Valdeorras

Os socialistas da provincia de Ourense reúnense nas Ermidas para por en valor o entorno e a dinamización socio-económica do Concello d´O Bolo

07/05/2016
By

O Bolo, 7 de Maio de 2016. O Grupo Municipal Socialista no Concello do Bolo, organizou un acto reivindicativo de posta en valor do entorno e patrimonio do Santuario das Ermidas  e unha comida ao que acudiron numerosos cargos institucionais e orgánicos do PSdeG-PSOE de Ourense e o portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu. No acto, que tivo lugar na propia entrada do santuario, destacouse a falta de desenvolvemento de medidas de valorización deste importantísimo conxunto patrimonial, senón o de todo o Concello, que adoece de medidas de dinamización socio-económicas.

 

Na súa intervención, o Portavoz dos socialistas do Bolo, Juan Ferreira, destacou a aposta decidida do partido polo desenvolvemento económico e social do Concello, a través de 4 piares básicos que precisan dunha intervención urxente por parte das Administracións, nomeadamente, a local, provincial e autonómica. Tal e como Juan Ferreira declarou, hai unha falla básica de vontade por parte dos gobernantes do Partido Popular para loitar porque O Bolo deixe de ser un municipio deprimido. As catro medidas de urxencia, que levaban os socialistas xa no seu programa electoral, serían:

-Aproveitamento forestal e da produción de castaña, como motor de desenvolvemento económico fundamental para a zona. O Portavoz destacou a falla de medidas neste sentido que levan a que haxa moito nicho de mercado agardando pola castaña que pode ofrecer O Bolo.

-Recuperación e posta en valor do balneario termal de Mondón.

-Apertura inmediata ao público do Castelo de O Bolo.

- Posta en valor turísitico-cultural do santuario das Ermidas e do seu entorno incomparable.

 

Ao respecto da marxinación que sofre o santuario, con respecto a outros de Galicia, Juan Ferreira destacou que xa hai 2 anos que o Concello non lles facilita información sobre os avances no Plan Director das Ermidas. No caso concreto do Plan Director das Ermidas, nada se sabe dende que se lle deu acceso á documentación, unha soa vez, hai moito tempo. Os socialistas, quixeron recordar que o Concello gastou uns 74.000 Euros nese Plan, para deixalo aparcado nun caixón. Por parte da Xunta, non se coñecen avances ao respecto, polo que xorde a dúbida de se non se tratará dunha extratexia para usalo en citas máis convintes para os seus intereses políticos, pero non para os do pobo..

 

Pola súa banda, a dirección provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, manifestou o seu apoio explícito ao labor que están a realizar os compañeiros/as do Bolo, acudindo á convocatoria e intervindo no acto. Raúl Fernández, Secretario Provincial, fixo alusión ás numerosas iniciativas parlamentares que se levaron a Santiago por parte dos deputados/as autonómicos de Ourense, comezando por el mesmo, pero tamén destacou o traballo de Carmen Acuña e María Quintas, presentes no acto. Pola súa banda, no xantar posterior, o portavoz parlamentar , Méndez Romeu, declarou que: “En O Bolo, igual que en toda a provincia de Ourense e Galicia, constátase o fracaso de Núñez Feijóo. Nin reequilibrio territorial, nin dinamización económica, nin oportunidades de traballo para as persoas mozas, nin fixación da poaboación. O Partido Socialista de Galicia, propón unha economía xeradora de emprego no territorio, coa posta en valor dos propios recursos, baseada na innovación e no coñecemento e orientada cara ao exterior”

 

Así mesmo, congregáronse nas Ermidas, militantes e simpatizantes da zona que quixeron expresar o seu apoio a esta máis que necesaria iniciativa, así coma o Presidente da FEGAMP, Alfredo García, quen se referiu á necesidade de apostar polo futuro nos Concellos do rural. Tamén acudiron: Sara Inés Vega, Alcaldesa de Castro Caldelas, Enrique Barreiro Aalcalde de Vilamartín de Valdeorras, Luis Férnández, próximo Alcalde de A Rúa e Miguel Bautista Carballo, Alcalde de Petín e deputado provincial, así coma Francisco J. Fraga Civeira, tamén deputado provincial.

