Ribeiro

Os socialistas de Leiro propoñen impulsar a Festa da Vendima creando unha coordinadora

O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, explica que “temos que reunirnos todos os implicados para evitar que siga esmorecendo e así estudar a fondo no que estamos a fallar”

Os socialistas propoñen formar unha coordinadora similar á da Festa da Istoria “para potenciar o proxecto, pero sempre desde a perspectiva da unión e non desde o individualismo”

festa vendima

Ourense, 31 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE de Leiro propón celebrar un encontro entre partidos políticos, colectivos veciñais e culturais, empresarios e técnicos, para potenciar a festa de vedima deste municipio ourensán, unha das celebracións máis lonxevas da provincia logo de sumar xa 29 edicións consecutivas. Segundo aprecian, nos últimos tempos, esta festa está a perder pulo ano tras ano “pola pouca implicación de todos e todas”, unha situación que queren reverter reuníndose sen demora para analizar que está a fallar, propoñer melloras e devolverlle así o brillo e o éxito que merece.

Os socialistas salientan que “fronte o cada vez maior éxito doutras celebracións da comarca como a Festa da Istoria”, en Leiro “ a festa está fallando en moitos aspectos, tanto na organización como nos diferentes apartados, carrozas, actividades paralelas ou publicidade, entre outros, debido á pouca implicación xeral tanto partidos políticos como de asociacións veciñais e culturais, hostalería, empresas locais, adegas ou colleiteiros, xa que o acto principal en forma de desfile de carrozas vai decrecendo co transcurso do tempo e, de feito, este ano houbo moi poucas carrozas”.

O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, explica que “temos que reunirnos todos os implicados para evitar que siga esmorecendo e estudar a fondo no que estamos a fallar, xa que este ano, se non fora pola novidade da primeira mostra dos viños, que hai que recoñecer que estivo moi ben, a desfeita tería sido maior”. “Temos que potenciala máis; publicitala no exterior da provincia para que toda Galicia coñeza unha proposta tan interesante; aumentar a súa duración con un día máis; e sumar a novas adegas e colleiteiros”, asevera.

“Un bo espello no que podemos mirarnos para mellorar a organización da nosa celebración, é a coordinadora da Festa da Istoria de Ribadavia”, salienta o portavoz socialista antes de recordar que “a través desa sólida coordinadora canalízanse todas e cada unha das actividades que alí se realizan, que son moitas e todo tipo, e así acadan tantísimo éxito todos os anos, polo que se nós facemos o mesmo e atendemos as demandas de todos os implicados mediante unha coordinadora similar, poderemos lograr que a Festa da Vendima sexa un encontro de todos os veciños e veciñas, e non só do partido que goberna nestes momentos no concello, que é o PP”. Rodríguez recorda que “canto máis traballo consensuado academos, máis éxitos sumaremos para a festa máis importante do municipio”.

O PSdeG-PSOE de Leiro advirte que “de seguir con este formato de festa, pode suceder que a celebración se paralice ou incluso chegue a desaparecer, e por iso debemos buscar un punto de partida no cal esteamos todos e todas dacordo” para evitar o que sucede agora “no que o único que se busca é o beneficio duns poucos e non o beneficio do interese xeral de toda a veciñanza”. “Hai multitude de cousas que se poden facer para potenciar este proxecto, pero sempre desde a perspectiva da unión e non desde o individualismo para sacar un rédito exclusivo duns poucos”.

Os socialistas de Leiro denuncian que o alcalde do PP oculta información sobre o vertedoiro xunto ó río Avia

“Se o alcalde unicamente ofrece a calada por resposta, é que algo ten que ocultar en todo este turbio asunto”, asegura Manuel Rodríguez, o portavoz municipal do PSdeG-PSOE

Ante esta falta de explicacións dos conservadores, os socialistas rexistraron un segundo escrito no que demandan copia das licenzas de actividade do solar e copia dos permisos de actividade

Ourense, 24 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que o alcalde do PP deste municipio ourensán, Francisco José Fernández, está a ocultar todo tipo de información sobre o vertedoiro de lixo e refugallo ubicado na entrada das zonas de ocio e lecer do río Avia, logo de non contestar absolutamente nada á solicitude de información rexistrada polos socialistas a comezos de agosto. “Se o alcalde unicamente ofrece a calada por resposta, é que algo ten que ocultar en todo este turbio asunto”, asegura o portavoz municipal, Manuel Rodríguez, antes de recordar que os gobernos locais, segundo a Lei de bases do Réxime Local vixente, están obrigados a facilitar información ás formacións políticas da corporación.

