Fiscalidade

Os socialistas de Xinzo denuncian o cobro de recibos do lixo con anos de retraso

29/09/2016
By

Elvira lama, voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Xinzo e deputada provincial socialista, fíxose eco da indignación de numerosos veciños de Xinzo, tras seren notificados de novos recibos de lixo que se lles reclaman con anos de atraso.

Despois das consultas realizadas, confírmase a emisión de 1470 novas altas no catastro, o que está a provocar que numerosos veciños estean recibindo notificación da taxa do lixo do ano en curso e de anos anteriores. Moitos nin sequera foron notificados das novas altas levadas a cabo pola revisión do catastro no Concello de Xinzo, logo de que se producise unha nova inspección o ano pasado.

O recibo do lixo do Concello de Xinzo está regulado na ordenanza nº 8, aprobada no 2014 cunha cota de 54,04€ para o casco urbán da vila, e de 44,95€ no resto do concello; recibos que chegan multiplicados en función das novas altas que se fixeron, e polo IPC anual correspondente.

Os socialistas de Xinzo tamén denunciaron que están a ser gravadas construcións que non teñen a categoría de vivenda ou uso residencial, dándose casos nos que un mesmo inmoble está pagando dous recibos de lixo, e mesmo chegan recibos relativos a alpendres e palleiras; polo que a lóxica indignación dos veciños vai en aumento, máxime nos casos daqueles que se ven obrigados a ausentarse do seu posto de traballo para xestionar reclamacións.

Dende o Grupo Socialista de Xinzo demándase un maior control nos servizos de recadación, tanto no Concello como na Deputación xa que, aínda que esta última emite os recibos, estes están feitos en base aos datos que lle envía o Concello; e demándaselle ao Alcalde que solicite o servizo da Deputación á hora de asesorar aos veciños para faceren as súas reclamacións e xestiona-las exencións e bonificacións se procede, evitándolles o desprazamento á cidade para realizaren estes trámites.

Xornada sobre a revisión catastral no rural

08/03/2016
By

Este xoves, día 10, celebraremos unha Xornada Informativa provincial sobre a revisión catastral e a súa repercusión no I.B.I. das explotacións agrícolas e gandeiras

Exercerá de ponente o voceiro socialista na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia, Pablo García

O evento terá lugar a partires das 19:30h. na sede provincial.

A Executiva Provincial comeza unha rolda de reunións nas comarcas cunha mantida na de Carballiño

20/02/2016
By

20160220104652

A Executiva Provincial do PSdeG deu comezo a unha rolda de reunións comarcais enmarcadas nunha estratexia orientada a analizar aqueles temas que xeneran maior interese a nivel local para reforza-la acción política do partido a nivel territorial e potencia-la asistencia e apoio a tódalas as agrupacións e grupos municipais, de xeito coordenado con cadanseus coordenadores comarcais.

A primeira destas reunións, no que respecta ao presente ano, foi a correspondente á comarca de Carballiño; onde, aparte da presenza de membros da Executiva, estiveron os voceiros, secretarios xerais das Agrupacións Municipais, concelleiros, o deputado provincial da zona, Francisco Fraga, e o coordenador comarcal, Guillermo Fernández Dopazo.

Na reunión púxose especial énfase en tratar aqueles asuntos políticos de especial relevancia no ámbito local, de xeito que os asistentes lle poidan traslada-lo seu contido á veciñanza de cadanseus concellos. Nomeadamente, observouse como prioritario o trasladarmos toda a información dispoñíbel sobre a regularización catastral e a xestión do IBI, que afectan, progresivamente, a tódolos concellos.

Por outra banda, atendeuse a varios temas que suscitan interese ou dúbidas, por parte dos asistentes, no desenvolvemento diario da acción política nos grupos municipais socialistas, como a xestión de subvencións e axudas e a fiscalización das mesmas, o despoboamento, o aproveitamento forestal ou a xestión urbanística. En todo caso, buscouse acadar unha acción coordenada e a adecuada ao modelo de provincia que os socialistas queremos para Ourense.

Xa que logo, co esforzo colectivo de todos os militantes de cargos do PSdeG de Ourense, procuraremos as mellores solucións para as demandas que, día tras día, nos fai a cidadanía dos distintos concellos da provincia.

