Valdeorras

Os compañeiros d´O Bolo denuncian que o alcalde usa maquinaría da Deputación para estender compost polos seus viñedos

03/05/2017
By

 

O alcalde aproveita a compostaxe provinte dunha limpeza de cunetas para aboar as súas cepas, axudado por un camión e unha pala da institución provincial

 Os socialistas reclaman que tamén mande retirar os escombros da obra municipal que se verteron na cuneta da estrada que vai aos Lentellais

WhatsApp Image 2017-05-02 at 14.02.56

 Ourense, 4 de maio de 2017. Segundo denuncian os socialistas, o Alcalde do Bolo, Manuel Corzo, segue a dar sobradas mostras do seu uso personalista do poder. Pese a que os e as veciños-as do Bolo xa están maís que acostumados aos seus desmáns, desta volta, parece superarse a si mesmo ao usar recursos de todos en beneficio propio. Tal como relata o portavoz do PSOE no concello, Juan Ferreira,”hai cousa de dous meses que o alcalde mandou limpar unhas cunetas nalgúns pobos, por suposto, os da súa escolla; para, a continuación, deixar a terra amontoada na propia cuneta. Co paso do tempo, esta terra retirada, chea de nutrientes, converteuse en compostaxe natural”. Pese a que este feito xa é suficientemente escandaloso, posto que non se remata o comezado e, ademais, faise unha limpeza selectiva; o que veu despois raia o esperpento. Unha vez que a calidade da compostaxe era a desexada, unha pala e un camión da Deputación de Ourense, chegaron para recoller e cargar esta terra e levala cara a unhas propiedades do propio alcalde do Bolo. Máis tarde, os socialistas puideron comprobar, con total asombro, como a mesma pala procedeu a estender a compostaxe, con sumo coidado, entre os viñedos propiedade de Manuel Corzo.

É dicir, o rexedor do municipio, coa connivencia da institución provincial, emprega recursos de todos e todas para aproveitar restos dunha limpeza selectiva e mellorar os seus propios cultivos. O alcalde imputado nin sequera agochou as súas intencións e procedeu co “aproveitamento” á vista de calquera, tal o testemuñan as imaxes. Á restra de feitos denunciables e de dubidosa ética política cos que Manuel Corzo adorna a súa xestión, hai que sumar este uso impropio dos recursos provinciais para o que fixo gala dunha boa previsión en beneficio das súas cepas.

Sen embargo, o alcalde ten conciencia medioambiental cando se trata das súas propiedades pero non estende este pensamento verde á súa xestión pública. Nestes días estase a facer unha obra no centro do Bolo  e os escombros de dita intervención estanse vertendo na marxe dereita da estrada que une O Bolo co cruce dos Lentellais. Todo isto, segundo denuncian dende o PSOE, conta co permiso expreso de Manuel Corzo, aínda alcalde do municipio, quen está a converter un bo tramo de estrada nunha escombreira. Tal como indica Juan Ferreira: “agardamos que nese afán que ten o sr. Alcalde por aproveitar todos os residuos, teña a ben, tamén, levar para os seus viñedos ou para as súas propiedades, todo o lixo que alí se está depositando e non teñamos que tratar del entre todos os veciños”.

Os socialistas que xa van varias veces que se denuncia publicamente o pouco apego do alcalde polo ben común, destacando a súa negativa a arranxar o saneamento e acabar cun verquido, por unha manifesta animadversión cara aos veciños dese barrio. É de sobra coñecido como desgoberna o alcalde popular do Bolo, a golpe de preferencias e intereses persoais .

