Políticas sociais

Preocupante insuficiencia de prazas nos centros de día de Ourense

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de presentar unha batería de preguntas parlamentarias sobre a xestión dos centros de día na nosa provincia, amosando a súa preocupación sobre a “insuficiencia de prazas” neles, especialmente nas comarcas d’O Ribeiro e Carballiño, nas que “un 35% dos habitantes teñen máis de 65 anos”.

Blanco preguntou tamén “cando ten pensado” a Xunta abri-lo centro de día de Leiro, sendo descoñecido o motivo polo que aínda non se remataron as obras da súa construción, iniciadas no 2013. A compañeira constata que o edificio está rematado, incluso no acondicionamento dos exteriores, nos que faltan só “pequenos detalles”, mais “o centro segue pechado”, sinalou.

Nesta liña, a deputada interesouse por saber se a Xunta ten pensado xestionar este centro; se, para facelo, vai a firmar algún convenio de colaboración co Concello de Leiro, e se ten previsto construir máis centros durante esta lexislatura.

Blanco lembrou que “os centros de día son recursos sociais intermedios dirixidos a atender as necesidades específicas das persoas maiores”, e que cumpren “unha importante función de apoio ás familias”.

O PSdeG-PSOE de Maceda consegue aprobar no Pleno local varias das súas propostas en materia social fronte a parálise gubernamental do PP

04/04/2017
By

Os socialistas logran que o alcalde popular se comprometa a convocar axudas para material escolar para axudar aos pais e nais dos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos

Despois da importante alarma social xerada entre os veciños e veciñas, o grupo municipal socialista sacou adiante a iniciativa que eliminará o verquido de augas residuais en Casasoá

 

Ourense, 3 de abril de 2017. Tal como denunciaran os socialistas, o Concello de Maceda vive nun estado de “parálise permanente por culpa da deixadez do goberno do Partido Popular”. A pesares de gravar aos veciños e veciñas con numerosas taxas, o grupo de goberno é incapaz de sacar adiante uns orzamentos ou de presentar iniciativas nun concello que levaba catro meses sen celebrar un pleno. Sen embargo, os socialistas de Maceda entenden que, máis aló de denunciar a desidia, teñen que sacar adiante propostas que revertan no ben común da veciñanza e avanzar na consecución de servizos e recursos. Desta volta, o PSOE conseguiu no pleno que se aprobase unha das iniciativas polas que levan máis tempo pelexando: a das axudas para adquirir material escolar para o alumnado do ensino infantil (3 a 6 anos).

Esta proposta ten como fin ofrecer aos pais e nais unha axuda para afrontar os numerosos gastos que xera a etapa escolar e afondar no asentamento poboacional mediante a oferta de apoios por parte do propio concello. Xa hai abondo tempo que a portavoz socialista, Ana María Rodríguez, pon o acento en denunciar a falta de axudas e recursos á conciliación das familias e a ausencia de incentivos para que a xente quede a vivir en Maceda.

Por outra parte, o PSOE tamén conseguiu a unanimidade da corporación para solucionar un dos temas que máis alarma social leva causado nos últimos tempos: o verquido de augas residuais en Casasoá. Mediante este acordo impulsado polos socialistas, vaise lograr que se depuren estas augas e se deixe de atentar contra a salubridade e o medio ambiente do lugar, algo que tiña moi  preocupada á veciñanza. Pola súa banda, Rodríguez iniciou unha campaña informativa no pobo, anunciando o acordo e contactos con diversos veciños e veciñas coa fin de que, entre todos, non se baixe a garda e o proxecto sexa unha realidade, tantas veces reclamada.