Denunciamos a repercusión que terá na economía rural a regularización catastral que se está a desenvolver por parte do Ministerio de Hacienda, e anunciamos medidas en tódolos ámbitos institucionais

20/02/2016
By

20160220104652

Hoxe sábado, áss 11:00h., tivo lugar na sede provincial do PSdeG unha reunión que contou coa presenza de voceiros, e concelleiros socialistas da Comarca de Ourense (incluindo o coordenador comarcal, Álvaro Vila), así como do noso senador e de deputados provinciais, autonómicos e estatal.

A Urxencia desta reunión vén dada pola repercusión que pode ter na economía rural a regularización catastral que se está a desenvolver por parte do Ministerio de Hacienda O procedemento de regularización catastral impulsado dende o Ministerio, co obxetivo de aumentar a recadación e intentar sanear as contas dos concellos, vai a ocasionar un impacto importante sobre os habitantes do medio rural en xeral, e sobre todo, sobre as explotacións agrarias e gandeiras.

A cantidade en cuestión vai a ter moito que ver coa vontade de cada concello. E aínda que a Xunta de Galicia non ten competencias propias neste proceso nin neste imposto, o seu papel, dada a importante incidencia que vai a ter no noso rural, non pode ser de pasividade, e debería ter unha posición de interlocución e negociación diante do Ministerio.

O que se pretende conquerir a través das distintas institucións é que o Ministerio de Hacienda dea unha moratoria para que este proceso non se desenvolva sen ter suficientemente valoradas as peculiaridades e a idiosincrasia dos distintos concellos.

Demandamos que as explotacións agrarias e gandeiras galegas sigan a te-las exencións máis amplas posible na súa tributación, e que se chegue a un acordo cos concellos e no seno da FeGaMP para que este proceso se desenvolva de xeito coordenado, e que non se lle imputen aos propietarios multas das que non son responsables na maioría dos casos polos atrasos dos exercicios anteriores.

Seara á Ministra Báñez: “vostede expulsa de España aos mozos que non queren irse e maltrata aos seus avós cando queren voltar”

10/12/2014
By

 

Vídeo da pregunta: https://www.youtube.com/watch?v=6PZcfyRX3Kc

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, realizou hoxe no Pleno da Cámara Baixa unha pregunta oral á ministra de Emprego para denuncia-lo “inxusto trato por parte do Goberno do PP aos emigrantes retornados”.

Durante a súa intervención, Seara pediulle a Báñez “que se vire aos emigrantes retornados, lles fale con franqueza e lles explique por qué o Goberno do PP se empeñou en tratalos como cidadáns de segunda”.

A compañeira acusou á ministra de “desprezar de novo aos que tiveron que coller unha maleta e marcharse do noso país e agora voltaron, e que son os pais e avós dos centos de miles de mozos que agora tamén se ven obrigados a marchar”, pediulle a Báñez que “atenda aos nosos emigrantes retornados como se merecen”, e reprochoulle: “vostede expulsa de España aos mozos, malia que non queren irse, e maltrata aos seus avós cando queren voltar”.

Neste punto, a deputada citou o caso dalgúns emigrantes galegos “como Nelson, de Cangas, que voltou a España cunha pensión de incapacidade absoluta que o Goberno do PP se nega a recoñecerlle; ou como Beningo, de Ourense, que ten unha pensión de 12 000€ ao ano polo seu traballo en Alemaña e España, e que agora ten que pagar 500€ cando, con esta pensión, polo seu traballo en España, non tería obriga de declarar; ou como Francisca, de Muxía, que voltou de Suíza cunha minusvalía recoñecida do 100% que o Goberno do PP lle rebaixou ¡ao 6%!”.

“É posíbel que a vostede lle sobre Fe, Señora ministra, pero fáltalle sentido da Xustiza” afeoulle Seara a Báñez.

Tras esta pregunta en Pleno, Seara acudiu á manifestación dos emigrantes retornados que tivo lugar esta mañá en Madrid, e, ao seu remate á reunión que o Grupo Socialista mantivo no Congreso con representantes da Federación de Asociacións de Emigrantes retornados, na que estiveron presentes os demais deputados do PSdeG naquela Cámara.