 

Os socialistas d’O Bolo lamentan que a Festa da Vitela non sirva para a promoción do traballo dos produtores de carne, e consideran que, tendo en conta o desleixo do alcalde na xestión de servizos aos veciños, dita “paparota” constitúe un dispendio que agrava a “calamitosa” situación económica do Concello

17/04/2017
By

Ademáis, os compañeiros sumaranse aos doutros concellos da provincia ao propoñeren ao pleno do seu Concello o establecemento dunha taxa ás empresas enerxéticas, o que contribuiría a mellorar ditas contas municipais

Como vén sendo habitual no Concello do Bolo, a celebración dunha nova edición da Festa da Vitela xera polémica polo dispendio que realiza o goberno do señor Corzo, en detrimento dos numerosos servizos que ten sen atender no municipio. Os socialistas, como veñen denunciando dende hai anos, lembran que esta festa está mal enfocada, sen que haxa unha proxección do labor que realizan os produtores de carne da zona e só se fai un festín que serve para maior gloria do alcalde e dos seus convidados. A pesar da fixación dun prezo público, o Grupo Municipal Socialista do Bolo ten demostrado, con datos obxectivos, o buraco negro que supón para as arcas municipais a fastuosa celebración deste evento nos termos nos que se realiza actualmente. O equipo de goberno do PP, con Manuel Corzo á cabeza, “está máis preocupado por quedar ben cos seus convidados ilustres que por atender servizos moi necesarios para os veciños e veciñas do Bolo”. O portavoz socialista no municipio, Juan Ferreira, considera que “mentres estas persoas celebran unha paparota por todo o alto, o pobo ten as fosas sépticas sen saneamento, cun alcalde que se desentende e despreza as demandas dos veciños e veciñas. A situación de desleixo e mala xestión é indignante e só lle dan pulo a proxectos que producen un desaxuste nas contas”.

Tendo en conta a calamitosa situación económica na que está o concello, o propio sería que o PP se preocupase por “procurar novas fontes de financiamento no canto de promocionar dispendios a conta dos cartos de todos e todas”. Xa que Manuel Corzo e o seu equipo son incapaces de xerar novos ingresos cos que atender todos os servizos, son os socialistas quen propoñen novas medidas que permitan aumentar a recadación.

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar unha moción para que se estableza unha ordenanza reguladora da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público local, por parte das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. A iniciativa, que foi lanzada polo Partido Socialista a nivel provincial, parte das recentes sentenzas do Tribunal Supremo que afectan á situación das empresas que xestionan as redes de transporte de electricidade, gas, auga e hidrocarburo. Dado o especial aproveitamento que estas compañías fan, no que hai un afán de lucro polo servizo que ofertan, o Tribunal Supremo veu a ratificar o dereito das entidades locais a gravar o uso dun espazo que é de dominio público.

Tendo en conta, ademais, a situación de crise no financiamento dos concellos e a especial atención que deben por para cumprir co seu teito de gasto, a opción de establecer taxas a estas compañías, resulta de interese á hora de captar ingresos locais. Neste senso, os socialistas do Bolo instan ao equipo de goberno para que adopte esta medida e aumente a súa capacidade recadatoria. A este respecto, o portavoz socialista no Bolo, Juan Ferreira, afirma que “esperamos que o alcalde considere esta opción, a pesares da súa animadversión a todo o que veña dos socialistas, e pense no ben común por riba do seu propio interese ou o do seu partido. O establecemento dunha ordenanza reguladora destas taxas dirixidas a unhas empresas que reciben un claro beneficio polo uso dese dominio público, revertería no beneficio de todos os veciños e veciñas que, a día de hoxe, reciben uns servizos municipais deficitarios ou a súa ausencia”.

 

 

O PSdeG-PSOE d´O Bolo denuncia a desidia do alcalde do PP á hora de manter en óptimas condicións as vivendas de alugueiro social propiedade do concello

07/04/2017
By

O goberno do PP négase a manter as vivendas nunhas condicións dignas pese a contar con 23.000 euros nos orzamentos anuais para este propósito

 Os socialistas fanse eco das constantes queixas veciñais e van demandar información actualizada sobre a situación dos pisos no vindeiro pleno municipal

 

Ourense, 5 de abril de 2017. O Grupo Municipal Socialista no concello de O Bolo quere denunciar unha nova deixadez de funcións do goberno presidido polo popular Manuel Corzo. Nesta ocasión, os socialistas, fanse eco das queixas veciñais a respecto das vivendas de alugueiro social de titularidade municipal e, polo tanto, responsabilidade do concello. Os veciños e veciñas destas catro vivendas teñen que padecer a falta absoluta de mantemento e remodelación dos seus pisos mentres observan como os cartos destinados a patrimonio municipal nunca se emprega para mellorar as súas condicións. Juan Ferreira, portavoz socialista no Bolo, así o afirma: “Cada ano, o concello, destina uns 23.000 euros nos orzamentos municipais ao mantemento das propiedades de titularidade municipal (entre elas o castelo e varias vivendas) e levamos tempo observando que nunca se usan para mellorar, remodelar e manter estas vivendas de alugueiro social. Os veciños están abandonados á súa sorte”.