Outro dos temas que conseguiron a aprobación e o compromiso do alcalde, grazas de novo a unha proposta socialista, foi a cuestión do reforzo e dragaxe da ponte sobre o río en Vilar. “Hoxe por hoxe xa sabemos que existen diversos informes, entre eles o da Confederación Hidrográfica, que indican a falta de seguridade da ponte e a necesidade do seu reforzo, así como que é competencia municipal executar esa reparación. Só agardamos que o Alcalde non se bote atrás no acordo acadado e que acometa con valentía este proxecto que pode garantir a seguridade de toda a veciñanza da zona”, afirma Ana María Rodríguez. Dende o PSOE aclaran que están “cansos de agardar a que o grupo de goberno acometa os acordos alcanzados e non van dubidar en voltar levar a pleno todas as cuestións que comprometan a seguridade dos veciños e  veciñas, coma neste caso ou que supoñan unha mellora para a cidadanía”.

Noutra orde de cousas, recalcan dende o PSOE de Maceda, as “incongruencias manifestas dun alcalde que non se aclara nin co seu propio partido”. O xoves, os socialistas levaron para a súa aprobación en sesión plenaria, a moción pola que se insta a redactar unha ordenanza sobre a taxa que grave o uso do dominio público por parte das compañías enerxéticas, entre outras, nembargante a iniciativa foi rexeitada. Cal non foi  a súa sorpresa cando, no día a seguir, se aproba na Deputación de Ourense unha proposta similar, por unanimidade dos grupos. Os socialistas van voltar a retomar esta cuestión para que o Partido Popular de Maceda aclare “se está en sintonía co que se aproba na institución provincial e que reclama a maioría ou se defende os intereses das compañías privadas”. Como xa denunciaron en varias ocasións, dende o PSOE de Maceda, o goberno local “perde moitas ocasións para porse de lado da veciñanza e defender os seus intereses”.

 

O PSOE de Piñor denuncia a traizón á veciñanza que supón a aprobación da cesión dos servizos sociais á Mancomunidade

23/03/2017
By

Os socialistas advirten que este desmantelamento perpetrado polos dous alcaldes supón unha merma na calidade dos servizos que vai recibir a xente  e nun sobrecusto para as arcas municipais 

Francisco Fraga instou a Uxío Rodríguez  a que se abstivera na votación para non sementar dúbidas éticas ó darse o caso de que a súa propia filla vén de ser contratada pola Mancomunidade

 WhatsApp Image 2017-03-21 at 20.03.54 (1)

 

Piñor, 22 de marzo de 2017. Consumada a traizón dos gobernantes ó Concello de Piñor. Iso é o que pasou onte durante a celebración do pleno no que se aprobou a cesión dos servizos sociais á mancomunidade. Os socialistas denuncian que o goberno local bipartito se está a desfacer de servizos que custou moito por en marcha por parte do goberno do PSOE e que eran servizos de cercanía moi ben valorados pola veciñanza.

Dende o Grupo Municipal Socialista xa levan días alertando, mediante unha campaña informativa e unha recollida de sinaturas, que co tempo todos os veciños e veciñas irán notando a merma neses servizos agora mancomunados. Como exemplo deste desmantelamento e perda de autonomía municipal, os socialistas destacan o feito de que a traballadora social xa non vai coordinar o servizo de axuda no fogar dende o concello, senón que pasa a facerse dende O Carballiño. Para o PSOE este traspaso só é o comezo dunha cesión sen sentido que leva por diante o traballo e a atención no territorio, de cercanía e achegado ás necesidades dos veciños. Ata o de agora, a coordinación da asistencia a domicilio facíase dende Piñor, dando grandes resultados.

Ademais, tal como explicaron onte os socialistas, a día de hoxe, a mancomunidade non presta moitos dos servizos sociais que se ofrecían en Piñor: o programa de conciliación “Familias Tardías”; o servizo de intervención psicolóxica; a actividade de alfabetización; a tramitación de bolsas; o servizo de xantar na casa e fisioterapia a domicilio, entre outros. Estes servizos, moitos deles, foron pioneiros na contorna e, pouco a pouco, van se deixar de prestar, algo que vai sufrir a veciñanza.

