelleiras e concelleiros das comarcas da Limia e Verín, ainda que como dixemos anteriormente, pode asistir calquera militante.

Organiza: Secretaría Provincial de Formación

O Goberno central recoñece unha “deficiente depuración” de augas residuais en Verín e Oímbra

13/02/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, acaba de recibir unha resposta parlamentaria na que o Goberno central recoñece que, tras tomar, en outubro do 2012, mostras do vertido de auga residual das depuradoras de Oímbra e de Verín, “constatouse que existe unha deficiente depuración en ambas localidades”.

O Goberno resposta así agora ás preguntas que Seara realizara en setembro de 2012, tras producirse en Verín un novo verquido de augas residuais ao río Támega, e coas que a compañeira pedía solucións.

A tenor da devandita resposta, a nosa deputada rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias coas que lle pide ao Goberno a adopción urxente de medidas que permitan unha adecuada depuración das augas nos concellos de Verín e Oímbra, así como noutros da conca do Támega.

Con estas iniciativas, solicita ademais que o Goberno explique qué actuacións se levaron a cabo nas labores de limpeza, as cales se adxudicaron por vía de urxencia á empresa “Tragsa”, e que deberan consistir na limpeza do Támega ao seu paso pola comarca de Monterrei e a retirada de maleza, troncos e lixo dende o nacente do río en Laza ata a localidade de Feces de Abaixo en Verín.

Seara sinala que, dita actuación fora “absolutamente necesaria”, dende o Grupo Socialista se entende que a situación do río e a calidade das súas augas precisan doutra “moito maior”.

Por iso, e tras recibir hoxe a resposta na que o Goberno recoñece a depuración deficiente de augas residuais en Verín e Oímbra, a nosa deputada rexistrou unha Proposición Non de Lei coa que insta ao Goberno a que -a través da Confederación Hidrográfica do Douro e coordinadamente coa Xunta de Galicia e os concellos de Laza, Castrelo de Val, Monterrei, Verín e Oímbra- poña en marcha urxentemente un Plan de Actuacións Integrais no río Támega, proposición que contempla que o devandito Plan inclúa polo menos: as actuacións de depuración e saneamiento integral das augas a través da construción de novas infraestructuras ou a mellora das existentes, a restauración hidrolóxica forestal tanto no río Támega como nos seus afluentes, e as medidas de protección contra crecidas e limpeza das marxes da canle.

O 2012 supuxo un monumental engano e un descomunal castigo para os galegos

30/12/2012
By

FIDALGO E SEARA
A nosa deputada no Congreso e senador, Laura Seara e Miguel Fidalgo, respectivamente, cualificaron onte o ano de Goberno de Mariano Rajoy “como unha autentica estafa”. Seara afirmou que o 2012 “foi un monumental engano e un descomunal castigo para os galegos, sobre todo para os da Galicia interior, particularmente para as provincias de Lugo e Ourense”.

Nunha rolda de prensa, a nosa deputada no Congreso asegurou que Rajoy se presentou ás eleccións “ofrecendo lebre, pero serviu gato tóxico que esta envelenando aos cidadáns”, tanto dende o punto de vista social como económico, e que tódalas decisións do seu Goberno “xogaron en contra de Galicia”, nomeadamente na provincia de Ourense.

Seara criticou o feito de que haxa “109.098 pensionistas ourensáns que se verán afectados pola decisión de Rajoy de non revaloriza-las pensións”, o que supón unha perda de 9,6 millóns de euros; unha decisión que lembra “tamén foi un engano”, xa que foi negada taxativamente polo PP nas distintas comparecencias parlamentarias e declaracións dos seus dirixentes. Tamén advertiu de que o PP ten “unha axenda oculta para reforma-lo sistema de pensións”, anunciando que, dende o PSdeG-PSOE, “ímonos a opoñer con total rotundidade a calquera reforma que non teña o respaldo dos sindicatos, dos empresarios e do Pacto de Toledo”, como si sucedeu coas emprendidas polo PSOE; e avisou: “se non hai o mesmo consenso social que o acadado co Partido Socialista, estaremos en contra”.

A compañeira tamén observou que o PP considera a provincia de Ourense “como un territorio colonizado “, xa que só a visitan “de cando en vez, para recoller votos; e mentres, esquécense todo ano dos problemas dos ourensáns”; subliñando tamén que a nosa é unha terra que precisa “políticas de discriminación activa para desenvolve-los seus sectores produtivos”.

No que se refire ás infraestruturas ferroviarias, Seara voltou a advertir de que os ourensáns “non saben qué vai a pasar coa chegada da Alta Velocidade”, que o proxecto sobre o soterramento de vías ao seu paso pola capital “leva agochado un ano” xunto co da estación intermodal na mesma, que os socialistas “temos sospeitas de que este gran proxecto pode ser modificado”, e que dende o PP non se desmentiron esas advertencias realizadas polo Partido Socialista “sobre o futuro desta estación”; e anunciou que o PSdeG-PSOE rexistrará unha batería de iniciativas parlamentarias de periodicidade semanal “ata coñecer cales son as intencións do Goberno de Rajoy sobre a chegada da Alta Velocidade e o proxecto de soterramento” de vías, pois ten a sospeita de que o PP “quera voltar ao trazado antigo, o que suporía unha auténtica cicatriz na cidade”.

A deputada afirmou que, coas cifras na man, o Goberno de Rajoy “ten un balance de 500 000 parados mais en España, 5000 parados mais na nosa provincia, e case que 38 000 parados mais en Galicia”, e comprometeuse a traballar arreo “para facer unha oposición ao Goberno firme, útil e dura”, e a que “ante cada aldraxe a Galicia e Ourense, Rajoy e o PP recibirán non só unha denuncia”, senón “tamén unha proposta alternativa”.

Pola súa banda, o noso senador sostivo que o PP e o Goberno de Rajoy deben “comparecer en cada concello de Galicia para explicarlle aos cidadáns que prometeron unha cousa e fixeron xustamente o contrario”, xa que desa xestión “deben respostar tódolos cargos orgánicos” dese Partido, dende os alcaldes ata o seu presidente provincial, e pediu que “expliquen cómo están a desmonta-la Lei de Dependencia, a tele-asistencia e a Sanidade, e por qué se pechan residencias, ou por qué se vai a favorece-lo ensino relixioso”.

Miguel Fidalgo aludiu tamén ás supresións de trens da provincia, como a liña a Sanabria, e ao peche de Paradores, reclamando explicacións ao Goberno de Rajoy respecto a “por qué se exclúen danos dos incendios na provincia”, xa que “o PP fixo unha lei para indemnizar a partir do 1 de xuño”, o que perxudica gravemente respecto aos grandes incendios que se produciron, antes desa data, na nosa provincia.

O compañeiro afirmou que a “folla de ruta do PP” presenta un “sistema de caridade, e outro de negocio para os mais ricos, para que os mais ricos teñan unha Educación, unha Sanidade unha Dependencia e unha Xustiza de elite”; e alertou do “deterioro da democracia e nas conquista sociais”, concluíndo que “a economía de Rajoy é un puro desastre”.