Cultura

Seara propón un plan demográfico que evite o despoboamento da provincia co 0,5% dos cartos do rescate de dúas autoestradas privadas de Madrid

 

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, presentou onte en rolda de prensa as nosas emendas aos orzamentos xerais do Estado 2015 para a provincia de Ourense.

Seara sinalou que estes orzamentos retratan a un Goberno central “que minte” e apuntou que, para a nosa provincia, trátase duns orzamentos “maquillados, nos que a práctica totalidade do investimento se vai ao AVE”, a pesares de que, como “xa se demostrou”, é algo que o Goberno do PP logo non executa, chegando a un grao de incumprimento de ata o 40%”. Porén, considerando ao AVE como “unha infraestrutura básica”, a deputada anunciou a presentación de emendas socialistas por 2 millóns de euros para a estación intermodal na cidade, por 3 millóns para a liña de alta velocidade Ourense-Vigo, e por 2 a Ourense-Lugo.

Tamén no eido de infraestruturas, propoñemos destinar 10 millóns de euros para a supresión de pasos a nivel en Galicia, 1 millón para un plan de impulso do transporte de mercadorías por ferrocarril na nosa Comunidade Autónoma, e outras emendas para proxectos de melloras nas estradas N-120, N-525 e N-541 e as autovías A-76 e A-52, ao seu paso pola nosa provincia. No caso desta última, inclúese o seu enlace co parque ambiental de Carballeda de Avia, a pesares de que o PP abandonou a creación deste coa chegada de Feijóo á Xunta, posto que é un proxecto ao que, segundo Seara “non renunciamos”

Como cuestión esencial para a mesma, a compañeira indicou “a necesidade de evitar o despoboamento do territorio, que é o virus que rela incesantemente a Ourense”. Neste senso, apuntou que a nosa é “a terceira provincia máis envellecida da UE, cun 29,6% da poboación que supera os 65 anos”, e que “segundo as proxeccións do INE, no 2023 a provincia terá perdido 52 211 habitantes en vintesete anos”. Por iso os socialistas presentamos unha emenda de 10 millóns de euros para un Plan Demográfico para as provincias de Ourense e Lugo, cantidade que equivalería só ao 0,5% do que o Goberno central “destinará a rescatar dúas autoestradas de Madrid para salvar as empresas que as xestionan”.

Seara tamén reclamou, con outra emenda por 10 millóns de euros, distintas actuacións na Ribeira Sacra, entre outras, o apoio da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, sostendo que a zona “é un dos territorios con maiores recursos naturais, culturais e paisaxísticos, que a fan merecedora desta candidatura, pero ao tempo está afectada por un despoboamento que debe evitarse”.

Tamén no eido cultural e patrimonial, propoñemos destinar 3 millóns de euros á catedral de Ourense e a diferentes castelos, mosteiros e museos da provincia, así como a un Plan específico de apoio ás nosas denominacións de orixe vinícolas. Para o a posta en valor e recoñecemento do Camiño de Santiago de Inverno (por Valdeorras) propoñemos destinar 12 000€.

Verbo do termalismo, Seara presentará outra enmenda aos orzamentos estatais por un montante de 3 millóns de euros, destinada a posta en práctica dun Plan de Termalismo da provincia, outra de 500 000€ para o boulevard da cidade, e unha de 1,3 millóns para os regadíos d’A Limia.

A compañeira tamén presenta emendas de 850 000€ para os colectores e a depuradora de Castrelo do Val, de máis de 2 millóns para melloras diversas de carácter medioambiental e fluvial, e 350 000€ para o Convenio de Recuperación do Parque Natural do Xurés.

Seara tamén se referiu ás propostas socialistas a nivel nacional para estes orzamentos, baseadas no rescate financeiro a familias e autónomos, un Pacto contra a pobreza infantil, a reindustrialización a traverso dun Plan Nacional de Referencia apoiado na Formación Profesional, a suba do Salario Mínimo Interprofesional ata o 60%, unha Lei de Igualdade Salarial entre homes e mulleres, e a necesidade de poñer couto ás escandalosas retribucións de altos executivos. Sobre esta última cuestión, contrastou cos datos de que “en Ourense hai 149 000 persoas inactivas e 26 700 desempregados, dos que 2900 buscan o seu primeiro emprego”, e sinalou a presentación doutra emenda, por valor de 50 millóns de euros, para un Plan de Emprego para Galicia.