 

IMG-20141210-WA0002

O Goberno central recoñece que existe unha relación directa entre a lei de taxas e a diminución da litixiosidade xudicial

03/05/2014
By

O Goberno central vén de recoñecer, en dúas respostas parlamentarias por escrito á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, que “a conxuntura económica e outras reformas, como a Lei de Taxas poden ser circunstancias a ter en conta para valora-lo descenso da litixiosidade” xudicial durante o ano pasado.

Respecto de Ourense, os datos aportados polo Goberno a Seara, amosan que a caída da litixiosidade no 2013 respecto ao ano anterior, cunha baixada de case o 20%, ten lugar principalmente na orde contencioso-administrativa. Tamén diminuíron nun 1,5% os asuntos xudiciais na orde social mentres que na orde civil produciuse un aumento da litixiosidade do 13,3%, e na penal subiu un 5,6%.

A compañeira apunta que “estes datos son exactamente a radiografía de cómo deixou o Goberno do PP o sistema xudicial”, e sinala que a importante diminución dos contenciosos administrativos “débese, sobre todo, á imposibilidade que agora mesmo teñen os cidadáns para recorre-las sentenzas da Administración polo aumento das taxas xudiciais”. Porén, considera que “o aumento dos asuntos xudiciais en materia civil ten moito que ver coas preferentes” e que “a subida dos asuntos penais ten relación co aumento da criminalidade”.

Seara critica que, na súa resposta, o Goberno pretenda xustificar dalgún modo a baixada da litixiosidade no 2013 ao sinalar que tamén baixaron os contenciosos-administrativos en 2012 respecto de 2011, ao que a deputada resposta que “aínda que é certo que a crise por si mesma provoca unha baixada da litixiosidade, a Lei de Taxas do Goberno do PP puxo a guinda para que os cidadáns non poidan acceder á Xustiza por motivos económicos”, lembrando que “o taxazo xudicial” acabou co dereito dos cidadáns de acceso á Xustiza, provocando tamén nesta materia unha “profunda división de dereitos entre os cidadáns que os poden pagar e os que non”.

Neste senso, lembra que o Grupo Socialista no Congreso dos Deputados defendeu recentemente no pleno desa Cámara unha enmenda á totalidade do proxecto de lei de asistencia xurídica gratuíta, texto que será “unha lei máis restritiva, máis complexa e máis burocrática que a actual, ademais de posibelmente inconstitucional”, en todo caso, “outro ataque máis do Goberno ao dereito dos cidadáns á tutela xudicial efectiva”.

A compañeira criticou, ademais, o feito de que o Goberno do PP “vincula o financiamento da xustiza gratuíta cos ingresos que se obteñan polas taxas xudiciais; con todo no 2013 se recadaron 316 millóns polas taxas, e o Goberno presupostou este ano para xustiza gratuíta tan só 34 millóns de euros”.

Ante semellante contradición, a conclusión de Seara é clara: “a política do PP é sempre a mesma: recadar sempre a costa dos que non teñen, e retallar dereitos a quen non os poden custear, con mentiras se é necesario”.

Seara insta ao PP a que vote contra un imposto para o viño

20/03/2014
By

ribeiro_á_beira_do_Miño_-_Galiza

A deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, instou ao ministro de Agricultura e ao grupo do PP nesa Cámara, a votaren a favor dunha moción rexistrada nela polo PSOE (e que será debatida o vindeiro martes) na que pedimos “asegura-lo mantemento do actual sistema de módulos e a fiscalidade cero para o viño”, así como “asegura-los actuais tipos impositivos do IVA da alimentación, sen que se produzan subidas, nin no tramo superreducido nin no reducido”. O debate desta moción terá lugar o vindeiro martes.

“Coa votación desta moción poderemos comprobar se é certo que Cañete e o PP están en contra do imposto do viño ou se, pola contra, e como é xa habitual no PP de Madrid e no de Galicia, din unha cousa e votan a contraria” explica a compañeira.

Como deputada ourensá, Seara resalta “a alta importancia que o viño ten en Ourense, tanto dende o punto de vista económico, como cultural”, e apunta que “o establecemento dun imposto ao viño sería moi prexudicial para o Medio Rural e para as familias que viven do viñedo”.