Francisco José Fraga, Portavoz socialista no Concello de Piñor, xa advertiu: “Ao adherirse á mancomunidade, Piñor terá que asumir e facerse cargo de numerosos gastos tanto ao mancomunar o tractor-desbrozadora coma os servizos sociais. Para comezar xa hai que sufragar outros gastos de persoal, moitos deles da propia mancomunidade e que supoñen un desembolso adicional de 14.000 euros ó ano a costa dos recursos dos veciños”. Así pois, grazas a esta manobra dos dous alcaldes, Piñor vai ter que contribuír ao mantemento e sostén da mancomunidade, a cambio de recibir peores servizos.

O Partido Socialista esixiulle ós dous alcaldes que se puxeran a gobernar e que parasen de acometer esta desfeita do Concello de Piñor. “Comezaron por desfacerse do velorio, despois veu a recadación da auga cedida á deputación e agora ceden o tractor-desbrozadora e os servizos sociais á mancomunidade. Xa só lles queda pechar o concello, que será o seguinte. Non van ser quen de explicar á xente nin a perda de calidade nos servizos nin o sobrecusto que supón este desmantelamento”, sinalou Fraga Civeira.

Os socialistas pregúntanse se foi este o modelo de concello que os dous alcaldes asociados, do PP e de Veciños de Piñor, lle foron prometendo á xente durante a campaña electoral. Se lles foron dicindo á cara que ían desmantelar o Concello de Piñor.

Como remate a tamaño despropósito, o portavoz socialista tivo que instar ó Tenente-Alcalde, Uxío Rodríguez para que, en virtude dos principios éticos que lle esixe ós demais, se abstivese de votar neste punto da cesión, toda vez que a súa propia filla entrou a traballar na mancomunidade. Déuselle esta oportunidade para non dar pé á sospeitas fundadas de que, detrás desta cesión de servizos e de retorno á Mancomunidade, hai certos intereses persoais.

 

A Dirección Provincial do PSdeG-PSOE fai un chamamento á cidadanía para que participe na manifestación en defensa da sanidade pública na comarca de Monterrei

16/03/2017
By

Raúl Fernandez anima aos cargos públicos e orgánicos e aos militantes para que apoien coa súa prensenza as reivindicacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, o vindeiro sábado

Os socialistas amosan a súa preocupación polos recortes, reducións de persoal e na atención que está a sufrir a importante área sanitaria do hospital de Verín

 Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei 

Ourense, 16 de marzo de 2017. A dirección provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, en nome do seuSecretario Xeral, Raúl Fernández, quere manifestar o total apoio da organización á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei prevista para o vindeiro sábado en Verín. Do mesmo xeito, Raúl Fernández, fai un chamamento a todos os cargos públicos e orgánicos do Partido Socialista na zona para que acudan á mobilización en defensa da calidade da atención sanitaria na comarca de Monterrei. Lembra que xa foron varios os compañeiros que se pronunciaron nos distintos Plenos dos concellos da bisbarra para reclamar unha sanidade totalmente pública, gratuíta, digna e de calidade para os veciños e veciñas da área sanitaria de Verín.

Os socialistas ourensáns queren facer súas as reivindicacións da Plataforma, en sintonía co que sempre defenderon, e amosan moita preocupación ante a redución de efectivos no servizo de medicina interna e no persoal nos centros de saúde da comarca. Así mesmo, consideran que a plataforma fai unha esixencia máis que xusta ao reclamar o servizo de pediatría hospitalaria para a unidade paritorio. Como é ben sabido, o hospital comarcal de Verín, dependente da Xestión Integrada de Ourense, non só atende aos  veciños da comarca de Monterrei  senón que supón o centro de referencia, para algunhas especialidades, para outros municipios, coma os da veciña comarca de Xinzo, por exemplo.

Garantir a calidade do servizo é algo prioritario e fundamental para os socialistas da provincia que non están dispostos a permitir as derivacións de pacientes a centros privados que se están a producir.

Por outra banda, o Secretario Xeral quere destacar que os problemas que se viven na comarca de Monterrei, son comúns ao que está a pasar no resto da provincia e do país, onde os recortes dos gobernos do PP están deixando o seu sentir, por exemplo, nos atrasos incomprensibles nas listas de agarda para as cirurxía.

