Ribeiro

Noela Blanco esixe á Conselleira que a Xunta interveña para impedir que varias estacións de tren se convirtan en “estacións-pantasma”

Noela Blanco

A nosa deputada no parlamento de Galicia, Noela Blanco preguntoulle ao goberno galego se ten realizado algunha xestión diante do goberno central para mante-lo servizo de venda de billetes en tódalas estacións de ferrocarril da comunidade, ante o risco de que se convertan en “estacións-pantasma”, noutro caso de marxinación ao medio rural, con case 200 000 cidadáns afectados en toda Galicia, uns 70 000 deles na nosa provincia, aos que obrigan a “baixarse do tren do progreso”.

A compañeira alertou de que, segundo alerta o persoal ferroviario, sete estacións de tren en toda Galicia, catro delas en Ourense (Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín e Carballiño), perigan no novo plan ferroviario de Renfe e Adif para reestruturar neste ano o seu servizo de vendas, “deixando importantes núcleos de poboación sen servizo presencial de información e venda de billetes, e implicando, nalgúns casos, o peche das que fiquen sen persoal”, e lembrou que, en moitos casos, estes servizos serven para “fixar poboación” en zonas “especialmente envellecidas”.

A deputada lembroulle á conselleira de Infraestruturas a “responsabilidade moral e de goberno” que ten a Xunta fronte ás decisións do goberno central, e destacou que, para cadansúas comarcas, estas estacións son “vitais dende os puntos de vista social, económico, cultural” e, en casos como o da de Ribadavia, incluso arquitectónico; e, por todo iso, reclamou contactos urxentes para impedi-lo peche destes servizos.

Blanco tamén lle lembrou á conselleira que nalgunhas destas zonas “a poboación maior de sesenta e cinco anos multiplica por tres á menor de quince” e que “nalgúns casos nin sequera hai cobertura” para usar Internet, tras suxeri-la Xunta o uso desta vía para a compra de billetes.

O Grupo Socialista na Deputación, pola súa banda, estima que uns 103 000 viaxeiros usaron o ano pasado as devanditas catro estacións afectadas en Ourense, lembra que un proceso semellante aconteceu en case tódalas estacións da liña entre a cidade e Zamora e que o propio grupo alertou, hai un mes, deste “intolerábel ataque ás infraestruturas da provincia “, e anuncia estar a traballar “nunha estratexia conxunta cos socialistas das comarcas afectadas”.

Denunciamos o desleixo do goberno municipal de Leiro, exemplificado no atraso no asfaltado da estrada OU-307 e na perda polo Concello dunha subvención para a adquisición de desfibriladores

Na súa calidade de deputado provincial pola comarca d’O Ribeiro, Nacho Gómez levou á Deputación a denuncia dos compañeiros do Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, verbo a ausencia de asfaltado, dende hai dous anos e medio, en tramos da estrada provincial OU-0307 que une Leiro e Berán.

Os compañeiros de Leiro explicaron que no lugar d’A Agra se procedera, no 2014, á ampliación dunhas curvas na devandita estrada, intervención que consistiu en amplia-lo radio das mesmas e na colocación de sábrego como firme. Pero dende entón, o tramo segue sen ser asfaltado, co conseguinte risco para a circulación e para a integridade dos veciños e de tódolos usuarios da estrada.

Por aquel entón, o Grupo Municipal Socialista en Leiro lle preguntou ao alcalde, en Pleno, cando se ía proceder ao asfaltado destas perigosas curvas, ao que o rexedor respostou que estaba “en negociacións coa Deputación”. Dende entón, nada se sabe destas e a vía segue en condicións de provisionalidade.

Fartos desta situación de desleixo, os socialistas de Leiro deron traslado ao Grupo Provincial Socialista. Nacho Gómez solicitou explicacións sobre o problema na institución provincial, que é competente no tema. A falta destas, Gómez opina: “esta cuestión non é máis que a evidencia do que veño denunciando en numerosas ocasións: a falta dun plan de estradas provincial rigoroso e serio”, abundando que “ano tras ano, fan pequenas obras e reformas nas estradas que, lonxe de solucionar, xeran problemas aínda meirandes”.

Xa que logo, os socialistas de Leiro piden ao alcalde que explique en qué consistiron as súas xestións coa Deputación para solucionar o problema e, a maiores, o Grupo Provincial Socialista demanda que se informe acerca de cándo está prevista solución dun problema que xera un grave risco para os usuarios da estrada.