Neste senso, destaca “o esforzo que o sector vitivinícola realizou para a súa modernización”, e considera que “o pago a ese esforzo non pode ser unha traba ao seu desenvolvemento, e que claramente danaría os intereses do sector”. Por iso, a deputada anunciou a presentación de novas iniciativas parlamentarias.

Seara demanda ao PP que deixe de tratar aos pensionistas emigrantes retornados “coma se fosen delincuentes”

20/02/2014
By

O PP volveu a rexeitar hoxe no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei do PSOE que foi defendida pola deputada socialista por Ourense, Laura Seara, para que o Goberno central regularizase “a situación dos pensionistas emigrantes retornados, sen consideralos como defraudadores fiscais” e que contemplaba medidas como períodos de pago máis longos e a exención do pago de sancións e intereses de demora.

A deputada lamenta que, “de xeito sistemático, o PP rexeita en Madrid as iniciativas que lle presentamos desde a oposición para dar unha solución xusta ao colectivo de pensionistas emigrantes que voltaron ao noso país, en moitos casos tras un exilio económico ou político, e que non merecen este trato por parte do Goberno”

O PP xa rexeitou no Pleno do Congreso outra Proposición non de Lei do PSOE na que os socialistas pedíamos medidas para a regularización fiscal deste colectivo, entre as que se incluía a pechadura dos expedientes sancionadores e o establecemento de liñas de financiamento ICO. Ademais, tanto os deputados no Congreso como os senadores socialistas galegos, teñen planteadas ao Goberno central baterías de preguntas orais en Pleno, interpelacións e moción, para que o Goberno habilite unha solución.

Con todo, a deputada socialista sinalou hoxe, durante a súa intervención no debate, que “o PP en Galicia votou recentemente a favor dunha iniciativa similar ás que nos rexeitan aquí”. Por iso, pediu ao PP que se aclare “dunha vez, e deixen de votar unha cousa en Galicia e outra en Madrid”, que “rematen cos dobres discursos e as mascaradas”, e que o Goberno central “cese con esta ofensiva e estratexia planificada de persecución aos máis débiles, mentres se ten amnistiado a verdadeiros defraudadores fiscais”.

Neste senso, Seara incidiu en que nunca se informou a este colectivo de que tiñan o deber de tributar polas pensións recibidas no estranxeiro, e agora, no canto de informarlles, “ábrenlles directamente un expediente, ata no caso de pensións percibidas en países cos que se manteñen convenios bilaterais dende os anos ‘60 e ‘70”, cando “estas pensións nin sequera aparecían para tributar nos borradores de declaración que recibían de Facenda”, segundo remarcou.

A compañeira explicou aos deputados que se trata, en moitos casos, e “sobre todo en Galicia, de pensións moi baixas e de persoas que non son defraudadores”. Porén, lamentou que estean a recibir requerimentos “ata familiares de emigrantes falecidos ou persoas con pensións de invalidez ou incapacidade”; asegurando que “por parte destas persoas, non hai culpa, non hai dolo e nin sequera hai neglixencia, e o que se atopan é co afán recadatorio e a mala fe do Goberno”.

Tódolos grupos políticos, agás o PP, apoiaron a iniciativa socialista. “Unha vez máis, o PP quédase só, impoñendo a súa maioría e gobernando contra todos”,reprobou Seara.

Seara defende que “os emigrantes galegos retornados non son defraudores fiscais” e pide ao Goberno central “que peche os expedientes sancionadores e non inicie ningún máis”

19/09/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, xunto a outros deputados socialistas de CC.AA. afectadas, reuniuse naquel, esta mañá, coa presidenta da Federación de Asociacións de Emigrantes Retornados.

Durante a reunión, os deputados socialistas presentáronlle á presidenta da Federación a Proposición Non de Lei que o PSOE rexistrou no Congreso con medidas tributarias para as rendas non declaradas de emigrantes retornados.

Seara incidiu en que “os emigrantes galegos retornados non actuaron de mala fe, e non son defraudadores fiscais”, e que “mentres o Goberno si perdoa a grandes defraudadores fiscais, actúa cos emigrantes retornados de xeito absolutamente violento nas formas”.

A compañeira destacou que “este é un asunto de gran importancia en Galicia”, onde a nosa “quinta provincia” é a emigración, e na que, tanto a nivel comarcal como provincial, se está constituíndo unha grande plataforma de afectados”.