“Fernández presidente un goberno vergoñentamente preguiceiro que non cumpre debidamente coas súas funcións e que, para colmo, presume dun escurantismo propio doutras épocas pasadas”, denuncia o portavoz. Ante esta ausencia de explicacións claras e concisas por parte dos conservadores de Leiro, os socialistas rexistraron un segundo escrito no que demandan copia das licenzas de actividade do solar e copia dos permisos ambientais pertinentes e necesarios para as actividades que alí se realizan, aparentemente un almacén de carácter industrial. Tamén solicitan que, no caso de inexistencia de licenza e permisos, o alcalde execute os procedementos regulamentarios que son de aplicación nestas situacións de presunta ilegalidade.

O PSdeG-PSOE de Leiro recorda que están a recoller, desde hai moito tempo, críticas e protestas dun gran número de veciños e veciñas, ante a acumulación indiscriminada de lixo e refugallos de ferros e pedras ou depósitos de gran tamaño, xerando un negativo impacto paisaxístico, visual e medioambiental nun espazo que, pola súa excelente ubicación na mesma entrada das zonas de ocio e lecer do río Avia, debería estar limpo e coidado. Rodríguez denuncia que “o vergoñento abandono por parte do concello deste espazo cada vez máis degradado, está a prexudicar seriamente a imaxe do municipio e a vida diaria da veciñanza da zona” por culpa dun goberno local “sumido nunha manifesta deixadez de funcións das súas obrigas coa protección e impulso do medio ambiente e do turismo”.

Os socialistas tamén lle recordan ó rexedor conservador que, aínda que todo ese lixo e refugallo se atopen nunha finca de titularidade privada, é deber obrigado do goberno local vixiar e facer cumprir a lexislación vixente en materia urbanística, de saúde pública e protección do medio ambiente en todo o municipio, tamén nos espazos privados.

Os socialistas do Ribeiro denuncian a pésima xestión da mancomunidade

O concelleiros resaltan os problemas que presenta un camión de lixo que realiza o servizo verquendo un abundamente líquido fedorento mentres hai un novo mercado hai pouco tempo desaparecido

Os portavoces tamén denuncian publicamente que un voluntario e encargado do servizo de Protección Civil está a empregar unha furgoneta da agrupación para uso particular

camion_lixo_mancomunidade_ribeiro_verquido

Ourense, 17 de agosto de 2018. Os portavoces do PSdeG-PSOE dos municipios de Cenlle, Leiro, Arnoia, Beade e Cortegada –todos pertencentes á comarca ourensá do Ribeiro– denuncian o pésimo estado e o mal uso dos recursos deste ente público, entre eles, os medios do servizo de recollida do lixo ou do vehículo de Protección Civil. Destacan os problemas do camión de recollida do lixo, que realiza o servizo verquendo un líquido cun cheiro insoportable durante todo o seu percorrido. Así, non entenden que se esté a empregar este vehículo defectuoso e fedorento, cando a mancomunidade ten outro novo que custou 145.000 euros, dos que 50.000 foron sufragados pola Deputación Provincial e o resto foi a cargo dos cartos de toda a veciñanza dos concellos adheridos á mancomunidade. Premendo aquí podedes acceder a un vídeo co problema do camión.

Os socialistas recordan que o presidente da mancomunidade e alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, “destacaba e agradecía a colaboración da Deputación de Ourense nesta iniciativa ambiental que supoñía investir nun novo equipamento da recollida de residuos sólidos urbanos”. Os portavoces ficaron “negativamente sorprendidos” ó comprobar os abundantes verquidos prexudicias do vehículo vello e salientan que “non se pode mellorar nin o medio ambiente nin a calidade do servizo de recollida con camións terceiromundistas que están a desfacerse en anacos”. “Que está a pasar co novo vehículo? Onde se gastou a pasta?” pregúntanse.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE do Ribeiro destacan que “se está a sangrar ós veciños e veciñas dos municipios aínda pertencentes á mancomunidade con servizos máis caros pero de evidente peor calidade e, por este motivo e moitos máis, incluso concellos gobernados polo Partido Popular como Avión ou Melón marcharon do ente público ante a nefasta xestión, a nula atención ás demandas veciñais reiais e o manifesto encarecemento dos servizos públicos levada acabo polo seu presidente”.