Por outra banda, e sen saírmos de Leiro, o noso Grupo Municipal neste municipio tamén vén de informar acerca de que o Concello acaba de perde-la oportunidade de recibir unha axuda para adquirir desfibriladores para seren instalados en lugares públicos. Ao contrario que outros concellos da contorna, o alcalde desaproveitou esta oportunidade que brindaba a Deputación, e non solicitou unha axuda que supoña o financiamento de ata 50% do custo dos destes aparellos. Así, ao contrario que Ribadavia, Melón ou Carballiño, Leiro fica sen subvención para adquirir uns dispositivos que resultan de grande axuda á hora de salvar vidas.

O voceiro municipal socialista, Manuel Rodríguez, esíxelle ao alcalde que dea as razóns da perda desta axuda: se foi por por puro desleixo ou porque coida que o Concello estea tan sobrado de cartos que pense adquirilos sen axuda económica.

E no semella que probábel caso de que a causa da omisión sexa, como os propios socialistas de Leiro veñen advertindo dende hai tempo, a falta de persoal, o panorama sería aínda peor, pois Francisco J. Fernández estaría a ignorar completamente ditas advertencias por pura teima persoal: o alcalde estaría a perder vantaxes e servizos para o pobo, antes que recoñecer unha evidencia

Manuel Rodríguez só agarda que a perda desta subvención non leve aparexada, irremediábelmente, a falta de adquisición dos aparellos, a cal xa fora solicitada polo Grupo Municipal Socialista antes incluso de que se convocase a axuda da Deputación, respostando daquela o alcalde que se disporía dos dispositivos “cando houbera dispoñibilidade” orzamentaria.

WhatsApp Image 2016-12-05 at 18.39.33

Os socialistas de Cenlle, en desacordo coa xestión económica do Concello, propoñen alternativa

Para os compañeiros, representados por José Rodríguez Veloso, os servizos que presta a Mancomunidade d’O Ribeiro en Cenlle resultan ineficientes, dado o seu custe, e ineficaces para o Concello. Tamén lamentan a falta de transparencia de dita entidade.

Por outra banda, o orzamento municipal para axudas sociais, diminuiu en máis de 30 000€ entre o 2012 e o 2015, ata ficar en só 3000€, o que de facto priva de axudas aos veciños.

Porén, o gasto en recollida de lixo nese periodo, contratado coa Mancomunidade, supera os 13 000€, cando a Deputación ofrece o mesmo servizo por moito menos.

O Grupo Municipal Socialista en Cenlle tamén lembra que a principios deste anos e denunciou a existencia dunha fuga no bombeo de auga da traída, que supón un gasto ao Concello de máis de 20 000€ ao ano, problema para que aínda non hai resposta convincente.

Sen embargo, e como quera que, segundo o convenio sobre o bombeo asinado polos concello cos de Punxín e San Amaro, e coa Deputación, dito coste pasaría a ser compartido cos mesmos, podería producirse un importante aforro para Cenlle. Que, sumado a outros posibles como os indicados anteriormente, fan pensar aos socialistas de Cenlle que o Concello podería dispoñer, se o alcalde tal se propuxera, de ata 48 000€, que os compañeiros adicarían a atender as devanditas prestacións sociais retalladas.

Os socialistas de Leiro lembran a necesidade de instalar pasos elevados e medidas redutoras da velocidade na estrada OU-209

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro presentou, hai xa dous anos, unha moción na que instaba á Xunta ao arranxo e instalación de pasos de peóns elevados ou redutores de velocidade na OU-209, de titularidade autonómica. Naquel intre, o goberno municipal do PP non foi quen de aprobar esta moción e votou en contra da mesrna. Porén, a Xunta efectuou o arranxo (recoñecendo implicitamente o mal estado que denunciaban os socialistas de Leiro), pero sen instalar pasos de peóns elevados e redutores de velocidade na estrada, polo que a perigosidade da mesma, aínda existe.

Dase a circunstancia, relatan dende o Grupo Socialista, de que a estrada OU-209. constitúe a entrada ao á capitalidade do municipio e, polo tanto, transita por núcleo urbano; polo que moitos veciños fan uso de, e cruzan, diariamente, esta estrada, sen as medidas de seguridade axeitadas, co perigo que elo supón.