O deplorable estado destes pisos é doado de comprobar, denuncian dende o PSOE, sendo habituais os desconchóns en portas e paredes, a falta dunha man de pintura, as tubaxes á vista e sen rematar e instalacións obsoletas. A situación fai que vivir nestas vivendas sexa unha tarefa ardua, á que hai que sumar os numerosos meses que tiveron que agardar a que se baleirase o faiado e se procedera á súa limpeza. Para os veciños e veciñas non cabe dúbida que é, unicamente, responsabilidade do concello do Bolo e do seu alcalde termar destas vivendas e manter unhas mínimas condicións de habitabilidade que, hoxe por hoxe, non existen.

Fartos de agardar por un mantemento que nunca chega, tanto no que respecta á pintura como ás propias instalacións eléctricas, varios destes veciños e veciñas puxéronse en contacto con Juan Ferreira para amosar a súa preocupación e pedirlle que puxera o caso en coñecemento da opinión pública co obxectivo de que o alcalde faga caso das súas demandas.

Pola súa banda, o PSOE pretende preguntar no vindeiro pleno pola situación actual destas vivendas que foron postas en marcha, no seu día, para uso de diversos funcionarios e que hoxe serven para darlle unha solución habitacional a persoas con rendas baixas.  O PSOE esíxelle ao goberno do PP que deixe de facer da mala xestión a súa sinal de identidade e atenda ás súas responsabilidades. Para este vindeiro exercicio, recalcan os socialistas, debería consignarse unha partida específica para atender o mantemento destas vivendas ou, alomenos, empregar parte dos 23.000 euros e procurar que a xente teña unhas condicións de vida dignas.

A Xustiza abre dilixencias novamente contra o alcalde popular d´O Bolo por presunta prevaricación por non potabilizar auga

22/03/2017
By

Os veciños e veciñas de varias aldeas das Ermidas levan unha década reclamando –sen éxito– ó goberno local que potabilice a auga da traída que sae das súas billas

O voceiro do PSdeG-PSOE neste concello, Juan Ferreira, afirma que as reiteradas irregularidades e desidias do alcalde co servizo que debe prestar ós veciños e veciñas non poden quedar impunes

 

Ourense, 21 de marzo de 2017. O alcalde do PP do Bolo vai camiño de converterse nun alcalde bi imputado. Atitular do xulgado de Primeira  Instancia e Instrución número 1 da Pobra de Trives acaba de abrir dilixencias contra Manuel Corzo, trala denuncia do voceiro socialista neste concello, Juan Ferreira, na que denuncia o “obstrucionismo” do rexedor para arranxar problemas coa traída de agua nas Ermitas. A xuíza instructora afirma que “os feitos que resultan das actuaciones fan presumir a posible existencia dun delito de prevaricación administrativa”. No mesmo auto, cita ó voceiro socialista que presentou a denuncia para que ratifique os feitos relatados.

A denuncia relata a desidia do rexedor para arranxar un problema de saúde pública do que é coñecedor dende hai unha década. E que, os veciños e veciñas se puxeron en contacto con Corzo en reiteradas ocasións, para denunciar a insalubridade da auga que beben, debido a que a traída non está potabilizada. Segundo relatan, o rexedor nunca atendeu ás reclamacións e, por iso, acudiron o Valedor do Pobo, que abriu unha investigación para aclarar os feitos e concretar solucións. O rexedor respondeu que se ía reunir cos habitantes da zona en agosto de 2016 para buscar unha solución a este grave problema de salubridade mais o encontro nunca tivo lugar.

