Formación

Seara denuncia que en Ourense as bolsas para aprender un idioma estranxeiro diminuíron case un 84%

17/01/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denuncia que o número de beneficiarios ourensáns das bolsas para a aprendizaxe de idiomas estranxeiros para ensinos post-obligatorios non universitarios, diminuíu de 43 no ano 2011 á “ridícula cantidade” de 7 bolseiros no 2013, o que supón unha redución do 83,73%.

Así o confirmou o Goberno central nunha resposta parlamentaria á deputada na que o aquel recoñece tamén que a contía media das bolsas deste tipo outorgadas en Ourense pasou de 1818,60€ no 2011 a tan só 695€ no 2013, o que supón unha baixada do 61,7%.

Esta mesma resposta reflicte tamén que, no tocante a Galicia, o número de bolsas para aprender un idioma estranxeiro reduciuse do 2011 ao 2013, en case un 91% nos ensinos postobligatorios non universitarios, e que a contía media destas bolsas diminuíu nun 61,60%, pasando de 1784,65€ no 2011 a 685,27€ no 2013.

Seara sinala que “con estes datos, confírmase o desastre que a política de retallos en Educación está a provocar en Galicia, e concretamente en Ourense”, lembrando que “como vimos denunciando os socialistas, o discurso do ministro Wert nunca se corresponde coa realidade dos feitos: de pouco valen as falsas palabras que sempre predica relativas á importancia dos idiomas, da necesaria internacionalización do alumnado, da relevancia de estudar e investigar a nivel internacional, cando as políticas reais que implanta este ministro supoñen unha redución das bolsas en máis dun 60%”.

A compañeira subliña que iso, ademáis, se produce “nun contexto no que a crise afoga ás familias, mentres as políticas do PP incrementan a desigualdade social, e cada vez hai máis alumnos e menos recursos”.

Seara propón un plan demográfico que evite o despoboamento da provincia co 0,5% dos cartos do rescate de dúas autoestradas privadas de Madrid

25/10/2014
By

 

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, presentou onte en rolda de prensa as nosas emendas aos orzamentos xerais do Estado 2015 para a provincia de Ourense.

Seara sinalou que estes orzamentos retratan a un Goberno central “que minte” e apuntou que, para a nosa provincia, trátase duns orzamentos “maquillados, nos que a práctica totalidade do investimento se vai ao AVE”, a pesares de que, como “xa se demostrou”, é algo que o Goberno do PP logo non executa, chegando a un grao de incumprimento de ata o 40%”. Porén, considerando ao AVE como “unha infraestrutura básica”, a deputada anunciou a presentación de emendas socialistas por 2 millóns de euros para a estación intermodal na cidade, por 3 millóns para a liña de alta velocidade Ourense-Vigo, e por 2 a Ourense-Lugo.

Tamén no eido de infraestruturas, propoñemos destinar 10 millóns de euros para a supresión de pasos a nivel en Galicia, 1 millón para un plan de impulso do transporte de mercadorías por ferrocarril na nosa Comunidade Autónoma, e outras emendas para proxectos de melloras nas estradas N-120, N-525 e N-541 e as autovías A-76 e A-52, ao seu paso pola nosa provincia. No caso desta última, inclúese o seu enlace co parque ambiental de Carballeda de Avia, a pesares de que o PP abandonou a creación deste coa chegada de Feijóo á Xunta, posto que é un proxecto ao que, segundo Seara “non renunciamos”

Como cuestión esencial para a mesma, a compañeira indicou “a necesidade de evitar o despoboamento do territorio, que é o virus que rela incesantemente a Ourense”. Neste senso, apuntou que a nosa é “a terceira provincia máis envellecida da UE, cun 29,6% da poboación que supera os 65 anos”, e que “segundo as proxeccións do INE, no 2023 a provincia terá perdido 52 211 habitantes en vintesete anos”. Por iso os socialistas presentamos unha emenda de 10 millóns de euros para un Plan Demográfico para as provincias de Ourense e Lugo, cantidade que equivalería só ao 0,5% do que o Goberno central “destinará a rescatar dúas autoestradas de Madrid para salvar as empresas que as xestionan”.

Seara tamén reclamou, con outra emenda por 10 millóns de euros, distintas actuacións na Ribeira Sacra, entre outras, o apoio da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, sostendo que a zona “é un dos territorios con maiores recursos naturais, culturais e paisaxísticos, que a fan merecedora desta candidatura, pero ao tempo está afectada por un despoboamento que debe evitarse”.

Tamén no eido cultural e patrimonial, propoñemos destinar 3 millóns de euros á catedral de Ourense e a diferentes castelos, mosteiros e museos da provincia, así como a un Plan específico de apoio ás nosas denominacións de orixe vinícolas. Para o a posta en valor e recoñecemento do Camiño de Santiago de Inverno (por Valdeorras) propoñemos destinar 12 000€.