Por esta razón, en aras da seguranza, sobre todo, dos peóns, o grupo municipal socialista de Leiro, presentou a devandita moción no 2014, instando, non só ao arranxo da vía, senón tamén á necesaria instalación de medidas redutoras de velocidade, como os pasos de peóns elevados. Está amplamente, comprobado que ditos pasos dan unha boa referencia aos viandantes sobre os vehículos e, ao temo, obrigan á redución de velocidade dos segundos cando pasan por eles.

Os socialistas de Leiro lembran que é un dereito da administración local, para asegura-la xestión dos seus propios intereses, promove-las actividades e os servizos públicos que sexan precisos para satisface-las necesidades da cornunidade veciñal. Por isto mesrno o Concello debe asegura-la necesidade de seguranza da poboación e aproba-la instalación e sinalización adecuada dos elementos redutores de velocidade na estrada OU-209. Pero, no canto diso, votaron en contra da moción socialista.

Os socialistas de Leiro instan, de novo a que se tomen estas medidas de seguranza imprescindibles para a vida diaria, e se poida previr unha posíbel desgraza futura. Así mesmo, coidan que as razóns do rexeitamento da súa moción plenaria foron puramente partidistas, para non ter que esixir a unha Administración gobernada polo mesmo partido, algo cuxa necesidade é evidente para calquera veciño de Leiro.

Dende o PSdeG de Leiro, xa que logo, queren facerlle ver ao alcalde e ao seu Grupo de Goberno, que o seu deber é para coas necesidades do pobo de Leiro, e ínstanos a que recapaciten, recoñezan o erro de non aprobar esta moción, e esixan á Xunta a súa actuación inmediata, para non lamentar futuras consecuencias.

Os socialistas de Leiro demandan información sobre o posíbel cambio de proxecto da nova pasarela sobre o río Avia

Paseo_fluvial_río_Avia2,_concello_Leiro,_Ourense

Os socialistas de Leiro rexistraron no Concello, unha solicitude de informe técnico ao arquitecto municipal, para que informe sobre a redacción dun novo proxecto de pasarela no río Avia, e mailos seus verdadeiros motivos.

O Grupo Municipal Socialista de Leiro tiña coñecemento da redacción dun proxecto, pero a veciñanza informoulle dunha nova ubicación (concretamente, veciños ás que lle foi solicitada a cesión de terreos ao Concello na mesma) e, polo tanto, un novo proxecto.

Estes feitos, demostran a reiterada denuncia do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, no senso de que o Alcalde e o seu grupo de goberno, actúan por impulsos, con falla absoluta de previsión, acuciados pola falla de ideas e de xestión.

Por outra banda, a través dese mesmo escrito, os socialistas de Leiro, pediron tamén estuda-los proxectos das obras nas rúas Eiján e Gabino Bugallal, xa nin estas comezaron nin se entende o motivo desta paralización. Obras que foran anunciadas a bombo e címbalos polo alcalde.

Por último, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, destaca que leva dezaoito días sen recibir resposta a un escrito que presentou o pasado 19 de maio, no que pedían as copias das facturas da Festa da Vendima e de certas obras realizadas durante a campaña das eleccións municipais do 2015. A demora en explica-los gastos que se produciron en ambos casos, poden provocar unha lóxica desconfianza sobre o seu contido.

Os alcaldes e portavoces socialistas das comarcas do Carballiño-Ribeiro, esixen a apertura inmediata do Parque de Bombeiros mediante a xestión pública e directa do servizo.

14/05/2016
By

13179348_474147859462433_7325229121732165215_n

 

Foto cedida por José Antonio Reboiro Rivera.

 

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE, O PARQUE COMARCAL DO CARBALLIÑO-RIBEIRO, PARA O QUE TODOS OS CONCELLOS FIXERON ACHEGAS ECONÓMICAS; ESTÁ A SUFRIR DETERIORO MATERIAL, POLO PASO DO TEMPO, SEN QUE A XUNTA DE GALICIA EFECTÚE A PROMETIDA APERTURA

 

O Carballiño, 14 de maio de 2016. Onte pola mañá, déronse cita, diante do edificio do Parque de Bombeiros das comarcas Carballiño-Ribeiro, Alcaldes e Portavoces socialistas dos distintos Concellos que conforman as bisbarras, para reclamar a apertura inmediata do parque e a posta en marcha do servizo. Os socialistas, anunciaron, así mesmo, o inicio de accións conxuntas e coordinadas, coma a presentación dunha moción ante as súas respectivas Corporacións, para esixir, non só a apertura, senón que o Consorcio Provincial asuma a xestión directa do servizo en prol da calidade e eficiencia do mesmo.