Se ben, dende o PSOE, sempre se defenderon os servizos públicos, no caso da sanidade, pódese afirmar que se trata dun caso de extrema prioridade posto que se está a xogar coa saúde de todas e todos. Por todo isto, dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran fundamental que o vindeiro sábado, ás 18:30 horas, na praza do Concello de Verín, se sumen todas e todos aqueles que defenden unha sanidade pública de calidade.

Os socialistas critican a sectaria e excluínte reunión do conselleiro José Manuel Rey e Manuel Baltar con cargos do PP da comarca de Monterrei

14/02/2017
By

 

2017-02-14-PHOTO-00000395

 

Unha reunión sectaria, excluínte e un uso partidista das institucións públicas. Iso é o que pensan os socialistas da provincia de Ourense do encontro que o conselleiro, José Manuel Rey, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantiveron onte no reformado edificio do Concello de Oimbra, única e exclusivamente con alcaldes e cargos do PP. Rey incluso presumiu nas redes sociais do acto. O conselleiro asegurou que mantivo o encontro para “prestar uns mellores e máis amplos servizos a todos os galegos” e para “acadar un maior benestar para todas as persoas”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Raúl Fernández, califica a reunión dos populares como “sectaria” e “excluinte”, xa que discriminaron deliberadamente a máis da metade dos veciños e veciñas da comarca de Monterrei. “Foron excluídos do encontro os alcaldes socialistas de Verín e Castrelo do Val, que representan ó 50% dos habitantes da comarca de Monterrei e, sen embargo, sí estaba o exalcalde e actualmente senador, José Manuel Jiménez Morán”, recorda Fernández.

O deputado galego e líder dos socialistas na provincia de Ourense pregúntanse qué concepto de “todos os galegos” e “todas as persoas” teñen Rey, Baltar e os demais populares da fotografía, cando marxinan dunha forma tan evidente e bochornosa a miles de ourensáns. “O tempo do NODO xa pasou”, alerta. “O PP non pode usar en beneficio propio as institucións públicas, discriminando a 16.000 veciños e veciñas gobernados polos socialistas na vila cabeceira de comarca e en Castrelo do Val”, insiste

Reclamamos a dimisión de Baltar Blanco, absolutamente incapaz de defenderse en sede parlamentaria dos feitos polos que foi imputado pola Xustiza

Noela-Blanco-1

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión do presidente da Deputación de Ourense polo seu “desprezo absoluto á institución que preside e a todos os ourensáns”. Así o dixo na presentación en Comisión parlamentaria dos orzamentos da institución provincial.

A compañeira tamén destacou o feito de que a Deputación de Ourense teña destinado 5 millóns de euros á implantación dunha “administración electrónica” que “custa 700 000 en Pontevedra”, repartindo 14 000€ a cada concello “independentemente do seu tamaño, cando hai pequenos municipios que cobren o servizo por 5 000”.

Blanco acusou ao presidente da Deputación de actuar como “o señor dun castelo medieval”, e instou aos responsables do PP e do goberno galego a tomar “decisións políticas” contra un cargo “imputado por un presunto caso de acoso sexual”. Lembrou que hai 411 días que coñeciamos “a denuncia dunha muller por ofrecerlle traballo na Deputación a cambio de sexo”.

A compañeira censurou as respostas tanto de Baltar Blanco como do propio presidente da Xunta, vitimizando ao presunto acosador e culpabilizando á vítima, cualificándoas de “preocupante e perigoso pola mensaxe que dá a tódalas mulleres que se atopen nesta situación”, co risco de que “poidan replantexarse as denuncias ante o medo e a incomprensión”.

A compañeira criticou tamén a xestión do ente provincial por parte do PP, que o converteu “na deputación galega con máis gasto en órganos de goberno”, logo de subir un 8,8% a partida orzamentaria de persoal, adicando a este fin o 60% dos seus fondos. A Deputación de Ourense supera en 30 puntos o gasto en persoal da d’A Coruña, e é a que menos destina a investimentos: un 23,4%, fronte ao 33,7% da de Lugo.