 

María Quintas demanda á Xunta a posta en marcha o Plan de Dinamización Turística d’As Ermidas

2763176388_7f4ca0e9f4_b

Quintas vén  de presentar unha batería de iniciativas diante da Xunta para urxi-la inmediata posta en marcha do Plan de Dinamización turística do entorno d’As Ermidas (no Concello d’O Bolo). Este Plan, financiado pola Xunta, atópase no caixón do alcalde d’O Bolo, quen, segundo a propia deputada, demostra o inmobilismo do que é capaz o PP, que, en vésperas de eleccións, presenta iniciativas para logo perde-los cartos e abandoar á poboación en momentos de crise, facendo unha nula aposta pola reactivación económica en Ourense.

Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista n’O Bolo atópase extraordinariamente preocupado pola situación socio-económica do municipio, que leva anos sen xerar postos de traballo debido a ausencia de tecido industrial e comercial. Juan Ferreira, o seu voceiro, alerta da necesidade de adoptar medidas urxentes que valoricen os recursos cos que conta o concello: así, nos últimos dez, o despoboamento d’O Bolo é unha auténtica lacra, situándose no 30%, e, se a esto lle xuntamos a fuxida dos mozos e mozas, o futuro amósase moi complicado.

Ferreira considera que as consecuencias son devastadoras: a renta per cápita está por baixo dos 600€, o que, en moitos casos, provoca situacións familiares que rondan o umbral da pobreza. Se engadimos que a capacidade tributaria do Concello é insuficiente, o resultado son uns servizos deficitarios e que non chegan abondo.

Neste escenario, para os socialistas d’O Bolo, faise urxente adoptar medidas que poñan en valor os recursos endóxenos do concello para revitaliza-la economía. Non é entendible que, no marco do correspondente Xeodestino turístico, non se adopten medidas que impulsen a posta en valor dos recursos culturais e turísticos do concello. Tamén esixen que o Plan de Dinamización turística para a recuperación do entorno d’As Ermidas, se poña en funcionamento, xa que leva sete meses paralizado nun caixón do Concello, e faise urxente e imprescindíbel, que os cartos empregados na elaboración do proxecto sexan útiles ao Concello d’O Bolo.

Reclamamos un acordo de financiamento para garanti-la viabilidade dos conservatorios de música de Ourense

NoelaBlancoRodriguezA nosa deputada autonómica Noela Blanco, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamar un acordo de financiamento da Xunta cos concellos que teñan conservatorios de música e a Deputación, para garanti-la viabilidade destes servizos.

Blanco destaca que estes centros son sostidos polos concellos, cando atenden a alumnos de diferentes localidades da provincia, e advirte de que “as administracións non deben escudarse no puramente financeiro para abandonar aos conservatorios de música, moitos dos cales se atopan en situacións de precariedade de instalacións e medios”, lamentando que este criterio “pode botar por terra os esforzos de toda a comunidade educativa”.

A deputada sinala que algúns destes centros funcionan “dende hai décadas” a costa exclusivamente dos orzamentos de cada concello, co que actualmente se converten nunha carga “difícil de soportar”. Esta situación agrávase en casos como o de Xinzo, así como os de Carballiño, Ribadavia e O Barco, que reciben alumnado doutras vilas que non imparten nos seus centros o Grao profesional, o que acrecenta a carga destes concellos, polo Blanco reclama a participación das administracións supramunicipais, como a Deputación e a Xunta, para que participen e apoien aos conservatorios da nosa provincia.