Segunda denuncia que salpica ó alcalde

 O PSdeG-PSOE deste concello da provincia de Ourense xa denunciou que o alcalde non facilita, dende hai anos, a información e documentación solicitada para exercer o control da activade política e administrativa do goberno local, sobre un cento de cuestións de interese pública. Despois daquela denuncia, a xuíza imputou a Corzo por presunta prevaricación administrativa e, trala súa declaración en calidade de investigado, a instrucción continúa o seu curso.

A investigación sobre o caso que xa imputou o rexedor recolleu documentación relacionada cos expedientes e respostas solicitadas polos socialistas dende novembro de 2014, así como copia das instancias nas que reclamaba a celebración de plenos extraordinarios que nunca foron convocados.

A prevaricación administrativa é un delito no que un cargo público emite ou practica unha resolución inxusta a sabendas. Segundo o artigo 404 do Código Penal, a condena por prevaricación administrativa pode supor unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por tempo de nove a quince anos.

O PP d´O Bolo fai méritos para gañar o premio ó goberno máis nugallán de Galicia tras enviar recibos de taxas de hai 4 anos ós veciños e veciñas

02/03/2017
By

O inoperante goberno local non ten as bases de datos do padrón municipal actualizadas o que provoca importantes desaxustes no cobro de taxas 

Os socialistas do Bolo inician unha campaña informativa porta por porta para informar ós veciños e veciñas dos seus dereitos e das posibles reclamacións

 

Ourense, 1 de marzo de 2017. O portavoz socialista no Concello de O Bolo, Juan Ferreira, ven de anunciar unha campaña informativa, entre a veciñanza, para suplir a inoperancia do goberno municipal do PP. Dada a alarma social xerada entre  veciños e veciñas, ao recibírense facturas polo saneamento da auga con ata 4 anos de atraso, os socialistas decidiron indagar nas causas para informar á cidadanía dos seus dereitos. O servizo de recadación –delegado na Deputación de Ourense– e de emisión de taxas municipais, faise en base dun padrón elaborado polo concello. No caso de O Bolo todo parece indicar que o censo está desactualizado e mal feito, sen atender aos cambios que se producen nos fogares.

A “desidia” do goberno presidido por Manuel Corzo chega ata o punto de non ter as bases de datos ao día, provocando desaxustes nos cobros de taxas, algo moi prexudicial para as economías familiares bolenses. “Os veciños e veciñas tiñan que estar, a estas alturas, informados dos recibos que teñen que pagar pola depuración das augas residuais e dos seus dereitos á hora de reclamar contra os que fosen emitidos de xeito inxusto”, recordan os socialistas do Bolo. O goberno non só da a calada por resposta, senón que se desentende de toda responsabilidade, delegando na Deputación.

Dáse a circunstancia, tal como sinala o portavoz socialista, que nestes casos de delegación da recadación, a institución provincial só pode actuar en base aos datos que lle proporcione o concello, polo que a responsabilidade última é do que goberna no municipio. No caso de O Bolo “as evidencias falan de desgoberno e pura desidia”, insiste Ferreira. Dende o Grupo Municipal Socialista cren que o alcalde pode estar demasiado ocupado atendendo á imputación por presunta prevaricación administrativa coma para centrarse nas necesidades da vila, polo que lle suxiren que “deixe paso a quen si queira ocuparse dos problemas que afectan á veciñanza”.

Por todo isto, Ferreira vai iniciar unha campaña informativa, porta a porta, para aclarar dúbidas sobre os recibos emitidos con carácter retroactivo e explicar así  os dereitos de posibles reclamacións ás que poden recorrer. “Ante o abandono aos que os somete o alcalde, o Partido Socialista ofrece asistencia e axuda ante posibles casos de cobros inxustos”, conclúe.