Ademais, é a Deputación que menos destina á protección e promoción social: un 7% fronte ao 12 da de Pontevedra ou ao 15 da de Lugo, mentres no último mes a nosa provincia vén de sumar 30 novos desempregados por día, ata acadar un total de 21 922.

A nosa deputada criticou ademais o gasto de 300 000€ na visita dunha delegación de empresarios norteamericanos recibidos cun dispendio de gaiteiros, boa comida e visitas a lugares emblemáticos, e comparou esta “actuación” de Baltar Blanco coa do “alcalde xordo do filme Benvido Mr. Marshall”, ante a profunda crise política e económica que o rodea .

Os socialistas de Cenlle, en desacordo coa xestión económica do Concello, propoñen alternativa

Para os compañeiros, representados por José Rodríguez Veloso, os servizos que presta a Mancomunidade d’O Ribeiro en Cenlle resultan ineficientes, dado o seu custe, e ineficaces para o Concello. Tamén lamentan a falta de transparencia de dita entidade.

Por outra banda, o orzamento municipal para axudas sociais, diminuiu en máis de 30 000€ entre o 2012 e o 2015, ata ficar en só 3000€, o que de facto priva de axudas aos veciños.

Porén, o gasto en recollida de lixo nese periodo, contratado coa Mancomunidade, supera os 13 000€, cando a Deputación ofrece o mesmo servizo por moito menos.

O Grupo Municipal Socialista en Cenlle tamén lembra que a principios deste anos e denunciou a existencia dunha fuga no bombeo de auga da traída, que supón un gasto ao Concello de máis de 20 000€ ao ano, problema para que aínda non hai resposta convincente.

Sen embargo, e como quera que, segundo o convenio sobre o bombeo asinado polos concello cos de Punxín e San Amaro, e coa Deputación, dito coste pasaría a ser compartido cos mesmos, podería producirse un importante aforro para Cenlle. Que, sumado a outros posibles como os indicados anteriormente, fan pensar aos socialistas de Cenlle que o Concello podería dispoñer, se o alcalde tal se propuxera, de ata 48 000€, que os compañeiros adicarían a atender as devanditas prestacións sociais retalladas.

O PSdeG de Ourense, celebra unha reunión interparlamentaria para marcar as liñas extratéxicas do partido, a nivel institucional, desta lexislatura.

23/04/2016
By

DSCN6273

NA REUNIÓN, MANTIDA ENTE O SECRETARIO PROVINCIAL, RAÚL FERNÁNDEZ E O PORTAVOZ MUNICIPAL DO PSOE, JOSÉ ÁNGEL V. BARQUERO, TEN COMA LIÑA ESTRATÉXICA FUNDAMENTAL GARANTIR O DESENVOLVEMENTO SOCIO-ECONÓMICO DA PROVINCIA E DA SÚA CAPITALIDADE.

 

Ourense, 23 de Abril de 2016. No día de onte, tivo lugar unha reunión INTERPARLAMENTARIA na sé do PSdeG de Ourense presidida polo S.X. Provincial Raúl Fernández e o Portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, entre outros cargos institucionais e orgánicos; para marcar as liñas estratéxicas nos diferentes ámbitos institucionais nos que temos presenza, o PSdeG de Ourense: Deputación, Parlamento Galego e Cortes Xerais.

O traballo dos e das socialistas ourensáns e os seus representantes será en positivo, co primordial obxectivo de que  os homes e mulleres desta provincia que marchan en idade produtiva, polas pésimas condicións socioeconómicas que imperan nesta provincia logo de longos anos de gobernos populares, teñan a oportunidade de quedar, vivir e traballar na  provincia de Ourense.