 

Tendo en conta que todos os Concellos das comarcas do Carballiño-Ribeiro, aportaron, en torno, a un 20% do custo total do Parque, os Alcaldes e Portavoces socialistas consideran intolerable que o Parque permaneza pechado e sufrindo o paso do tempo sobre as dotacións que tanto custaron ós cidadáns. Fartos de promesas incumpridas por parte da Xunta, que leva anos anunciando unha apertura que nunca acontece e fartos de que as autoridades do PP se vaian facer a foto de rigor, sen solucionar a falta do servizo; os socialistas levarán a cabo, coma ata o de agora, todas accións precisas para que o parque en funcionamento, sexa unha realidade. Após o esforzo económico realizado por todos os Concellos do Carballiño e do Ribeiro, a cidadanía ten que asistir ao deterioro imparable das instalacións, comidas pola maleza, polos toxos e a ferruxe, ó paso de tempo inexpugnable sobre materiais e dotacións e a que corran os seguros dos vehículos sen uso, sen que a Xunta do PP, faga nada.

 

Namentres isto acontece, a Xunta e maila Deputación, andan argallando a privatización do Consorcio provincial de incendios, a pesares dos datos obxectivos que falan dunha merma na calidade do servizo e no encarecemento do mesmo. Por isto mesmo, o representante socialista no Consorcio, Francisco Fraga Civeira, xa amosou a súa desconformidade co proceso de externalización no desenvolvemento do último Pleno. A isto, hai que engadir a situación de precariedade na que se coloca aos traballadores do servizo, expostos á maximización de beneficios por parte das empresas privadas que pode conlevar que non poidan realizar o seu traballo con todas as garantías. Esta precariedade, conlevará consecuencias sobre o servizo recibido polos cidadáns, cando se trata dunha cuestión de suma importancia, garantir a seguridade de todos e todas nós.

 

Pola súa banda, os Alcaldes e Portavoces socialistas, encabezados polo Alcalde do Carballiño, Paco Fumega, o de Ribadavia, Nacho Gómez e o de Carballeda de Avia, Luis Milia; anunciaron accións conxuntas en todos os Concellos afectados pola disolución do Consorcio comarcal e a máis que previsible privatización do Consorcio no que agora están agrupados todos os Parques. Deste xeito, levaranse para o seu debate plenario, mocións coordinadas a nivel comarcal que esixen ao Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento a que poña en funcionamento de xeito inmediato e baixo as premisas da xestión directa e pública, o Parque de Bombeiros do Carballiño-Ribeiro . Ademais, instan a este mesmo Consorcio e á Xunta de Galicia a que opten pola xestión directa do servizo que van prestar os parques de bombeiros integrados no citado consorcio. E por suposto, os socialistas, esixen do goberno autonómico que elabore e aprobe, de xeito urxente, o Regulamento do Bombeiro Profesional recollido na Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia e que cree o Corpo de Bombeiros de Galicia do que formen parte os empregados públicos que presten o seu servizo nos diferentes parques comarcais.

 

Demandamos o remate as obras da estrada de Leiro a Pena Corneira

O Voceiro do Grupo Socialista na Deputación, Ignacio Gómez, acudiu ao chamado feito polos compañeiros do Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, para coñecer de primeira man o deplorábel estado da estrada provincial que comunica a este Concello do Ribeiro con Pena Corneira (no límite con Carballeda de Avia). Manuel Rodríguez, Voceiro dos socialistas de Leiro, deulle traslado ás numerosas queixas recibidas por parte dos veciños e usuarios da estrada, ante o mal estado da mesma, que afecta á súa seguridade.

A devandita estrada, de titularidade provincial, ao seu paso por Lebosende, presenta unha situación lamentábel, con sinalizacións deficientes, numerosas fochancas, un contedor colocado enriba dunha fosa séptica, mal executada, sen rematar, con alta perigosidade, e tramos nos que non poden cruzarse dous vehículos. Após a reiteras queixas realizadas polo Grupo Municipal Socialista, sen que fosen atendidas por parte da Deputación, os leirenses resolveron traslada-lo problema, de enorme gravidade, ao noso Grupo Provincial.

Instamos ao grupo de goberno provincial do PP para que a que lle esixa á empresa encargada da obra, Cruzval, que remate de inmediato os arranxos na estrada e que o faga con eficacia. A Deputación, contratou esta obra con esta empresa por un valor de 60 000 €, e parécenos indignante que deixaran a estrada en tales condicións. É hora que a institución provincial esixa o remate e posta a punto da estrada, xa posto que a empresa contratada ten que ter un aval ou garantía para poder facelo.

