Agricultura

Demandamos medidas reais para apoiar aos agricultores afectados pola seca, as xeadas e o pedrazo

28/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de presentar unha interpelación no seu Pleno para esixir “medidas reais” para que a Xunta apoie aos agricultores, afectados pola seca, as xeadas de abril e o pedrazo de agosto, sinaladamente da nosa provincia “epicentro do desastre agrario”.

Blanco, que compareceu cunha camiseta co lema “Zona Cero da sequía” que aos gandeiros non lles deixaron lucir no salón de Plenos, advertiu que o sindicato Unións Agrarias ten cifrado en máis de 14,5 millóns de euros as perdas para os viticultores derivadas das xeadas de abril e do pedrazo de agosto, mentres que o sector da castaña perdeu 1,5 millóns de euros polos mesmos fenómenos.

A compañeira denunciou que o goberno galego “ou descoñece ou lle da o mesmo” a situación destes profesionais, criticou que a Xunta limite a aprobación de axudas ás datas con eleccións autonómicas (como as de tipo directo aprobadas para a Ribeira Sacra en setembro de 2016), e reivindicou actuacións eficaces para salvar unhas explotacións que “corren o risco de arruinarse e desaparecer”.

Verbo da Conselleira, lembrou que non tivera “a intención de reunirse cos representantes dos gandeiros, agricultores e viticultores” máis alá de “facerse unha foto en Santiago con dous alcaldes da provincia anunciando axudas” para zonas determinadas alonxadas das máis afectadas, como O Ribeiro ou o oriente da provincia, e reclamoulle que “saia do seu despacho e se poña a traballar”.

E no tocante ás axudas para o fomento da contratación de seguros, a deputada afirmou que “son tan miserables que nalgúns casos non chegan nin a unha axuda de dous euros” (mentres a Xunta desbota aprobar liñas de crédito do IGAPE especiais para os afectados), e que están “lonxe de se-la solución” ao problema, mentres a banca non abra o crédito para estes profesionais, que “carecen de ingresos” suficientes para devolve-los préstamos, máxime tendo en conta o desastre que anticipa a seca.

A Conselleira de Agricultura non se reúne cos gandeiros e agricultores ourensáns afectados polas calamidades meteorolóxicas

06/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, criticou que a Conselleira do Medio Rural non se reunise “cos representantes dos gandeiros e agricultores ourensáns afectados polas graves condicións climatolóxicas”, amosando, ao “pasar de largo”, unha “escandalosa” “falla de diálogo” e “prepotencia co sector”.

Blanco vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas nas que lle reclama á Xunta axudas para os viticultores e gandeiros ourensáns que este ano tiveron que soportar a seca, as xeadas de abril, e o pedrazo do pasado 27 de agosto, que danou gravemente aos cultivos. As perdas dos viticultores, dacordo coas organizacións agrarias, poden supera-los 14 millóns de euros, nun ano no que, “en moitos casos non terán ningún ingreso, e si un incremento dos gastos de entre o 10 e o 15% para coidar a segunda brotación das vides”. En calquera caso, a situación esténdese ás producións de castaña, gandería de carne ou apicultura, tamén afectadas polas xeadas e a falla de chuvias.

Por iso a nosa deputada lle reclamou á Xunta que poña en marcha axudas directas para os viticultores, que inclúan:

- compensación polas perdas de produción previstas e permitan a recuperación no seguinte ciclo produtivo

- liñas de crédito do IGAPE para que as explotacións gandeiras e vitícolas poidan facer fronte aos gastos

- un plan urxente contra a seca consensuado coa FeGaMP e organziacións ecoloxistas e agrarias

- a intervención do Goberno central con bonificacións do 90% das cotas á Seguridade Social por parte dos viticultores e gandeiros afectados, a redución dos módulos de Facenda para os sectores afectados e a declaración de zona catastrófica nos núcleos máis afectados

En canto á atitude da Conselleira, a compañeira abundou reclamándolle que se esforce menos en “disparar dialecticamente contra tódolos que lle pedimos que faga o seu traballo”, e máis en “responsabilizarse da situación e acordar un plan con medidas concretas de axuda aos agricultores e gandeiros que ven o seu modo de vida en perigo”.