Así, explicou que a Proposición Non de Lei pide ao Goberno “colaborar cos emigrantes retornados para que poidan regulariza-la súa situación fiscal, prevalecendo a mesura e consideración sobre un colectivo que non ten intención de defraudar á Facenda Pública”.

Deste xeito, solicita “non iniciar ningún expediente sancionador sobre as pensións dos emigrantes residentes non declaradas no IRPF, pechar de oficio” os xa abertos, “abrir, a través do ICO, unha liña de crédito a medio e longo prazo, sen interese remuneratorio, para que os emigrantes retornados poidan regulariza-la súa situación fiscal”, e “desenvolver unha campaña informativa sobre as obrigas tributarias dos emigrantes retornados e o tratamento fiscal das rendas e pensións que perciben”.

A Proposición Non de Lei do PSOE contempla ademais “promove-los cambios normativos necesarios para dar maiores facilidades de pago, mediante a ampliación do período de adiamento, e que non se devenguen intereses de demora nas liquidacións do IRPF que se practiquen por exercicios anteriores”.

Pola súa importancia en Galicia, Seara anunciou tamén que os deputados socialistas galegos presentaron, ademais, outra Proposición Non de Lei centrada nos pensionistas emigrantes, coa que solicitan para este colectivo períodos de pago máis longos e a exención do pago de sancións e intereses de demora.

Ademais, o vindeiro mércores a compañeira preguntará sobre este asunto á Ministra Báñez na sesión de control do Congreso.

Seara: “a Lei de taxas xudiciais non só é anticonstitucional; é o colmo da inxustiza; por iso o PSOE presentou recurso”

21/02/2013
By

A Secretaria Nacional de Coordinación Institucional e Participación e deputada pola nosa provincia no Congreso, Laura Seara, mostrou a súa satisfacción polo recurso de inconstitucionalidade que presentou o Grupo Socialista desa Cámara contra a Lei de taxas xudiciais aprobada polo PP, que Seara cualificou de “absolutamente discriminatoria e inxusta”, acusando ao PP de atentar con ela, unha vez máis, contra os cidadáns con maiores dificultades económicas e sociais”.

A deputada lembra que o PSdeG de Ourense se mobilizou amplamente nos últimos meses contra as taxas xudiciais e se reuniu en diversas ocasións co Colexio de Avogados de Ourense para aborda-las negativas consecuencias que a aplicación da Lei de taxas xudiciais ten sobre os cidadáns. Por iso, a compañeira destacou “a actitude responsábel e belixerante” dese Colexio, lembrando a presentación por parte do mesmo, ante a Audiencia Nacional, dunha demanda de suspensión cautelar da Orde Ministerial de aplicación das taxas xudiciais, e dun recurso de reposición que para alegar contra os argumentos recolleitos no auto e que seguían basicamente a tese da abogacía do Estado.

Ao longo de ditas reunións, a voceira do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados, Soraya Rodríguez, o Secretario Federal de Relacións Institucionais e Política Autonómica do Partido, Antonio Hernando, o exministro de Interior e ponente da Lei, Antonio Camacho, e a propia Seara, anunciaran ao Colexio de Avogados de Ourense a intención do Grupo Socialista de presenta-lo recurso de inconstitucionalidade contra as taxas xudiciais. Pola súa banda, o Grupo Socialista presentou multitude de iniciativas parlamentarias no Congreso contra estas taxas, así como mocións nos concellos da nosa provincia de Ourense e do resto de Galicia.

A compañeira afirmou que, coa devandita Lei, “o PP vulnera o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, recollido na nosa Constitución”, aínda que non se trata do único precepto constitucional que incumpre a Lei de taxas xudiciais, engadindo os referidos ao dereito á gratuidade da Xustiza, ao dereito á igualdade e o principio de capacidade económica no establecemento de tributos, xa que esta Lei do PP “establece unha discriminación inxustificada entre os cidadáns que teñen recursos económicos para facer fronte ás elevadas taxas xudiciais e os que non, e marxina e castiga” a colectivos aos que, ao contrario, se debe “conceder unha especial protección”.

Xa que logo, a Lei en cuestión constitúe para a compañeira “unha nova ‘receita’ do PP, que adelgaza, aínda máis, á maioría dos cidadáns”.