Deputadas socialistas de Ourense e Lugo piden no Congreso a posta en valor do Camiño de Santiago de Inverno

nuevo-1

As deputadas socialistas no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, e pola de Lugo, Margarita Pérez Herráiz, xunto co alcalde d’O Barco, Alfredo García, ofreceron o xoves nesta vila unha rolda de prensa para anuncia-la presentación na Cámara Baixa dunha Proposición non de Lei que insta ao Goberno central a “levar a cabo as accións necesarias de recoñecemento, posta en valor, divulgación e difusión do Camiño de Inverno do Camiño de Santiago”, así como a “apoia-la recuperación dos bens naturais, culturais e patrimoniais polos que discorre”.

Seara explicou que “documentos históricos proban a existencia do Camiño de Inverno como ruta do Camiño de Santiago”, e defendeu tamén razóns patrimoniais na Proposición, xa que a ruta cruza tanto o parque arqueolóxico das Médulas como a Ribeira Sacra, as primeiras declaradas como Patrimonio da Humanidade, e a segunda candidata a elo.

Tamén lembrou que “o Parlamento de Galicia aprobou o ano pasado, por unanimidade, unha iniciativa na que se acordou recoñecer oficialmente o Camiño de Inverno”, pero criticou que “a pesar que dende a Xunta se sostivo que ese recoñecemento se faría no presente ano, estamos en novembro e non fixo ren”. Do mesmo xeito, Seara censurou que esta semana o PP votase, no Congreso dos Deputados, contra dunha emenda do socialista para dotar orzamentariamente, con 12 000€, os traballos necesarios para o recoñecemento do Camiño de Inverno; sendo así que, tras este rexeitamento do PP, as propoñentes consideraron necesario que “o Camiño de Inverno viaxase de novo a Madrid con esta Proposición non de Lei, para busca-lo recoñecemento que merece”, ao consideraren que o Goberno central “debe contribuír ao recoñecemento oficial deste Camiño” e dos devanditos bens sinalados no texto da proposición.

Pola súa banda, Margarita Pérez Herráiz tras estimar que “esta Proposición non de Lei une de novo a dúas provincias, Lugo e Ourense, con numerosas similitudes en canto a paisaxes, xentes e problemas, como pode se-lo alto índice de envellecemento da poboación”, afirmou que “o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno contribuiría indubidablemente á necesaria dinamización da economía das zonas polas que discorre”. Por iso, sinalou a implicación do Grupo Socialista e da Deputación de Lugo, tanto neste obxectivo como no da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”.

Durante a súa intervención, o alcalde manifestou o apoio, dende Valdeorras, para o recoñecemento do Camiño de Inverno, que apuntou como “unha necesidade”, e sostivo que “a implicación do Concello d’O Barco é absoluta”.

Laura Seara pide ao novo ministro de Xustiza que manteña os partidos xudiciais

Orense_-_Mapa_judicial

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, vén de rexistrar na Cámara baixa diversas iniciativas parlamentarias coas que lle pide ao novo ministro de Xustiza que manteña os partidos xudiciais en Galicia, nomeadamente na nosa provincia.

Seara desexa coñecer, tralo nomeamento de Rafael Catalá como titular de Xustiza, cal será a actuación deste Ministerio respecto de a desaparición dos partidos xudiciais, que está prevista nos anteproxectos de Lei Orgánica do Poder Xudicial e da de Planta e Demarcación Xudicial.

En concreto, pídelle a Catalá resposta sobre se manterá os oito partidos xudiciais que actualmente existen na nos provincia, se cada unha destas unidades xudiciais contarán coa figura de Xuíz, Secretario e funcionarios xudiciais con carácter fixo e permanente, e se os partidos xudiciais continuarán gozando de independencia ou serán considerados como sedes desprazadas dependentes do Tribunal de Instancia.

Seara sostén que “a proposta de modificación da demarcación e planta xudicial ten como único eixo rector, baixo o pretexto dun suposto aforro, a redución da Administración, orientada en última instancia ao desmantelamento do servizo público da Xustiza”.