Os socialistas de Xinzo lembran no Concello que a nova modificación da Lei do Solo que pretende a Xunta prohibirá a ampliación e modernización das explotacións agrarias

10/04/2016
By

A advertencia foi feita por Elvira Lama, voceira do Grupo Municipal Socialista en Xinzo, e deputada provincial socialista; logo de que o Grupo presentase no Concello unha moción instando a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a modificar a disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016, do Solo de Galicia, que pretende prohibi-la ampliación das explotacións agrarias rurais.

A compañeira advirte de que “é un despropósito para A Limia”, dadas as súas “especiais características socioeconómicas e morfolóxicas”, con “explotacións agropecuarias moi vinculadas aos núcleos rurais, e mesmo incluídas neles”.

“Na súa redacción actual, prohíbense as ampliacións das explotacións existentes nos núcleos rurais, limitando as mesmas ao solo rústico”, lembrou Lama, quen tamén apuntou que esta diferenciación semella “penalizar aos municipios que teñen un importante número de explotacións en este tipo de solo, as cales con esta nova lei non se poderán modernizar nin ampliar”, e sinalou que esa disposición tamén “evidencia moitas lagoas na súa redacción, en canto ás explotacións que, polo seu tamaño, estean edificadas parte en núcleo rural e parte en solo rústico”.

Lama denunciou que “ao PP non parece preocuparlle moito a economía motor do noso concello, xa que non teñen ningún problema en poñerlle máis trabas burocráticas a unha actividade e a un sector, que xa de por si non atravesa polo seu mellor momento”.

A voceira socialista destacou que a norma “limita o volume das posibles ampliacións a un máximo do 50% do orixinario da edificación nas explotacións situadas en solo rústico e que non cumpren os parámetros recollidos no artigo 39 da lei”, polo que, aparte da “enorme limitación á hora de acometer unha ampliación” que supón o feito de que non se defina en ningures “qué se debe considerar ‘volume orixinario’ “, constitúe problema maior o de que “pola experiencia que temos nos concellos rurais galegos, a maior parte das explotacións, cando solicitan unha licenza de ampliación, superan ese 50%”.

Xornada sobre a revisión catastral no rural

08/03/2016
By

Este xoves, día 10, celebraremos unha Xornada Informativa provincial sobre a revisión catastral e a súa repercusión no I.B.I. das explotacións agrícolas e gandeiras

Exercerá de ponente o voceiro socialista na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia, Pablo García

O evento terá lugar a partires das 19:30h. na sede provincial.

Noela Blanco insta á Xunta a asumi-la titularidade transitoria de instalacións cooperativas para asegura-la comercialización do pemento de Arnoia

04/03/2016
By

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que asuma, de xeito transitorio, a titularidade das instalacións da cooperativa San Salvador. Esta entidade é a encargada da distribución e comercialización do pemento de Arnoia, e vén de ser disolta.

A deputada reclama que o goberno galego impulse a constitución dunha nova cooperativa a curto prazo “que siga desenvolvendo a labor de comercialización deste produto”; e sinala que o peche da cooperativa “pode supoñe-lo estancamento ou redución das posibilidades de mercado do sector, ao dificultarse a posta en contacto dos produtores con empresas de cara á próxima campaña de venda do pemento, que comeza en xullo”.

A compañeira Propón que a Xunta se reúna “de forma inmediata” cos produtores implicados para buscar unha alternativa á disolución da cooperativa” para evitar que acabe “en mans privadas”; e explica que a devandita disolución supuxo que o Concello de Arnoia asumira a débeda de 18 000 € que mantén logo do seu peche, quedándose ao mesmo tempo coas instalacións da entidade. Blanco e reclama agora da participación do goberno galego para corresponsabilizarse na continuidade desta Indicación Xeográfica Protexida.