Tras incidir en que “estes orzamentos do Goberno do PP consagran o engano como forma de facer política e a desigualdade”, afirmou que “todas estas emendas non son un capricho, e poderían ser executadas perfectamente, se hai vontade”.

Seara esixe ao Goberno central a paralización inmediata das obras no castelo de Monterrei

A deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, rexistrou hoxe unha Proposición Non de Lei no na Cámara Baixa na que denuncia as nefastas consecuencias das obras que se están executando para converter o Castelo de Monterrei en Parador de Turismo.

Seara solicita ao Goberno que se dirixa á Xunta para que paralice de xeito inmediato as obras para a súa adecuación e acondicionamento como Parador; e solicita ao Goberno central que revogue a Resolución de 1 de xullo de 2014, na que a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta de Galicia do Castelo de Monterrei e o seu recinto amurallado. “O Ministro Montoro debe poñer fin a este despropósito e a este dispendio froito do capricho do Presidente Feijóo”, reclama.

A deputada lembra que “foi o Goberno Socialista o que cedeu á Xunta, en xullo do 2010, o uso da fortaleza amurallada de Monterrei, pero con usos ben distintos aos que agora lle deu o actual Goberno: naquel intre, o Castelo foi cedido para usos culturais, etnográficos e divulgativos da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, así como para a musealización dos edificios e o arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos”, para engadir que “a improvisación da norma aprobada polo PP co fin de amplia-los usos permite construír ao capricho de Feijóo”.

E este capricho, denuncia Seara, “é a construción dun hotel de luxo no castelo, coa previsión de cedelo, unha vez rematada a obra, á administración turística do Estado para a súa explotación a través da Axencia de Turismo de Galicia; e isto coa contestación cidadá e dos axentes culturais e patrimoniais.”

Doutra banda, e ante os graves destrozos que as obras no castelo están provocando, na Proposición Non de Lei tamén se esixe ao Goberno central “que abra unha investigación e que dea traslado das conclusións ao Congreso dos Deputados”, xa que “o derrube de muros da fortaleza, as fendas na Torre das Damas, e a aparición nun vertedoiro de obxectos que se atopaban dentro do propio Castelo, deu o sinal de alarma a unha poboación xa indignada con esta aberración”.

Tras informar que o Consello dá Cultura Galega está rematando un informe ao respecto, Seara sostivo que “é evidentemente incoherente que, nas actuais circunstancias económicas” que atravesa todo o Estado e que “se agravan na provincia de Ourense, se leve a cabo un investimento desta magnitude, cando xa existe un Parador a escasos metros da fortaleza de Monterrei, que ten que pechar catro meses ao ano por falta de demanda hoteleira”.

Blanco demandará en Europa un IVE cultural reducido

IMG-20140518-WA0000

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo, José Blanco, anunciou hoxe que traballará no Parlamento Europeo para que exista en Europa un IVE cultural reducido. Asegurou que impulsará iniciativas a prol da nosa cultura e “para que as nosas industrias culturais poidan medrar e crear emprego, e sexan un motor económico e de desenvolvemento”.

Blanco realizou esta mañá unha visita a Celanova, acompañado de Pachi Vázquez e cargos Partido. Na terra de Curros e de Celso Emilio Ferreiro demandou un “novo ceo”, evocando a Díaz Castro, que deixe atrás os retallos, a austeridade e o sufrimento.

No Día das Letras Galegas, dende a Torre de San Salvador de Celanova, restaurada con fondos do 1% cultural aportados na etapa do Goberno Socialista, asegurou que a “cultura e o patrimonio deben ocupar un lugar estratéxico” para Galicia, e afirmou que debemos “promover e reivindica-la nosa língua como vehículo de cultura”

Tamén tivo palabras para o candidato popular, Miguel Arias Cañete, ao avogar por “desterra-la cultura machista” que hai en España, e “nalgúns sectores”, pois a actitude mantida estes días por Arias Cañete “é a dun mal perdedor, que perdeu os papeis”. Demandoulle que rectifique e que pida desculpas “e senón o fai, as mulleres deben de rectificalo o 25 de maio”.