Así, explica que a proposta “afirma que a implantación do novo modelo condiciona o gasto que as Administracións Públicas poidan realizar en mellora dos medios materiais ao servizo da Administración de Xustiza, sendo así que devandito gasto deberá localizarse nos edificios e instalacións que han de alberga-las sedes reflectidas na presente Lei e soamente nelas, que estarían só radicadas nas capitais de provincia”.

O anteproxecto de Lei prevé a creación de Tribunais de Instancia, de ámbito provincial, que asumirán todas as competencias actuais dos xulgados. Segundo a deputada, isto “provocará, practicamente, a desaparición dos partidos xudiciais e, con iso, de decenas de órganos xudiciais”.

Seara destaca que, se se mantén a lei de Planta Xudicial, tamén “se encarecerán os procesos e se provocará un grande prexuízo ao medio rural e a provincias como Ourense, na que os cidadáns terán grandes dificultades no acceso á Xustiza”.

Por iso, a deputada socialista esixe a Catalá “que aclare canto antes se desaparecerán ou non os partidos xudiciais”; e lembra que o seu antecesor, Gallardón, “veu no verán a Galicia a aplaca-los ánimos e contentar a Feijóo, pero todo apunta a que os partidos xudiciais se converterán en meras sedes”, considerando, xa que logo, “absolutamente necesario que o novo ministro explique os seus plans”.

Miguel Fidalgo pide que o Goberno central retire de tramitación a modificación da Lei de Demarcación e Planta Xudicial, que fai desaparece-los Partidos Xudiciais e Xulgados de Paz en tódalas comarcas da nosa provincia

O noso senador ,Miguel Fidalgo, alédase do cese do ministro que xestionou importantes retrocesos en dereitos e liberdades que forman parte do sistema democrático, en nome da dereita máis retrógrada. Por iso considera que é o momento de retomar tódalas reformas xudiciais, e recolle-lo clamor dos colectivos de avogados, fiscais, traballadores da Xustiza, organizacións sindicais e partidos políticos.

Fidalgo coida que o PP debe retirar inmediatamente a lei que suprime os partidos xudiciais, e que afecta moi gravemente á nosa provincia, xa que supón a desaparición da estrutura actual nas comarcas de Ribeiro, Carballiño, A Limia, Verín, Valdeorras, Trives-Caldelas, Bande e Celanova. A iso hai que sumarlle a desaparición dos Xulgados de Paz e Rexistro actuais, pola súa privatización.

Fidalgo critica o cinismo de Feijóo, cómplice desta medida, que intenta despistar dicindo que se mantén o nome duns partidos xudiciais nos que desaparecen xuíces, secretarios, axentes e demais persoal, e deixa de celebrarse a actividade actual.

O senador anunciou novas preguntas, tal como suxeriron as plataformas en defensa dos partidos xudiciais, e informou de que presentará na Cámara Alta unha moción concreta en defensa de cada un dos partidos xudiciais que existen na provincia.

Fidalgo estima que a segunda lei que o PP debe derrogar é a Lei de Taxas aprobada, que está impedindo que os cidadáns sen recursos poidan defenderse ante as inxustizas que poidan sufrir. O PP divide a sociedade entre cidadáns con diñeiro, que teñen dereitos e cidadáns, e sen cartos, que non teñen dereitos.

Así mesmo, reclamou que se paralice a tramitación da modificación da Lei de Asistencia Gratuíta, que pon imposible a asistencia letrada de oficio para as persoas sen recursos, ademais de excluír a moitos colectivos e persoas ás que deixa sen a posibilidade de defende-los seus dereitos ante a Xustiza, prexudicando aos profesionais máis próximos e pequenos despachos de pobos e cidades.

En definitiva, o senador considera que este é o momento de parar este retroceso en liberdades e dereitos fundamentais para un estado democrático, tendo en conta as peticións dos colectivos e a sociedade civil.