 

O alcalde d´O Bolo, denunciado polos socialistas, traslada a responsabilidade da súa imputación por prevaricación ós funcionarios do concello

24/02/2017
By

O rexedor do PP, que é titulado universitario e que leva 24 anos de alcalde, fíxose o sueco asegurando que descoñece a lei que o obriga a respostar e entregar copias á oposición 

A denuncia destapou feitos graves como a reiterada negativa de información sobre un cento de cuestións ou a non celebración de sesións plenarias extraordinarias

  

Ourense, 23 de febreiro de 2017. O alcalde do Bolo, Manuel Corzo (PP), declarou hoxe en calidade de investigado –imputado– por un presunto delito de prevaricación administrativa, ante a titular do xulgado de Primeira  Instancia e Instrución número 1 da Pobra de Trives, por impedir o traballo de control e fiscalización do PSdeG-PSOE dende a oposición municipal. O rexedor popular físoxe o sueco ante a xustiza, xa que descargou toda responsabilidade dos seus actos nos funcionarios, asegurando que a secretaria lle dixo que, por lei, non podía dar copia dos expedientes. Ademais, afirmou descoñecer o regulamento que obriga a dar resposta ás peticións feitas pola oposición.

Corzo, que se negou a responder á totalidade das preguntas do avogado do edil denunciante, Juan Ferreira, non explicou, entre outras cuestións, se deu orde á secretaria e unha funcionaria para que non se abrisen expedientes sobre as cuestións formuladas polos socialistas ou se denegou o acceso a información relativa ós orzamentos municipais. Sen embargo, sí manifestou, a interpelación do seu avogado, que algúns dos escritos non foron respondidos porque non dispón de persoal no concello.

Os socialistas do Bolo aseguran que Corzo, que leva 24 anos na alcaldía e que é titulado universitario, non pode escudarse no descoñecemento da lei para xustificar os seus reiterados incumprimentos dunha obriga democrática. “O alcalde amosa coñecer a lexislación cando suspende ou interrumpe os plenos durante as nosas intervencións facendo valer as súa función de presidente do pleno; pois o igual que coñece esa normativa, tamén debe coñecer a que obriga a dar trámite e a responder ás cuestións da oposición municipal”, advirten antes de recordar o principio do Dereito Ignorantia juris non excusat, é dicir, que a ignorancia da lei non escusa do seu cumprimento.

O PSdeG-PSOE deste concello denunciou o pasado mes de decembro no xulgado que o alcalde e a secretaria non facilitan, dende hai anos, a información e documentación solicitada para exercer o control da activade política e administrativa do goberno local, sobre un cento de cuestións de interese pública. Durante a instrución do caso, a xuíza ordenou que o Concello remitise testemuño da documentación relacionada cos expedientes e respostas solicitadas polos socialistas dende novembro de 2014, así como copia das instancias nas que reclamaba a celebración de plenos extraordinarios que nunca foron convocados.

A prevaricación administrativa é un delito no que un cargo público emite ou practica unha resolución inxusta a sabendas. Segundo o artigo 404 do Código Penal, a condena pode supor unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por tempo de nove a quince anos.

 

Os socialistas d´O Bolo denuncian no xulgado ó alcalde do PP por bloquear durante unha década solucións para potabilizar a traída de auga dunha aldea

17/02/2017
By

O servizo de control de riscos medioambientais da Xunta de Galicia ditaminou que a agua que beben os veciños e veciñas non é apta para consumo debido a parámetros microbiolóxicos

 O Valedor do Pobo abriu tres expedientes para investigar o asunto e o alcalde recoñeceulle por escrito que non adoptou ningún acordo para solucionar o problema

 

 Ourense, 16 de febreiro de 2017. Os socialistas do Bolo acaban de denunciar no xulgado unha nova falcatruada do alcalde do PP, Manuel Corzo. Desta vez, os feitos afectan directamente ós veciños e veciñas do Cruceiro das Ermitas, xa que o rexedor “obstrúe sistemáticamente a potabilización da auga” dende hai unha década, segundo se explica polo miúdo na denuncia rexistrada no xulgado de Trives, na que, ademais, se relata o carrusel de reclamacións dos habitantes da zona a diversos organismos e o propio concello sen que ninguén faga nada, a pesar de que diferentes analíticas destaparon que auga dos mananciais da zona non é apta para consumo humano por superar oS parámetros microbiolóxicos máximos.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou mediante unha carta remitida a unha veciña o seu “compromiso”, pero tamén lle recorda que se trata dun asunto de competencia municipal. “As queixas non foron atendidas durante máis de nove anos e o rexedor puxo todo tipo de trabas”, relata a denuncia, antes de recordar que o Valedor do Pobo abriu tres expedientes para investigar os feitos.