Vehículo empregado para usos particulares

Os portavoces tamén denuncian publicamente que un voluntario e encargado do servizo de Protección Civil está a empregar unha furgoneta da agrupación para uso particular, malgastando diñeiro e facendo un uso indebido dun recurso público que debería estar ó servizo de todos e todas. Os socialistas aseguran que “leva meses facendo isto co pleno consentimento da mancomunidade, polo que imos pedir explicacións polo miúdo ó presidente, posto que non obtivemos explicación algunha por parte desta persoa que está a usar un vehículo público como se fose de seu”. “Tamén imos pedir a dimisión do presidente da mancomunidade pola pésima xestión dos recursos públicos do ente e por consentir este tipo de accións con diñeiro de todos e todas xa que, se esta persoa non ten coche en propiedade, debería comprar ou alugar un no lugar de empregar un ben de interese xeral para uso propio”, conclúen.

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a pasividade do alcalde ante un vertedoiro en plena zona turística do Avia

Moreas de lixo, refugallos de ferros e pedras, ou depósitos de gran volumen, acumúlanse xerando un gran e negativo impacto paisaxístico, visual e medioambiental

O portavoz do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez, destaca que “o goberno local, coa súa pasividade e permitindo toda esta desfeita, é consentidor e culpable dunha situación lamentable”

Lixo en Leiro

Ourense, 9 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a pasividade do alcalde do PP cun vertedoiro de lixo e refugallo ubicado na entrada das zonas de ocio e lecer do río Avia. E que o acceso á área de esparexemento onde está a praia e o paseo fluvial, a pasarela colgante, o parque do Salgueiral, o campo de fútbol, as antigas instalacións do cámping ou a residencia de maiores, estase a converter nun gran solar abandonado no que se acumulan moreas de lixo, refugallos de ferros e pedras, ou depósitos de gran volumen, xerando un gran e negativo impacto paisaxístico, visual e medioambiental.

O portavoz dos socialistas de Leiro, Manuel Rodríguez, destaca que o “vergoñento abandono por parte do Concello deste lugar ó lado mesmo de espazos cun destacado valor turístico e medioambiental da ribeira do río, está a prexudicar seriamente a imaxe do municipio de cara ós turistas e visitantes, pero tamén está a causar malestar entre os veciños e veciñas que desfrutan destes lugares no seu día a día”. “A incompetencia do PP é absoluta porque, mentres gastan centos de miles de euros de diñeiro público nun SPA do viño para facer de Leiro un destino turístico destacado, non teñen o máis mínimo control dunha das zonas de maior interese turístico do municipio ó deixar que se acumule tal cantidade de lixo nunha espazo polo que deben pasar os turistas que vaian ó SPA”, aseveran desde a agrupación municipal.

Rodríguez insiste en que “o goberno local, coa súa pasividade e permitindo toda esta desfeita, é consentidor e culpable dunha situación lamentable, xa que o seu deber é vixiar as zonas de interese turístico e poñer en coñecemento das autoridades medioambientais as irregularidades que se cometan no seu territorio algo que, evidentemente, non está a facer”.

Os socialistas destacan que o goberno conservador de Leiro está “sumido nunha total deixadez de funcións en todo o relacionado co control destes refugallos e coa defensa, protección e impulso dos espazos medioambientais máis importantes do municipio”. Ante esta vergoñenta preguiza dos populares, reclaman ó alcalde que, dunha vez por todas, se poña a traballar e busque “solucións inmediatas”. O PSdeG-PSOE recorda que existe unha planta de reciclaxe na estrada de Vieite (na que se atopa a zona industrial), e debería ser alí onde se acumulen e reciclen este tipo de restos.