Seara cualifica de “lamentábel”, o afán de Baltar por “colgarse a medalliña” pola decisión do Ministerio de Fomento de someter a nova información pública o tramo d’A Peroxa da A-76

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, cualificou esta mañá de “lamentábel” o que considera “un desmedido afán de Manuel Baltar por colgarse a medalliña” respecto da decisión adoptada polo Ministerio de Fomento de someter a nova información pública o tramo da autovía A-76 ao seu paso pola zona de Penalba.

O pasado 1 de abril, Seara pediu a comparecencia da ministra Pastor no Congreso e denunciou que o Ministerio elixira para o tramo d’A Peroxa da A-76, un trazado diferente aos previstos, que non fora sometido a alegacións nin a información pública. Apuntou xa entón que a alternativa finalmente elixida non se corresponde con ningunha das sometidas a información pública no 2008, e reprobou “a absoluta indefensión á que Fomento somete aos cidadáns afectados, ao non levar a cabo nova alternativa nin a información pública, nin a período de alegacións”.

Así mesmo, Seara criticou “as descaradas mentiras” do Ministerio nunha nota informativa distribuída pola Subdelegación de Goberno en Ourense o pasado 28 de abril, na que se afirmaba que o trazado elixido era un dos que sometera a información pública no 2008.

Ademais, Seara trasladou estas denuncias a unha pregunta oral no Congreso dos Deputados o pasado mes de maio. En resposta ás peticións da nosa deputada, o Secretario Xeral de Infraestructuras, Manuel Niño González, recoñeceu textualmente que “cando avancemos na redacción dos proxectos nese tramo, non descartamos unha nova información pública”.

Durante a súa intervención naquela pregunta oral, a compañeira denunciou o ocultismo do Ministerio, de xeito que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, do PP, sabía que a A-76 pasaría polo seu concello”. Así, sinalou que foi o voceiro municipal socialista n’A Peroxa, Antonio González Fiúza quen, no pleno municipal do 18 de setembro do 2013, advertiu ao alcalde do PP que a A-76 pasaría polo concello. Posteriormente, nun pleno municipal do 28 de novembro dese ano, o alcalde sostivo que o actual presidente da Comisión de Fomento do Congreso e deputado do PP pola nosa provincia, Celso Delgado, lle dixera que non se variaría o trazado da A-76 e que esta non pasaría pola Peroxa. “É incríbel” afirmou daquela Seara, e por iso solicitou entón a Niño González que arroxase “luz sobre este disparate”, na mesma Comisión de Fomento do Congreso.

A compañeira tamén esixiu no Congreso resposta sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace en ningún punto do Concello d’A Peroxa coa A-76, e sobre qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía pasase por ese. Ademais, vén reclamando dende o 2012 a licitación urxente da A-76, trasladando ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo, recalcando que a licitación desta autovía “é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, imposibilitando que os posibles prexudicados aleguen o que consideren necesario”.

Xa que logo, ante a nova decisión do Ministerio de levar a cabo a información pública preceptiva para o novo tramo elixido, a deputada celebra “que dean por fin os seus froitos as reiteradas denuncias dos socialistas pola intención de Fomento de aprobar un trazado sen información pública, e as reiteradas solicitudes dos socialistas” para que o Ministerio abrise “un novo período de alegacións”.

Con todo, critica que “a Baltar só lle interesa saír na foto, e non ten ningún escrúpulo para intentar arrogarse un mérito que, dende logo, non é seu”.

Ante as nosas denuncias, O Secretario Xeral de infraestruturas do Goberno central non desbota unha nova información pública para o tramo d’A Peroxa da autovía a Ponferrada

A nosa deputada no Congreso realizou na Comisión de Fomento desa Cámara  Congreso unha pregunta oral ao Secretario Xeral de Infraestruturas, do Goberno central, na que denunciou que o Ministerio de Fomento elixiu para o tramo d’A Peroxa da autovía A-76 “un trazado diferente aos previstos, que non someteu a alegacións nin a información pública”.