O PSdeG propón a elaboración dun estudo sobre as posibilidades turísticas da pegada da minaría romana no leste de Ourense

Montefuerado_free_image

A deputada pola nosa provincia Carmen Acuña, vén de impulsa-la presentación dunha Proposición Non de Lei no Parlamento galego que instaría “á Xunta a iniciar, de xeito inmediato, un estudo sobre as posibilidades turísticas da pegada da minería” nas terras do leste de Ourense, tratando de unila á oferta a que xa se fai “dende as Médulas do Bierzo, e creando a ruta turística da minería romana polas terras da Galicia interior, Ourense e Lugo”.

Como exposición de motivos desta Proposición, se inclúen as seguintes consideracións:

A minería do ouro da época romana está moi presente en todo o territorio galego e, moi especialmente, ao longo do curso do río Sil. O maior expoñente da pegada desas explotacións é, sen dúbida, o paraxe das Médulas, Patrimonio da Humanidade dende o 1997, na comarca do Bierzo. Fascinante paisaxe, resultado dunha intensa e descomunal intervención mineira.

Durante máis de dous séculos, os romanos abriron as montañas e desprazaron o curso do río Sil para sacar ese mineral tan prezado das entrañas da nosa terra. É por iso que o das Médulas non é o único expoñente da enxeñería mineira romana nestas terras. Xa entrando no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a continuación desa explotación aurífera, nos podemos atopar con máis restos de explotacións, como as chamadas “meduliñas” de Caldesiños, en Viana do Bolo, xunto ao río Bibei, ou coa montaña furada de Montefurado, no Sil, ou mesmo cos Biocos de San Xoán de Río, perforando toda esa serra.

Só na comarca do Courel se descubriron máis de trinta minas romanas, e seguen aparecendo máis. Cicatrices vermellas que tamén sucan a comarca de Valdeorras, cuns trinta e cinco xacementos auríferos, sobre todo entre O Barco e Rubiá, e que provocan nos ollos observadores dunha persoa curiosa, evocadores e interesantes preguntas sobre a nosa Historia.

Todo este legado mineiro en torno ao ouro esperta moito interese na xente que atopa, na visita ás Médulas, paisaxe, historia e cultura, pero tamén aventura e, como non, gastronomía, sempre presente en Galicia, tamén no Bierzo. E tódolos anos, un volume importante de turistas visitan esas paraxes. Por iso, resultaría interesante captar a eses visitantes para que, dende Borrenes, no Bierzo, se introducisen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Poderían, así, continuar coa visita á antiga Roma a través da minería aurífera, xa que dentro dos límites de dito territorio tamén poden atopar exemplos claros dos diferentes sistemas que, adaptados ás características do terreo, usaron os antigos romanos para extraeren ese tan prezado mineral.

Seara pide no Congreso actuacións de protección do xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou nesa Cámara unha Proposición non de Lei coa que insta ao Goberno central a que “en coordenación coa Xunta de Galicia e o Concello de Parada de Sil, leve a cabo as actuacións necesarias de protección do xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova, en Parada de Sil, coas características apropiadas á contorna paisaxística e natural na que se atopa”.

A iniciativa socialista contempla que, entre outras accións, se acometa a adecuación do camiño dende San Lourenzo de Barxacova, unha pasarela perimetral de madeira e unha cubrición de vidro sobre as tumbas. Ademais, pide que estas actuacións de protección se complementen con medidas de promoción e posta en valor desta necrópole.

O xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova consiste nunha necrópole ao aire libre escavada na roca, que, aínda que datada entre os séculos IX e XI, pode remontarse a épocas anteriores dada a presenza de materiais máis antigos, como unha tégula romana. A compañeira lembra que “tódolos datos que se foron aportando ao longo dos traballos de escavación, revelan a importancia do xacemento e, polo tanto, a necesidade de protexelo e poñelo en valor”.

Na súa iniciativa, Seara sinala que, nestes intres, e dado o interese de expertos e visitantes, o Concello de Parada de Sil xa comezou a organizar visitas guiadas para divulgar este tesouro patrimonial, potenciando, ao mesmo tempo, os singulares valores paisaxísticos da contorna, especialmente os que xera o Canón do río Mao.