Por outra banda, en 2014, o servizo de control de riscos medioambientais da Xunta de Galicia ditaminou que a agua dos mananciais que abastecen os habitantes da zona non é apta para consumo humano, xa que superan o parámetros microbiolóxicos máximos. O rexedor do PP xa coñecía esta grave situación de risco para a saúde a través de informes analíticos encargados polos veciños e veciñas ó Colexio de Farmacéuticos de Ourense. “O alcalde dedicouse a torpedear sistemáticamente o expediente para levar adiante a potabilización da auga”, insiste a denuncia.

Tras presentar numerosos escritos mediante rexistro e despois de levar o asunto ó pleno municipal en varias ocasións, a veciñanza está farta de ser ignorada polo alcalde, e por iso o PSdeG-PSOE decidiu levar novamente ante a xustiza o alcalde xa imputado por presunta prevaricación. Incluso se fixeron xestións coa Sociedade Provincial de Aguas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense sen ningún resultado tácito por parte do goberno local do Bolo, que incluso recoñeceu ó Valedor do Pobo, mediante un escrito datado o 19 de decembro de 2016, que “non se adoptou ningún acordo sobre a subministración de auga ás Ermitas”.

 

O PSOE d´O Bolo consegue a unanimidade a prol da moción en defensa da venda física dos billetes de tren, contando co apoio veciñal.

01/02/2017
By

2017-01-31-PHOTO-00000317 (1)

O Grupo Municipal Socialista, após a denuncia que tiveron que presentar contra o Alcalde e Secretaria, viuse arroupado por numerosos veciños e veciñas, así coma compañeiros-as do partido.

 

O Bolo, 1 de febreiro de 2017. Onte, ás 10:30h da mañá, celebrouse o primeiro Pleno da Corporación no concello d´ O Bolo após da denuncia que o Portavoz socialista, Juan Ferreira, interpuxo contra o Alcalde e a Secretaria do concello por imposibilitar, reiteradamente, o seu labor na oposición. É coñecido que o auto recolle os feitos que resultan das actuacións denunciadas, fan presumir a posible existencia dun delito de prevaricación administrativa. Na denuncia, Juan Ferreira, tamén, fai referencia á reiterada negativa a contestar, aproximadamente, 100 peticións de información, extremo este que provocou que no auto se faga unha petición ao Xulgado de toda a documentación solicitada dende o 2014.

 

A pesares da merma democrática que teñen que soportar no exercicio das súas funcións, o Grupo Municipal Socialista d´ O Bolo, presentou unha moción a prol do mantemento da venda física de billetes nas estacións da comarca, que foi aprobada por unanimidade no Pleno celebrado hoxe. Tal iniciativa foi apoiada coa presenza de numerosos veciños e veciñas, preocupados por esta nova afronta á cidadanía da comarca. Os socialistas consideran intolerable esta decisión xa que, unha vez máis, supón un castigo a unha comarca con importantes carencias en servizos públicos de mobilidade e unha importante fenda dixital que dificulta o acceso dos veciños e veciñas das zonas rurais aos servizos de venda en liña.

 

Juan Ferreira quixo agradecer, unha vez rematado o Pleno, a asistencia de compañeiros-as socialistas, así coma veciños-as, facendo que se sentiran arroupados, despois de teren sufrido tantas actitudes antidemocráticas por parte do Alcalde e Secretaria. O Grupo Municipal Socialista quere destacar que, a pesares das trabas, seguirán traballando a reo e levando adiante todas aquelas iniciativas que beneficien os intereses da veciñanza.