Seara lembrou que “o que se someteu a información pública no 2008 foron oito alternativas, e ningunha delas se corresponde co trazado elixido agora” polo Ministerio, que, segundo se pode comprobar na publicación do estudo informativo do 14 de agosto do 2013, denominan “alternativa 9”, e que sería unha mestura das alternativas “2” e “4”.

Este feito, considera a deputada, “deixa en absoluta indefensión aos cidadáns afectados”, e por iso, pediu ao Secretario Xeral de Infraestruturas “a apertura dun espazo de alegacións para o tramo d’A Peroxa sen que iso produza a paralización do resto de licitacións”.

Ante a denuncia e a petición da deputada socialista, o Secretario Xeral negouse a recoñecer abertamente que o trazado elixido polo Ministerio é unha alternativa diferente pero, con todo, si recoñeceu textualmente que “cando avancemos na redacción dos proxectos nese tramo non descartamos unha nova información pública”.

A compañeira lembrou que, hai apenas dúas semanas, o Ministerio “mentiu descaradamente sobre este asunto” nunha nota informativa distribuída o 28 de abril pola Subdelegación de Goberno en Ourense, na que este “pretendía que ‘coase’ que o trazado elixido era un dos sometidos a información pública no 2008, e iso é absolutamente falso”.

Durante a súa intervención, Seara apuntou ao ocultismo de Fomento, de xeito que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, do PP, sabía que a A-76 pasaría polo seu concello”, lembrando que foi o portavoz socialista aló, Antonio González Fiuza quen, no pleno municipal do 18 de setembro do 2013 advertiu ao alcalde de que a A-76 pasaría polo concello. Posteriormente, nun pleno municipal do 28 de novembro de 2013, o alcalde sostivo que o actual Presidente da Comisión de Fomento do Congreso e deputado do PP, Celso Delgado, lle confirmara que non se variaría o trazado da A-76 e esta non pasaría polo concello d’A Peroxa. Para a compañeira, esto resulta “incríbel”, e por iso solicitou ao Secretario Xeral que esclarecese “este disparate” na devandita Comisión.

Con todo, Seara celebra que “por fin, o Goberno, a través do Secretario Xeral de Infraestruturas, recoñeza que existe a necesidade desa nova información pública”, e confía en que a resposta do Secretario Xeral de Infraestruturas “non sexa só para saír do paso e efectivamente así o fagan e deixen de mentir sobre este trazado”, lembrando tamén que “os socialistas sempre defendemos a necesidade da A-76 e, de feito, impulsámola”.

A deputada ten pedida a comparecencia no Congreso da ministra Ana Pastor para que explique o novo trazado elixido por Fomento, e rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe respostas sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace en ningún punto do concello da Peroxa coa A-76, e qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía pase polo devandito concello.

A través de multitude de iniciativas parlamentarias, Seara vén reclamando, dende o 2012, a licitación urxente da A-76, trasladando incluso ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo en relación coa mesma. “A licitación desta autovía é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, e imposibilite que os posibles prexudicados aleguen aquilo que consideren necesario”.

Seara acusa ao Ministerio de Fomento de “mentir” sobre o trazado da A-76, no tramo d’A Peroxa

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denunciou que o Ministerio de Fomento, “minte descaradamente” nunha nota informativa distribuída pola Subdelegación do Goberno en Ourense verbo do trazado do proxecto de Autovía a Ponferrada (A-76) entre Os Peares e a cidade.