Así mesmo, a compañeira lembra que o Concello de Parada de Sil, co apoio da Deputación Provincial, xa levou a cabo unha intervención de urxencia, executada pola Escola de Restauración de Pontevedra e a Universidade de Cádiz. Porén, considera que “a protección deste xacemento require dunha intervención especial, que evite a deterioración que se detectou, debida aos condicionantes meteorolóxicos, que van erosionando as tumbas” que ata hai pouco “permaneceran baixo terra”.

Seara denuncia que o Goberno tivo paralizado o financiamento estatal ao ‘un por cento cultural’

Nunha resposta parlamentaria á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, o Goberno central recoñece literalmente que “entre as actuacións aprobadas pola Comisión Mixta Fomento-Cultura para o seu financiamento con cargo ao ‘1% cultural’, non constan actuacións que conten con anualidade para 2013, e para exercicios posteriores, na provincia de Ourense”.

O Goberno fala na súa resposta do acordo entre os Ministerios de Fomento e de Educación para subscribir un acordo de colaboración entrambos, para a actuación conxunta no Patrimonio Histórico a través do 1,5%, e di que “as solicitudes de financiamento con cargo aos fondos do 1,5% cultural que se reciban no período de transición, permanecerán en suspenso ata a sinatura do citado acordo e a publicación dos novos requisitos para a selección das futuras actuacións a financiar, sempre dacordo ás dispoñibilidades orzamentarias”.

Seara denuncia, xa que logo, que “o Goberno do PP tivo paralizado o financiamento do Estado ao 1% cultural para 2013 e para sucesivos exercicios”, e pregúntase “qué pasará agora“ que se asinou ese acordo entre Fomento e Educación hai uns días, “coas solicitudes de financiamento para proxectos da provincia de Ourense que estiveron paralizadas, e que o Goberno cualifica como de transitorias”.

Fronte á ausencia de financiamento con cargo ao 1% cultural por parte do Goberno do PP, a compañeira destaca que, segundo se recolle noutra resposta parlamentaria, o Estado destinou, nos dous últimos anos de Goberno socialista, máis de 700.000€ á provincia de Ourense con cargo ao 1% cultural, e que investiu máis dun millón de euros en bens de interese cultural na provincia. Respecto a Galicia, o investimento da última etapa de Goberno socialista en bens de interese cultural ascendeu a 3,1 millóns de euros, e a máis de 8,5 millóns de euros con cargo ao 1% cultural.

“A diferenza entre o investido co Goberno socialista, só nos seus dous últimos anos, por este concepto, e a paralización absoluta do Goberno do PP do financiamento ao 1% cultural durante todo un ano, é notoria; as cifras non enganan” destaca a deputada.

Por iso, recomenda á ministra Pastor e ao ministro Wert “que non presuman tanto de asinar hai uns días o esperado convenio para o 1,5% cultural; primeiro porque, efectivamente, houbo que esperar moito para ese convenio, e segundo, porque a realidade é que o financiamento estivo paralizado durante todo o 2013”.

Respecto das solicitudes de financiamento que estiveron paralizadas durante o que o Goberno do PP chama “período de transición”, Seara anuncia que presentará no Congreso unha batería de iniciativas parlamentarias para que se inclúan automaticamente entre as do novo 1,5% cultural. Así mesmo, advirte de que “veremos cantas solicitudes son aprobadas, cos novos requisitos que establece o acordo recentemente asinado, para aceptar o financiamento dunha actuación con cargo ao 1,5% cultural”.

“A ruptura da paz ingüística” en Galicia, a debate

A Secretaría Provincial de Cidadanía e Interculturalidade da Executiva Provincial do PSdeG, e XX.SS. de Ourense, organizan un Café-Debate aberto para analizaren a ruptura da paz ingüística producida en Galicia coa chegada de Núñez Feijóo á Xunta.

A cita será hoxe, xoves 17, ás 19:45h., no Café Isaac (R/Samuel Eiján 1 da cidade)

Noticia orixinal: http://xuventudesourense.blogspot.com.es/2013/10/a-ruptura-da-paz-linguistica-cafe.html

Evento en Facebook: https://www.facebook.com/events/223204514510021/?hc_location=stream

Cartel: https://scontent-a-ams.xx.fbcdn.net/hphotos-ash3/1016784_10200497017088562_963609312_n.jpg