Os socialistas denuncian que o goberno de Leiro se nega a retirar o amianto tóxico das construcións do municipio

O PSdeG-PSOE denuncia que o alcalde do PP se nega a debater e votar esta necesaria iniciativa con escusas sen fundamento, e esquece a protección da saúde dos veciños e veciñas

O voceiro municipal, Manuel Rodríguez, demanda a implicación inmediata doutras administracións públicas para axudar na perigosa retirada deste material tan tóxico

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o vergoñento e perigoso desleixo do goberno local do PP coa protección da saúde da veciñanza deste municipio ourensán, logo de vetar o PP, durante o último pleno municipal, o debate dunha moción sobre a necesaria protección da veciñanza fronte ás construcións levantadas con amianto ou asbesto. O rexedor conservador negouse a aceptar a urxencia da iniciativa, porque a proposta de acordo dos socialistas demanda que, como é lóxico, se inste a outras institucións públicas a colaborar neste inaprazable e necesario compromiso coa saúde das persoas, e polo tanto, a proposta nin sequera chegou a ser debatida.

O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, denuncia o “vergoñento e perigoso desleixo do PP cunha cuestión tan relevante como é a saúde pública, ante un material que, como é público e notorio, é moi nocivo para a saúde”. Rodríguez recorda que o amianto é prexudicial e está prohibido en toda a Unión Europea desde hai máis dunha década, polo que “é incomprensible que o alcalde non teña entre a súas prioridades a súa retirada das construcións de Leiro”. O voceiro do PSdeG-PSOE recorda que “ante a absoluta inacción do PP nas administracións públicas ó respecto deste tema fundamental, os socialistas si traballamos activamente para impulsar medidas a prol da protección da saúde e para a eliminación do amianto e doutros tóxicos”. “É misión fundamental do goberno local velar polas demandas e preocupacións veciñais e isto é unha desas preocupacións”, asevera.

Rodríguez considera “imprescindible e inaprazable” retirar o amianto das canalizacións de agua e das restantes edificacións, e cree “fundamental” informar á poboación dos seus riscos. “Debemos dar a coñecer o procedemento adecuado de detección do amianto e os problemas que comporta para a saúde, así como o risco que supón a manipulación inadecuada para evitar problemas durante o proceso de retirada dos seus residuos”, asegura. Os socialistas anuncian que insistirán nesta necesaria proposta a pesar da vergoñenta negativa do alcalde, e salientan que é moi importante a “implicación das administracións autonómica e provincial porque o tratamento e retirada destes materiais é custoso e complicado pola súa perigosidade para ser feito en soidade polos veciños e veciñas e, por iso, moita xente segue a convivir con tóxicos nas súas casas”.

O PSdeG-PSOE de Leiro critica o desleixo do goberno local do PP co patrimonio etnográfico ó negarse a recuperar fontes e lavadoiros públicos

A moción propón unha protección integral para estes elementos singulares, evitando actuacións puntuais en forma de parche como as materializadas ata o de agora que son manifestamente insuficientes

“A realidade é que o alcalde nega esta iniciativa para protexer o noso patrimonio etnográfico e cultural porque non se lle ocorreu a el”, denuncia o portavoz municipal, Manuel Rodríguez

O PSdeG-PSOE de Leiro critica o vergoñento desleixo e monumental desgana do goberno local do PP coa protección do patrimonio etnográfico deste concello ourensán, ó negarse a recuperar as abandonadas fontes e lavadoiros públicos, elementos singulares da cultura local que, para colmo, foron desprezados polo rexedor durante o último pleno municipal. Os socialistas critican o nulo interese dos conservadores por establecer e financiar unha protección integral para estes elementos tan singulares, evitando así actuacións puntuais en forma de parche como as materializadas ata o de agora, que son manifestamente insuficientes.

A moción socialista rexeitada demandaba a elaboración dun plan de rehabilitación de fontes e lavadoiros, habilitando as partidas orzamentarias necesarias para este fin, así como a elaboración dun catálogo actualizado no que se detalle a súa situación e o estado de uso e conservación. Tamén reclama a constitución dunha comisión de seguimento configurada por representantes veciñais, expertos e un concelleiro de cada grupo municipal que establecerá unha orde de prioridades. Por último, solicita unha sinalización adecuada de cara ó seu posible interese turístico, e que se dote de auga a aquelas fontes e lavadoiros que carecen de subministro na actualidade.

O portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez, critica o “vergoñento desleixo do PP cun dos elementos máis destacados do patrimonio etnográfico e cultural como son estas fontes e lavadoiros públicos”. “O máis grave é que o alcalde desprezou o patrimonio de todos e todas ó asegurar despectivamente que ningunha das nosas fontes ten interese turístico algún, unha actitude que demostra a absoluta desidia do PP coa cultura e a tradición local, e a falla de visión turística pois, sen ir moi lonxe, outros concellos limítrofes coma Carballiño ou Boborás acaban de recuperar estes elementos patrimoniais para potencialos coma atractivo turístico e cultural”, explica o concelleiro. “A realidade é que o alcalde nega esta iniciativa porque non se lle ocorreu a el”, denuncia.

Rodríguez lamenta a actitude dos conservadores e detalla que “a moción realmente buscaba establecer unhas liñas xerais para a súa protección xa que, ata o de agora, a súa recuperación e conservación dependen en gran medida da importante labor desinteresada realizada por veciños e veciñas que agora, debido a súa avanzada idade, xa non poden facer”. Os socialistas de Leiro insisten en que é “indecente” que o as fontes e lavadoiros estean nun estado tan lamentable por culpa da innación do goberno local do PP e que é “desvergonzado” deixar unicamente nas mans veciñais a conservación do patrimonio público.

O PP segue a apoiar a Rogelio Martínez

Ao ex-super-delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, a Xustiza abriulle xuízo oral por uso fraudulento dos cartos dos fondos europeos “Leader II”, con presuntos delictos de malversación, fraude e falsidade documental. Pero o PP segue a apoialo, tamén dende a Xunta.

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco preguntou en comisión parlamentaria polas medidas que puxera en marcha a Xunta para controla-la xestión dos fondos públicos europeos por parte de Martínez. A compañeira cuestionou “onde estaba a Xunta” ante as continuas denuncias que os socialistas fomos facendo das irregularidades que podían estar rodeando á xestión de Martínez; e criticou que “fixese oídos xordos” e non controlase o uso deses fondos.

Pero Blanco tamén destacou que, a día de hoxe, a Xunta “segue a protexelo”, e preguntouse “¿Que lle debe o señor Feijóo a Rogelio Martínez? Debe se algo bastante gordo”, supuxo. A deputada lembrou que, na súa etapa como alcalde de Arnoia, Martínez presidía un grupo de acción local e certificou unha planta de biomasa e a compra dunha maquinaria que nunca existiu, cuns fondos “importantísimos para o desenvolvemento rural”, destacando que Martínez tiña “prácticas de sobra coñecidas de cacique á antiga usanza e despotismo non ilustrado”, como utilizar membros da escola da mancomunidade d’O Ribeiro para sementar e recolectar nos seus terreos particulares, ou a súa relación con enchufes de familiares de persoas do PP.

“Aínda así, Feijóo considerouno unha persoa apta para ser delegado da Xunta en Ourense a partir do 2009, xa imputado tres anos, porque era o alter ego de Feijóo na provincia de Ourense” na “loita de bandas” entre “gorras e birretes”, sendo “o que Ignacio González a Esperanza Aguirre”, explicou a compañeira. Tamén lembrou a emotiva despedida que lle brindou Alfonso Rueda en Ourense, e que, trala súa dimisión, foi incluído como suplente nas listas do Senado, ademais de ser nomeado presidente do PP en Arnoia o pasado 21 de xaneiro, e vocal da Cámara de Comercio o pasado 15 de febreiro.

“É vergoñento que sigan respaldando non só a Rogelio, senón tamén a ese grupo de acción local imputado de arriba a abaixo”. “Qué papelón acaba de facer hoxe”, lamentou Blanco ante as escusas do PP. “Soplar e sorber non pode ser”. “Non poden presumir de loitar contra a corrupción e á vez meter no abrigo a unha persoa corrupta”, asegurou Blanco, quen lembrou que o PSdeG tivo que acudir directamente á Xustiza porque a Xunta fixo caso omiso das súas denuncias en tódalas cámaras de representación. “Inhibíronse de poñer en coñecemento da Oficina Europea de Loita contra a Fraude estes feitos, e agora non só gardan silencio, senón que saen na súa defensa”, concluíu.