Dun xeito máis particular, determinouse que a liña principal de actuación ten que ser a integración do AVE na cidade e o cumprimento das datas de remate da infraestructura. Así coma outras cuestións de enorme importancia para a comarca de Ourense coma poden ser a de dar solución ás demandas cidadáns, particularmente as que reclaman a titularidade pública do Centro de Velle (recollendo a inciativa das ANPAS) e de Vilamarín e a solución definitiva da construcción do centro de saúde do Couto, así coma a importante cuestión do transporte metropolitano, entre outros. Determinouse o mantemento de reunións periódicas, coma a celebrada onte, para facer o seguimento e avaliación destas demandas.

O debuxo político da Provincia de Ourense e, nomeadamente, da capital de provincia baixo os gobernos do PP, non é bo para os e as cidadáns.

Sabemos que o persoal público de amplos servizos básicos da Xunta de Galicia, foron reducidos dende que goberna o Sr.Feijoo. Soamente en Educación e en Sanidade, falamos de perto de 3.000 persoas menos. Pola contra, existen amplos servizos que están a ser privatizados por este goberno, principalmente no ámbito dos servizos públicos e sociais. Baste ver as numerosas licitacións levadas a cabo pola Consellería de Traballo para a xestión de centros sociais.

Son varios, os ámbitos que, principalmente, inciden negativamente no noso entorno:

Por unha banda, a reforma laboral levada a cabo polo goberno de Rajoy supuxo o maior ataque aos dereitos laborais dos traballadores/as, cunhas consecuencias nefastas.

Na reunión celebrada onte, recordáronse algunhas, que teñen incidencia tamén no eido das contratacións públicas:

  • Devaluación salarial.

  • Un aumento das contratacións a tempo parcial. Máis da metade dos traballadores/as galegos a tempo parcial, non cobran nin o salario mínimo: o 55 % gana menos de 638 euros/mes.

Ademais, o que se denomina “postos de traballo equivalentes” , onde se ten en conta tanto o número de persoas que traballan como o tempo de duración de tal traballo, segundo datos da propia contabilidade estatal, no que respecta a Galicia, diminuíu o número de horas traballadas en relación ao ano anterior.

Pese a tales datos, algúns están a defender – sen rubor –  que Galicia saíu xa da crise.

En suma: peores condicións salariais e precarización laboral.No ámbito da lexislación administrativa, reseñar que, o PP  aprobou a lei de calidade dos servizos públicos e da boa administración. Nesta norma, incluíanse os servizos prestados de xeito indirecto e contratados a empresas privadas.

Esta realidade afecta de forma singular á provincia de Ourense. Os ourensáns e ourensás  xa non se apuntan ao paro, senón que optan pola emigración a outros lugares de España ou ao estranxeiro, temos un saldo demográfico negativo que aboca a esta provincia a unha crise permanente. Esta é a radiografía dunha provincia en grave retroceso e abandono polas Administracións Públicas gobernadas polo PP: Xunta, Goberno Central e Deputación Provincial.

INCUMPLIRON TODAS AS SÚAS PROMESAS CON OURENSE:

  • SUBA DE IMPOSTOS: IRPF

  • COPAGO FARMACÉUTICO E SANITARIO (ORTOPEDIA, AMBULANCIAS, ETC.)

  • DESPEDIMENTO DE MÉDICOS, PERSONAL SANITARIO E PROFESORES

  • PECHE DE CENTROS EDUCATIVOS E AULAS

  • CONXELACIÓN DAS PENSIÓNS

  • RETRASO INXUSTIFICADO DA CHEGADA DO AVE

  • EMPRESAS FANTASMAS COCHES ELÉCTRICOS, XAMÓNS, PATACAS FRITIDAS, CIDADE DO MOTOR…)

Déronlle A PUNTILLA Á PROVINCIA CUNHA NOVA LEI DE REFORMA DA ADMINISTRACIÓN LOCAL, QUE LLE QUITA COMPETENCIAS E SERVIZOS AOS CONCELLOS PARA DARLLOS Á DEPUTACIÓN. ESTA LEI SIGNIFICA A PRÁCTICA DESAPARICIÓN DOS CONCELLOS DA PROVINCIA (ningún agás a capital sobrepasa os 20.000 habitantes) E A ASUNCIÓN POLA DEPUTACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS.