250px-Pementos_recheos_tortilla_1

Seara denuncia que Ourense sufriu máis de mil setecentas subtraccións en explotacións agrícolas e gandeiras nos últimos tres anos, e só se esclarecen un 10%

19/03/2015
By

Tras recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central, a deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, denuncia que “Ourense é a provincia galega con maior número de roubos no campo, e só se resolve o 10% dos mesmos”.

Dita resposta do Goberno central sinala que, na nosa provincia, se produce unha media de 570 subtraccións por ano en explotacións agrícolas e gandeiras, cun total de 1736 nos últimos tres (628 no 2012, 621 no 2013 e 487 no 2014).

Seara critica que “malia este elevado índice de delitos no campo ourensán, no 2012 só se esclareceu o 10,3% deles, no 2013 un 12,8%, e no 2014 un 10,4%. Xa que logo, a deputada opina que “non só é preocupante o altísimo volume de delitos que se producen no rural ourensán, senón que, ademais, as cifras reflicten que “cada ano fica sen resolver un número máis alto dos mesmos”, polo que considera que estes datos son “contrarios ao que cabería esperar trala creación na provincia, hai pouco máis dun ano, dos equipos especializados en roubos no campo, ‘ROCA’ ”. A deputada, apunta que “aínda que, dende creación, en decembro do 2013, dos equipos ‘ROCA’, o número destes delitos no campo ourensán diminuíu, aumentou, con todo, do 2013 ao 2014 o número deles nos que non se acha aos culpables”. De feito, segundo a resposta do Goberno central, a porcentaxe de delitos no campo esclarecidos na nosa provincia ten tendencia á baixa dende o 2010, cando se resolveron un 13,9% dos mesmos.

A deputada ourensá compara e reflicte que “no resto de provincias galegas, a porcentaxe de delitos no campo resoltos non é moito mellor, pero si é moito menor o número de roubos que se producen”. Así, no 2014, fronte aos 487 en Ourense, en Lugo, houbo 46. E incluso nas provincias atlánticas, a comparación resulta rechamante, con 71 casos n’A Coruña e 96 en Pontevedra.

Seara reproba que o Goberno central recoñecese na súa resposta que “o número de equipos ‘ROCA’ e a súa composición non é fixo”, que “partindo dun mínimo de dous efectivos e, dependendo das necesidades operativas de cada momento e da evolución desta tipoloxía delituosa, fórmanse os equipos cos axentes necesarios para cumprir eficazmente a súa misión”, e que “a súa distribución territorial dentro de cada provincia tamén é obxecto de actualización en virtude da evolución e do desprazamento xeográfico da actividade criminal”. Para a deputada, iso “non é suficiente, pois estamos ante o maior incremento da Historia en infraccións penais nas explotacións agrícolas e gandeiras”, engadindo que “aínda que no 2014 diminuíu algo o número de delitos, a cifra segue sendo desmesurada e intolerábel”.

Por iso, lle pide ao Goberno central “que estude qué está a fallar” e “que realice mellor planificación, para que diminúa o número de delitos no campo ourensán e aumenten os que se resolven”.

Seara pide actuacións para dar solución aos problemas de enchentes e mala calidade das augas do río Arnoia ao seu paso por Vilar de Barrio

17/03/2015
By

A deputada socialista no Congreso por Ourense, Laura Seara, rexistrou na Cámara baixa unha iniciativa parlamentaria coa que lle pide ao Goberno central a realización de actuacións para dar solución aos danos causados pola enchente do río Arnoia ao seu paso por Rebordechao (Vilar de Barrio), así como á situación alertada polos veciños da localidade de Arnuide, no mesmo concello, respecto de a dubidosa potabilidade do auga e ata a falta de fornezo a consecuencia das enchentes do río.