 

Noela Blanco esixe á Conselleira que a Xunta interveña para impedir que varias estacións de tren se convirtan en “estacións-pantasma”

25/01/2017
By

Noela Blanco

A nosa deputada no parlamento de Galicia, Noela Blanco preguntoulle ao goberno galego se ten realizado algunha xestión diante do goberno central para mante-lo servizo de venda de billetes en tódalas estacións de ferrocarril da comunidade, ante o risco de que se convertan en “estacións-pantasma”, noutro caso de marxinación ao medio rural, con case 200 000 cidadáns afectados en toda Galicia, uns 70 000 deles na nosa provincia, aos que obrigan a “baixarse do tren do progreso”.

A compañeira alertou de que, segundo alerta o persoal ferroviario, sete estacións de tren en toda Galicia, catro delas en Ourense (Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín e Carballiño), perigan no novo plan ferroviario de Renfe e Adif para reestruturar neste ano o seu servizo de vendas, “deixando importantes núcleos de poboación sen servizo presencial de información e venda de billetes, e implicando, nalgúns casos, o peche das que fiquen sen persoal”, e lembrou que, en moitos casos, estes servizos serven para “fixar poboación” en zonas “especialmente envellecidas”.

A deputada lembroulle á conselleira de Infraestruturas a “responsabilidade moral e de goberno” que ten a Xunta fronte ás decisións do goberno central, e destacou que, para cadansúas comarcas, estas estacións son “vitais dende os puntos de vista social, económico, cultural” e, en casos como o da de Ribadavia, incluso arquitectónico; e, por todo iso, reclamou contactos urxentes para impedi-lo peche destes servizos.

Blanco tamén lle lembrou á conselleira que nalgunhas destas zonas “a poboación maior de sesenta e cinco anos multiplica por tres á menor de quince” e que “nalgúns casos nin sequera hai cobertura” para usar Internet, tras suxeri-la Xunta o uso desta vía para a compra de billetes.

O Grupo Socialista na Deputación, pola súa banda, estima que uns 103 000 viaxeiros usaron o ano pasado as devanditas catro estacións afectadas en Ourense, lembra que un proceso semellante aconteceu en case tódalas estacións da liña entre a cidade e Zamora e que o propio grupo alertou, hai un mes, deste “intolerábel ataque ás infraestruturas da provincia “, e anuncia estar a traballar “nunha estratexia conxunta cos socialistas das comarcas afectadas”.

Noela Blanco reclama á Xunta o impulso da apicultura, incluindo controis de colmeas para evita-la picaresca

29/06/2016
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta unha batería de medidas para favorece-la apicultura, mellorando o control dos asentamentos e fomentando esta actividade entre os novos emprendedores.

A deputada denunciou a existencia reiterada de casos que vulneran a normativa que regula a distribución das colmeas cunha “picaresca” que resulta lesiva para os produtores galegos. Os socialistas reclamamos unha regulación estrita de distancias entre asentamentos, de mais de 1 quilómetro de radio excluíndo aos apiarios de autoconsumo. A normativa actual sitúa en tres quilómetros a distancia que deben garda-los apicultores trashumantes para evitar saturar os nosos montes con colmeas procedentes doutras partes do Estado. Porén, hai casos nos que “estas distancias non son respectadas”.

Blanco propón aplicar, en colaboración cos concellos, medidas dirixidas a favorece-la apicultura entre os veciños, de xeito que “só no caso de non haber interese na actividade polas persoas do lugar, se podan introducirse apicultores foráneos, dun xeito controlado e racional, e cumprindo coa normativa vixente”.

A nosa deputada lembra que, a través da polinización, se contribúe ao mantemento da biodiversidade, sendo aquela vital para a agricultura, e que esta actividade forma parte do patrimonio agrícola europeo e das tradicións nacionais. Tamén sinala que a maioría de comarcas produtoras se atopan en Ourense, en Valdeorras, Trives e o Val do Bibei, estendéndose nos últimos anos ás comarcas d’A Limia e Terras de Celanova.

A compañeira explica que a rica e diversa floración de interese apícola, fai de Ourense un enclave ideal para a práctica desta actividade, ocupando o segundo lugar a nivel galego en numero de apicultores, cun grande número de colmeas. Incluso esta actividade se converte na principal en moitos casos de explotacións do rural. Así, o censo apícola provincial ascendeu as 40 000 colmeas no 2015, fronte as 21 190 no 1998.