A Limia

O PSOE denuncia no Congreso dos Deputados e no Concello de Vilar de Barrio o atropelo medioambietal e ao patrimonio agrícola que están a provoca-las modificacións nas obras do AVE

O PSOE denuncia ante a mesa do Congreso dos Deputados e ante o Concello de Vilar de Barrio, a través de senllas mocións, que as modificacións do proxecto inicial das obras da liña de Alta Velocidade ferroviaria ao seu paso por ese concello, supoñen un ataque medioambiental e contra o sector produtivo agropecuario de Vilar de Barrio.

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, xunto coa voceira do PSdeG en Vilar de Barrio, Soraya Briz e a secretaria de Medio Rural da Executiva Provincial, Antonia Álvarez,  visitaron hoxe a zona de Porto-Alemparte-Maus, onde denunciaron que ditas modificacións suporán a paralización da concentración parcelaria nesta zona, co fin de crear un área de acopio de material e, presumíbelmente, unha planta de xabre de granito procedente da escavación do túnel de Prado.

“No proxecto inicial respectábase esta zona en fase de proxecto de concentración parcelaria, na que, ademais, existen árbores dun grande valor ecolóxico”, lembrou Seara, que lle esixiu ao Goberno central, xa que logo, que “explique alto e claro o por qué destas modificacións e se a empresa adxudicataria ten as licencias preceptivas para a realización destas novas obras”, tanto “as que se refiren a normativa  medioambiental” como as tocantes “á Lei de Augas”.

Así mesmo, a compañeira denunciou tamén que “na poboación de Borrán, e ao marxe do que estaba proxectado, preténdese acabar con terreos agrícolas coa mesma finalidade que en Prado”, e incidiu en que “existen alternativas propostas polos veciños para que a empresa continúe cos traballos sen perxudicar nin aos propietarios das fincas, nin ás obras” do AVE.

Pola súa banda, a voceira municipal socialista en Vilar de Barrio, Soraya Briz, denunciou que “este atropelo medioambiental e ao sector agropecuario por parte da empresa adxudicataria estase a producir co beneplácito de ADIF e do propio Concello”, e insta ao grupo de goberno municipal a que “defenda os intereses dos seus veciños e realice tódalas xestións necesarias para que a empresa adxudicataria acepte as alternativas formuladas”.

As socialistas sinalaron que “o desenvolvemento de infraestruturas como a liña de Alta Velocidade é fundamental para a cohesión territorial, o crecemento económico, a competitividade e mesmo o emprego, pero, ao mesmo tempo, debe ser sensíbel co modelo agrogandeiro e medioambiental deste concello, o que é perfectamente posíbel”.

Xornada de asesoramento técnico para concelleiras e concelleiros

portadaRegimenLocalO vindeiro sábado, 16 de marzo, terá lugar a terceira das sesións de asesoramento sobre temas de xestión municipal, dirixidas a concelleiras e concelleiros do Partido, membros das executivas locais e, en xeral, a calquera militante interesado da provincia de Ourense. Trátase dunha xornada de resolución de dúbidas, a cargo dun equipo técnico, así como membros do Partido con experiencia en cargos municipais. É importante destacar que non se trata dunha xornada sobre Política Municipal, senon sobre ferramentas, lexislación, trámites, etc, necesarios para o traballo das concelleiras e concelleiros.

Será ás 17:00 no Concello de Castrelo do Val, e está principalmente dirixida ás concelleiras e concelleiros das comarcas da Limia e Verín, ainda que como dixemos anteriormente, pode asistir calquera militante.

Organiza: Secretaría Provincial de Formación