Na súa iniciativa, a deputada sostén que os veciños da zona nos trasladaron “a situación de alerta existente pola mala calidade das augas do río Arnoia ao seu paso polo concello de Vilar de Barrio, sobre todo durante os meses de verán do 2014”, ao que “se engade que o desxeo do río nos meses de xaneiro e febreiro deste ano xerou numerosas perdas no concello, especialmente na parroquia de Rebordechao, despois de que a subida do nivel do auga provocase estragos na estrada de acceso ao pobo, e esnaquizase leiras de cultivo e pastoreo”.

A deputada apunta que en Arnuide, “existe unha seria preocupación respecto de a potabilidade da auga, e ata os veciños se quedan sen fornezo de auga” da traída “cando hai enchentes do río”.

Respecto de a localidade de Rebordechao, Seara indica que “a rotura da presa provocou a inundación dos cultivos e impide o paso a numerosas leiras, o que botou por terra o traballo dos labregos”.

A deputada destaca que estas denuncias dos veciños contradinse cunha resposta do Goberno central á propia Seara, do pasado mes de setembro, na que o Executivo afirmaba que “o río Arnoia conta con tres masas de auga que se atopan en bo estado”, e que o Ministerio, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “levaría a cabo actuacións encamiñadas á conservación e mantemento do dominio público hidráulico das marxes do río Arnoia, segundo as necesidades que se fosen detectando”

Seara reprocha que “as denuncias dos veciños poñen de manifesto que se detectaron ditas necesidades e, con todo, nin o Concello nin a Xunta, aos que aqueles se dirixiron sen éxito, nin o Goberno central, están tomando ningunha medida”.

Seara reprocha ao Goberno central que non conteste no Congreso dos Deputados, pero vaia ao encoro d’As Conchas a “vender” actuacións “de atrezzo” que non solucionan o problema da súa contaminación

11/03/2015
By

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, critica que “o PP case en pleno -delegado e subdelegado do Goberno, presidente da Deputación, delegado da Xunta, presidente da CHMS e alcaldes de Bande e Muíños- foi ao encoro d’As Conchas a facerse a foto e a ‘vender’ actuacións de atrezzo que non solucionan o problema de contaminación que sofre o encoro e o río Limia”.

Seara considera que “esta visita en masa de membros do PP ao encoro prodúcese trala denuncia que os socialistas fixemos no Congreso dos Deputados, hai apenas dúas semanas, sobre o problema de contaminación existente no val do Limia e a preocupación social por este asunto”, e critica que “vaian respondernos ao encoro d’As Conchas con atrezo, en lugar de facelo no Congreso” e que “as actuacións que o PP foi a ‘vender’ á zona -vestiarios, piscinas municipais e aparcadoiro- poden ser positivas como medidas turísticas e de ocio alternativas para o baño ante a contaminación no encoro, pero non solucionan o problema; e o verdadeiro problema é a contaminación difusa existente na bacía do Limia; unha contaminación que o propio Goberno recoñeceu en respostas parlamentarias pero á que non ofrece ningunha solución”.

Fronte a esa atitude, a deputada plantexa que “son necesarias actuacións urxentes de recuperación do sistema fluvial do río Limia, e non é suficiente coa instalación ‘dentro duns meses’ de tres illas vexetais no encoro, nin con dicir que as últimas análises non detectan cianobacterias”, xa que “as temperaturas baixas do inverno favorecen que non se vexan” as mesmas, pero estas “son acumulativas, e as altas temperaturas vindeiras poden provocar unha nova explosión” destes organismos, “como a xa sufrida na zona portuguesa do val no verán do ano pasado”.

Ente as actuacións necesarias, Seara sinala que o Goberno central “debe explicar cómo se resolverán os verquidos agrogandeiros”. Como solución, propón a posta en marcha de actuacións de boas prácticas agroambientais que apoien un equilibrio entre o desenvolvemento agrogandeiro e a sostibilidade ambiental. Así mesmo, a deputada defende que se habiliten subvencións aos produtores agrogandeiros da bisbarra, para que poidan adopta-las súas plantas e instalacións á sostibilidade ambiental.