Verbo do termalismo, Seara presentará outra enmenda aos orzamentos estatais por un montante de 3 millóns de euros, destinada a posta en práctica dun Plan de Termalismo da provincia, outra de 500 000€ para o boulevard da cidade, e unha de 1,3 millóns para os regadíos d’A Limia.

A compañeira tamén presenta emendas de 850 000€ para os colectores e a depuradora de Castrelo do Val, de máis de 2 millóns para melloras diversas de carácter medioambiental e fluvial, e 350 000€ para o Convenio de Recuperación do Parque Natural do Xurés.

Seara tamén se referiu ás propostas socialistas a nivel nacional para estes orzamentos, baseadas no rescate financeiro a familias e autónomos, un Pacto contra a pobreza infantil, a reindustrialización a traverso dun Plan Nacional de Referencia apoiado na Formación Profesional, a suba do Salario Mínimo Interprofesional ata o 60%, unha Lei de Igualdade Salarial entre homes e mulleres, e a necesidade de poñer couto ás escandalosas retribucións de altos executivos. Sobre esta última cuestión, contrastou cos datos de que “en Ourense hai 149 000 persoas inactivas e 26 700 desempregados, dos que 2900 buscan o seu primeiro emprego”, e sinalou a presentación doutra emenda, por valor de 50 millóns de euros, para un Plan de Emprego para Galicia.

Tras incidir en que “estes orzamentos do Goberno do PP consagran o engano como forma de facer política e a desigualdade”, afirmou que “todas estas emendas non son un capricho, e poderían ser executadas perfectamente, se hai vontade”.

O PSdeG apoia a “implantación inmediata” do Grado de Enxeñería Física no Campus de Ourense

01/07/2014
By

Plataforma Enxe+¦er+¡a Ourense3-1

Membros da Plataforma ProCampus levaron hoxe a súa reivindicación sobre o Grado de Enxeñería Física ao Parlamento de Galicia, co apoio dos grupos da oposición.

O PSdeG apoia a “implantación inmediata” do devandito Grado no Campus de Ourense. “A indefinición para a súa posta en marcha só responde a unha decisión política da Xunta do PP”, asegurou noso Secretario Provincial e deputado autonómico Raúl Fernández.

Os representantes da Plataforma e esixiron “cordura” á Xunta para que a reunión do Consello Galego de Universidades do vindeiro día 11 aprobe a implantación deste título.

Fernández lembrou ao respecto que “a Xunta tiña considerados os argumentos para a súa implantación como suficientes; o Grado de Enxeñería Física xa existe en Cataluña e os socialistas temos presentado varias iniciativas para a posta en marcha do título”

No ano 2009, no contexto da posta en marcha do coñecido como Plan Boloña, a Licenciatura de Física non foi convertida a Grado no campus universitario da cidade, o que levou ao seu peche. No 2012, o TSXG anulou o peche e, en cumprimento da sentenza, propúxose a creación do Grado de Enxeñería Física. En outubro de 2013, a Universidade de Vigo remitiu á Xunta a proposta de implantación deste Grado, e o Goberno galego declarou en xaneiro “a pertinencia socioeconómica” do mesmo.

O noso compañeiro subliñou que a reivindicación “é un clamor na cidade de Ourense, e só unha decisión política do Presidente da Xunta e do conselleiro Jesús Vázquez impiden a súa implantación”.

Xornada formativa sobre Redes Sociais e Comunicación Política

05/03/2013
By

A importancia das Novas Tecnoloxías no noso quefacer político cotián, ven sendo subliñada xa durante anos. Pero estamos chegando a un punto no que a presenza en Internet, en especial nas Redes Sociais, está a mudar incluso o concepto de campaña electoral.
Xa que logo, é obxectivo da Executiva Provincial do PSdeG en Ourense contribuír a mellora-las súas aptitudes neste eido a tódolos seus militantes e simpatizantes que o desexen, tanto usuarios habituais de Redes Sociais, como principiantes.
Para elo celebraremos unha xornada formativa este sábado, día 9 de marzo, na nosa sede provincial, a partires das 11:00h. e durante o resto da mañá, baixo o título “As Redes Sociais na Comunicación Política”, e co seguinte programa:

- “Redes sociais e Institucións. Ferramentas de ciberactivismo político” (a cargo de José Rúas Araújo, Profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Vigo).
- “A experiencia do Movemento de Acción en Redes” (a cargo de Jorge Expósito Alcocer, Secretario Nacional de Redes e Innovación)
- Coloquio / respostas a dúbidas que se plantexen.

Os interesados poderán inscribirse enviando os seus datos persoais básicos, incluído o da súa Agrupación Municipal, á conta de correo cp-ourense@psdeg-psoe.org , antes das 19:00h. do día 8 de marzo.