Asemade, consideramos que non é de recibo que a Deputación establecera alí un posto de traballo e vaia se-la propia institución a que remate unha obra ante o incumprimento da empresa: non se poden poñer recursos públicos ao servizo dunha empresa privada sen esixirlle que cumpra co acordado e que se responsabilice das súas obrigas. O problema destas obras mal rematadas, é da empresa e non se pode permitir que a propia Deputación lle saque as castañas do lume.

E xa que o noso Grupo Provincial acudiu ao lugar das denuncias veciñais, para coñecer o caso e escoitar aos veciños, podemos recomendarlle a Baltar Blanco que faga o mesmo, que visite o territorio e coñeza as necesidades dos ourensáns, no canto de andar de xira promocional.

Nacho Gómez, considera que a Deputación ten que atender, coma prioridade, ás necesidades, “problemas e desfeitas que acontecen en todo o territorio ourensán”, e non a subscribir convenios, como o recente sobre o CHUO que só benefician os intereses da Xunta, que é a verdadeira responsábel do entorno do centro  hospitalario.

Noela Blanco insta á Xunta a asumi-la titularidade transitoria de instalacións cooperativas para asegura-la comercialización do pemento de Arnoia

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que asuma, de xeito transitorio, a titularidade das instalacións da cooperativa San Salvador. Esta entidade é a encargada da distribución e comercialización do pemento de Arnoia, e vén de ser disolta.

A deputada reclama que o goberno galego impulse a constitución dunha nova cooperativa a curto prazo “que siga desenvolvendo a labor de comercialización deste produto”; e sinala que o peche da cooperativa “pode supoñe-lo estancamento ou redución das posibilidades de mercado do sector, ao dificultarse a posta en contacto dos produtores con empresas de cara á próxima campaña de venda do pemento, que comeza en xullo”.

A compañeira Propón que a Xunta se reúna “de forma inmediata” cos produtores implicados para buscar unha alternativa á disolución da cooperativa” para evitar que acabe “en mans privadas”; e explica que a devandita disolución supuxo que o Concello de Arnoia asumira a débeda de 18 000 € que mantén logo do seu peche, quedándose ao mesmo tempo coas instalacións da entidade. Blanco e reclama agora da participación do goberno galego para corresponsabilizarse na continuidade desta Indicación Xeográfica Protexida.

250px-Pementos_recheos_tortilla_1

O PP dilapidou 129 000 € públicos nunha canceira abandonada en Melón

O Voceiro do noso Grupo na Deputación, Ignacio Gómez, denuncia o estado de abandono da canceira de Melón, debido á desidia dos gobernos do PP. Nacho Gómez, acompañado polo Voceiro do Grupo Municipal Socialista no nese Concello, Marco Antonio Portela, comprobou in situ o estado da canceira, de desleixo absoluto, despois da grande inversión pública realizada. O Grupo Provincial Socialista recorda que, segundo o correspondente Plan Provincial, a Deputación poría en funcionamento cinco centros que ían ofrecer o servizo de recollida de cans abandonados en toda a provincia. Dentro deste plan se construiu, entre o 2010 e 2011, unha canceira no Concello de Melón. Nacho Gómez lembra ao respecto que “os socialistas ourensáns, sempre, nos amosamos contrarios a esta construcción porque Melón nunca foi exemplo á hora de xestionar proxectos e recursos públicos; os antecedentes os preceden; e desgraciadamente, o tempo deunos a razón”.

A inoperancia neste asunto foi manifesta, tanto se temos en conta o papel da administración local coma do propio AGADER (a principal entidade inversora do proxecto) coma a Deputación provincial. Na construcción desta canceira foron investidos, mediante subvención da Xunta e fondos europeos, 129 000 euros. Despois deste esforzo económico público, hoxe a canceira está pechada e abandonada (e xa tiña que estar en funcionamento no 2013); mentres os concellos da comarca d’O Ribeiro, teñen que facer uso de convenios asinados e envia-los seus animais en estado de abandono á canceira do Carballiño, que está totalmente desbordada.