Preocupante insuficiencia de prazas nos centros de día de Ourense

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de presentar unha batería de preguntas parlamentarias sobre a xestión dos centros de día na nosa provincia, amosando a súa preocupación sobre a “insuficiencia de prazas” neles, especialmente nas comarcas d’O Ribeiro e Carballiño, nas que “un 35% dos habitantes teñen máis de 65 anos”.

Blanco preguntou tamén “cando ten pensado” a Xunta abri-lo centro de día de Leiro, sendo descoñecido o motivo polo que aínda non se remataron as obras da súa construción, iniciadas no 2013. A compañeira constata que o edificio está rematado, incluso no acondicionamento dos exteriores, nos que faltan só “pequenos detalles”, mais “o centro segue pechado”, sinalou.

Nesta liña, a deputada interesouse por saber se a Xunta ten pensado xestionar este centro; se, para facelo, vai a firmar algún convenio de colaboración co Concello de Leiro, e se ten previsto construir máis centros durante esta lexislatura.

Blanco lembrou que “os centros de día son recursos sociais intermedios dirixidos a atender as necesidades específicas das persoas maiores”, e que cumpren “unha importante función de apoio ás familias”.

Leiceaga visita Ribadavia e demanda a apertura na vila do Museo do Viño de Galicia

museo_do_vinho

O voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou o “desleixo permanente” da Xunta coa dinamización do rural, no marco da súa visita á capital d’O Ribeiro, na que o acompañaron a deputada pola nosa provincia Noela Blanco e o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez

Fernández Leiceaga puxo o caso deste Museo como paradigma do desleixo do goberno galego e da falla de compromiso co rural tanto do Executivo autonómico como da propia Deputación, xa que, logo de trinta anos dende que foi planificado, este Museo está totalmente preparado para a súa apertura e fica á espera de que a Xunta o dote de fondos e persoal.

Leiceaga sinalou que se trata dunha “oportunidade para o Concello, a comarca e toda Galicia”, por canto serve de complemento para impulsa-la actividade turística do interior de Galicia, malia que a actual situación está a supoñer que a iniciativa fique lastrada por unha decisión política deliberada do goberno galego.

A reivindicación desta apertura, que vai ser tratada no pleno do Parlamento da próxima semana, foi presentada por Leiceaga tamén como un xeito de “chama-la atención sobre as consecuencias do seu desleixo permanente e continuado, que non é froito da ignorancia”, en referencia á Xunta do PP.

A deputada Noela Blanco explicou que os socialistas lle reclamarán á Xunta unha data de previsión de apertura da infraestrutura, que constitúe “unha mancha máis da Xunta coa comarca do Ribeiro”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, reivindicou que o Museo do Viño “sexa algo máis que un argumento para que o PP veña facer fotos e anuncios en campaña electoral”, lembrando que “foi un alcalde socialista quen iniciou o proxecto, foi un presidente da Xunta socialista quen conseguiu poñelo en marcha e é o PP quen o está aprazando continuamente”, e reclamou un compromiso claro dende a Xunta e a Deputación que, dixo, “ten persoal suficiente para dotar” ao Museo do Viño de Galicia e poñelo en marcha, en alusión á controvertida política de persoal de Baltar no ente provincial.

Esiximos a dimisión da Delegada da Xunta por cómplice do incumprimento da inhabilitación do ex-alcalde de Melón

 

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión da delegada da Xunta en Ourense por ser “cómplice do incumprimento da sentenza xudicial que inhabilita ao ex-alcalde de Melón ata o 2021”. Así o dixo logo de constatar que o ex-alcalde e a actual alcaldesa, que ademais é a súa esposa, foron recibidos onte nun despacho oficial pola Delegada.

Blanco considera “gravísimo que, no exercicio das súas funcións, Marisol Díaz se reunira co ex-alcalde para tratar asuntos deste Concello, a pesares de estar inhabilitado para exercer cargo público”, e sinala que dita recepción amosa que a representante da Xunta é “cómplice do incumprimento dunha sentenza xudicial”, constatándose ademais “que, como vimos denunciando os socialistas, é público e notorio que Pardellas segue liderando o goberno de Melón na sombra”.

O ex rexedor foi inhabilitado para o exercicio de cargo público durante oito anos e medio por prevaricación ao autorizar un polideportivo a 75 metros do mosteiro cisterciense de Santa María.