Seara afirma que “no tramo d’A Peroxa, Fomento elixiu un trazado diferente, que non someteu a alegacións nin a información pública”, polo que acusa ao Ministerio de “someter aos cidadáns afectados a unha absoluta indefensión”, e lembra que “o que se someteu a información pública no ano 2008 foron oito alternativas, e ningunha delas se corresponde co trazado elixido agora” polo Ministerio, que é o que “segundo se pode comprobar na publicación do estudo informativo do 14 de agosto do 2013, denominan ‘alternativa 9’, e que sería unha mestura das alternativas ‘2’ e ‘4’ ”, sendo que “a alternativa elixida agora por Fomento é diferente, e deixa sen enlace ao concello d’A Peroxa”, polo que é necesario un novo período de alegacións para evita-lo desamparo dos afectados por este novo trazado da A-76, que a ministra Ana Pastor pretende coar pola porta de atrás”.

A situación resúmese, na práctica, en que, dende o Ministerio, “cunha nota informativa, pretenden agora facer coar que o trazado elixido é un dos sometidos a información pública no 2008; e isto é incerto”. A deputada engade tamén, como “proba deste ocultismo de Fomento” o feito de que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, que é do PP, coñecía os cambios do trazado da A-76, e estivo meses negando no pleno municipal que esta infraestrutura percorrese o municipio”.

Seara lembra que “os socialistas defendemos a necesidade da A-76; tanto que fomos quen a impulsamos”. Porén, “o que reclamamos ao Goberno do PP é que faga as cousas ben, que non deixe sen enlace ao concello da Peroxa, que dea información aos concellos afectados e, sobre todo, que cumpra coa posibilidade establecida de que os afectados poidan realizar alegacións”, como xa solicitaran no seu momento, a propia Seara o voceiro socialista no concello d’A Peroxa, Antonio González Fiuza.

A compañeira pediu a comparecencia no Congreso da ministra para que explique este novo trazado, e rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe resposta sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace, en ningún punto do concello d’A Peroxa, coa futura A-76, e qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía atravese o devandito concello.

A través de multitude de iniciativas parlamentarias, Seara vén reclamando dende o 2012 a licitación urxente da A-76, trasladando incluso ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo en relación coa autovía. A compañeira aclara, xa que logo, que “a licitación desta autovía é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, e imposibilite que os posibles prexudicados aleguen aquilo que consideren necesario”.

O PSdeG defende que a política agraria comunitaria priorice as súas axudas aos produtores

Esta tarde se celebrou na sede socialista en Ribadavia un acto organizado polo Comité Electoral Provincial do PSdeG, presidido polo noso Secretario Provincial, Raúl Fernández, no que tamén interviron outros cargos, como varios dos nosos deputados autonómicos e ao que asistiron alcaldes, concelleiros e cargos orgánicos do PSdeG da comarca d’O Ribeiro, así como representantes do movemento asociativo da mesma.

Na reunión se explicitou que unha das máximas prioridades do PSdeG con respecto á Política Agraria Común da Unión Europea é que as axudas comunitarias, a nivel vitivinícola, se centren nos colleiteiros e non nos terratenentes; que as axudas se dirixan á produción, en detrimento da superficie xa que, neste caso, se produce unha grande inxustiza coa produción vinícola das Denominacións de Orixe da nosa provincia, e en xeral, de toda a produción agraria galega.

Na situación actual, os produtores de viño de Ourense e de Galicia perciben a cuarta parte das axudas que obteñen os estremeños, e unha quinta da que reciben os de Castela-A Mancha, o cal supón un agravio comparativo para os nosos viticultores. Así, mentres os produtores d’O Ribeiro reciben uns 2 200 €, os estremeños perciben 8 000€, e os casteláns-manchegos 10 000€. Unha situación que -concluiuse na cita- hai que cambiar; para o que cómpre un cambio de rumbo cara a esquerda do Parlamento e da Comisión europeos.
Para o PSdeG de Ourense, as eleccións europeas do 25 de maio son capitais para o futuro da comarca d’O Ribeiro e de toda a nosa provincia, por canto está en xogo o destino dos fondos comunitarios para os vindeiros cinco anos.