Pero a esta inoperancia se suma a incompetencia no PP de Ourense. Ante a nosa denuncia, o deputado provincial Pablo Pérez, ao que Baltar Blanco deu unha adicación exclusiva como responsábel da área de Cooperacion, que inclúe ás canceiras, manifestou o seu descoñecemento polos centros que este servizo, ao seu cargo, engloba. Neste senso, o BOP do 4 xaneiro do 2013 publica o convenio entre a Deputación e os Concellos onde se ubican as canceiras existentes e as futuras, entre as que se atopa a de Melón e que dura ata finais do 2022. De feito, non hai moito unha brigada da Deputación levou a cabo obras de reparación da cuberta.

Preguntámonos polas razóns de que, tras unha custosa inversión de recursos públicos, O Ribeiro non teña servizo de recollida de cans abandonados. E temos serias dúbidas sobre a xestión dos cartos públicos vidos de Europa para este proxecto.

No noso Grupo na Deputación hai serias dúbidas respecto a se Baltar Blanco contou toda a verdade cando foi interpelado por esta cuestión. E hai serias dúbidas de que a Deputación investise cartos públicos procedentes de subvencións na canceira de Melón, posto que hai numerosos indicios que indican o contrario.

Por iso daremos traslado desta cuestión aos nosos representantes no Parlamento galego, para que procedan a investigar un proxecto con presuntas irregularidades que, en todo caso, é un novo despilfarro de cartos públicos.

Gómez cre que, cando menos, a cuestión da canceira de Melón é unha mostra máis da inoperancia e incumprimento reiterado dos propios proxectos por parte do PP na Deputación de Ourense; ao que lembramos a súa obriga de cumprir-las súas funcións de goberno en, e acordos de, o ente provincial. Ademáis, o compañeiro cre que non se pode permitir que despois do devandito investimento, estas instalacións estean pechadas por culpa dunha decisión caprichosa de Baltar sobre a ubicación deste servizo, cuxo único obxecto foi contentar os aires de grandeza do grupo caciquil que goberna o concello de Melón.

E respecto ao deputado Pablo Pérez, o noso Voceiro na Deputación aconséllalle que sería mellor que o tempo que adica a falar cos xornalistas para intentar que minusvaloren as nosas denuncias, o adicase, primeiro a coñecer cales son as súas propias responsabilidades, e despois a realiza-las tarefas que ten asignadas, e así nós non teríamos que falar de incompetencia no primeiro caso, e inoperancia no segundo.

A Deputación marxina a Berán

San_Breixo_de_Berán,_Leiro

O noso voceiro na Deputación, Ignacio Gómez, denuncia a marxinación que se está a exercer coa Entidade Local Menor de Berán en varios programas da Deputación como de Cooperación en materia de Empregabilidade e o de Mocidade.

O Grupo Provincial Socialista tivo constancia de que as alegacións presentadas por parte do Presidente da Entidade Local Menor de Berán, para acollerse ao programa de Cooperación, foron rexeitadas por parte da xunta de goberno.

Este trato a Berán constitúe unha mostra máis da incoherencia de Baltar Blanco, quen se adicou, no pasado, a defende-la especial protección que merecía esta entidade local, dada a súa singularidade e especiais características. Porén, esta defensa se producía cando era o PP o que a Entidade Local Menor, e todo o contrario agora que o seu Presidente, democraticamente elexido, é o socialista Tomás Lorenzo.
Recomendamos a Baltar Blanco que sexa coherente, se deixe de andar de viaxes pretendidamente promocionais, e atenda aos asuntos que son verdadeiramente importantes para o futuro da provincia de Ourense, que é o seu cometido. Recomendámoslle, neste caso, que recapacite, posto que aínda está a tempo de acepta-las alegacións presentadas polo Presidente da Entidade Local Menor de Berán antes do pleno a celebrar mañá venres (día 26). Deste xeito, o Presidente da Deputación e o seu goberno serían quen demostrar unha coherencia que, ata o de agora, demostraron non ter.

A Entidade Local Menor de Berán é a única que existe na provincia deste tipo, que na lexislación de réxime local é considerada coma unha entidade da administración, coas súas obrigas e dereitos. Así, esta entidade ten que prestar determinados servizos públicos, polo que debería poderse acoller ás mesmas axudas públicas que o resto de entidades, aínda que fose nunha contía menor. Xa que logo, Gómez lembra que as funcións dunha Deputación transcenden a política partidista, e entres elas, está a de ofrecer asistencia e apoio para o desenvolvemento de tódolos entes locais da provincia. Deixar de atender esas alegacións significa deixar sen axudas aos mozos e persoas desempregadas de Berán; xa que, con esta actitude, o PP impide a posta en marcha de varios programas que ían a ser impulsados para crear emprego e mellora-la oferta termal de Berán.