PÓDESE AFIRMAR CON ROTUNDIDADE QUE AS NOVAS LEIS E A POLÍTICA DA XUNTA E DO GOBERNO CENTRAL XOGAN A FAVOR DO DESEQUILIBRIO TERRITORIAL, CONDENANDO Á PROVINCIA DE OURENSE A SER A RESERVA RURAL DE GALICIA.

En resume, os e as deputadas socialistas imos  traballar de forma insistente en acadar para esta provincia e a súa capital melloras no seu desenvolvemento, a través de propostas reais

  • PLAN DE EMPREGO:

BOLSAS/CONTRATO PARA A MOCIDADE

CONTRATOS PARA MULLERES

  • PULO AO CRECEMENTO:

PLAN EMPRENDEMENTO: EMPRESAS INNOVADORAS

PLAN EMPRENDEMENTO MEDIO RURAL: INICIATIVAS EMPRESARIAIS QUE CREEN EMPREGO NO MEDIO RURAL

PLAN EMPRENDEMENTO ECONOMÍA SOCIAL: EMPRESAS DE SERVIZOS SOCIAIS

  • PULO Á INNOVACIÓN NOS SECTORES ESTRATÉXICOS:

Madeira/Forestal, Viño, Sector agrogandeiro, Sector Termal.

Os socialistas denuncian, no Parlamento galego, que a Lei de Economía Social que impulsa o PP: “contribúe a considerar os servizos sociais coma un negocio”.

16/04/2016
By

“Demandamos tamén unha maior representación sindical e das persoas con discapacidade, a súa perspectiva é importante”, asegura María Quintas.

A deputada autonómica por Ourense, María Quintas, incide nos parámetros económicos e socio-demográficos da provincia, con meirandes necesidades de blindaxe dos servizos sociais en beneficio do benestar dos usuarios/as

a026a3d568e2fa9096d5b26d24d852be

Os socialistas galegos criticaron onte no Parlamento que a Lei de Economía Social que impulsa o Partido Popular “contribúe a considerar os servizos sociais como un negocio, algo que non podemos aceptar porque falamos dun dos piares fundamentais do estado de benestar”.

 Nun debate en comisión para a elaboración do ditame sobre o proxecto de Lei de Economía Social, a portavoz de Emprego dos socialistas galegos, María Quintas, manifestou a postura en contra do PSdeG ao texto, “xa que inclúe aspectos que non podemos aceptar”.

“As nosas emendas demandan unha maior representación das persoas discapacidade, apostando de una forma máis decidida pola súa integración, así como unha maior representación dos sindicatos, xa que a súa perspectiva é necesaria para mellorar a situación da economía social”, manifestou a deputada socialista.

“Temos que blindar os servizos sociais e tratalos de forma independente, como así o permite unha directiva comunitaria”, engadiu Quintas, quen considera que “este proxecto de lei non solucionará o problema económico e de emprego que temos en Galicia”. O PSdeG apoiou as emendas de Grupo mixto, AGE e BNG.

A socialista lembrou que “o Parlamento tramita agora mesmo unha iniciativa para regular o concerto social, mentres o PP trata de introducir nesta lei os mesmos procedementos para a posta en marcha de servizos sociais que os de un negocio calquera, como unha cafetería”.

Para os socialistas, “o proxecto de lei ten moitas eivas, as empresas de economía social deberían ter un mellor tratamento fiscal e moitas das propostas non teñen informes sectoriais das consellerías competentes, o texto mostra unha relevante ausencia de fondos para cuestións fundamentais”, rematou María Quintas.

Concentración en repulsa do asesinato de Isabel, victima da violencia de xenero.

Hoxe ás 20.00 horas CONCENTRACIÓN DIANTE DA SUBDELEGACIÓN DO GOBIERNO, en Ourense. En repulsa polo asesinato de Isabel no CHUO, victima da violencia de xenero.

Contará coa presencia da Deputada Autonómica e Secretaría de Organización do PSOE en Ourense,  María Quintas.

mariaquintas