Respecto da actuación anunciada polo PP sobre as piscinas municipais en Muíños, Seara pregunta ao Goberno central “se se realizarán con cargo ao proxecto de recuperación ambiental ‘Regenera Life’, cuxos fondos deben destinarse a soluciona-la contaminación, e non a ofrecer alternativas de baño”. Neste senso, a deputada engade que “ao PP lle gusta moito ir a anunciar inauguracións e obras, pero non ofrece solucións á contaminación no encoro e no río, e tampouco deixa claro aos veciños que non corren ningún perigo e que as augas están saneadas para uso agrícola, doméstico e de baño”. Seara resúmeo do seguinte xeito: “en ningún caso resolven a ameaza á saúde pública”.

Raúl Fernández e Laura Seara explicaron as nosas propostas no Debate sobre el estado de la Nación para unha recuperación xusta de Ourense

28/02/2015
By

O secretario xeral provincial, Raúl Fernández, e a deputada no Congreso, Laura Seara protagonizaron esta mañá unha rolda de prensa para valora-los resultados do “Debate sobre el estado de la Nación” deste ano.

Fernández, que mostrou a súa confianza en que tivera sido “o último de Rajoy como presidente” lembrou que este prometera acabar co paro e crear tres millóns de postos de traballo, e hoxe hai 548 000 empregos menos e 144 000 empresas pechadas máis; que prometera acabar co endebedamento público, e hoxe este ascende ao 100% do PIB, que prometera non retallar na Sanidade, a Educación nin nas pensións, e o que fixo foi introducir copagamentos, retalla-las bolsas e baixa-lo valor das pensións.

Pola súa banda, Laura Seara acusou ao PP de aplicar de novo o rolo parlamentario. Así, das cento vinte resolucións presentadas por tódolos grupos parlamentarios do Congreso, o PP só aprobou dezanove: as súas quince propias, tres de CiU, e unha de UPN.

Para Seara, “Rajoy ocultou os seus propósitos durante estes anos, e agora quere convencernos de que estas novas promesas si se cumprirán.; pero non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo”. Fronte a elo, sostivo que o PSOE “presentou unha axenda para unha recuperación xusta, unha alternativa completa ás políticas económicas, sociais e de rexeneración institucional e democrática do goberno do PP”, manifestando a súa convicción de que “o futuro debe ser unha esperanza, nunca unha ameaza; e fronte á resignación que ofrece a dereita, os socialistas queremos oportunidades que eviten que se cree unha nova xeración perdida de xóvenes que teñan que seguir emigrando en busca dun futuro mellor lonxe do seu país, e oportunidades que eviten que os maiores de corenta e cinco anos que perderon o seu emprego. se convertan nunha xeración esquecida”.

Ambos compañeiros criticaron que o PP votara en contra de propostas socialistas para que se subise o salario mínimo, se derrogase a reforma laboral, se suprimisen os copagamentos sanitarios e se revalorizaran as pensións. Tamén criticaron con dureza que o PP rexeitase un Plan contra a Pobreza e unha Lei de Segunda Oportunidade que free os desafiuzamentos. Así, Seara recriminou ao PP as súas mentiras respecto a esta última Lei, que o Goberno central anunciou, xa que “na proposta do Goberno non hai nin segunda oportunidade, nin dación en pago nin se quitan as cláusulas-chan, porque primeiro che quitan todo e despois fan unha exoneración temporal da débeda , pero cando xa perdiches todo”, explicou.

Entre outras resolucións presentadas polo PSOE e que o PP rexeitou, estaban: elaborar unha lei de igualdade salarial entre homes e mulleres, que non se modificase a lei do aborto, a prohibición de indultos por corrupción política, potencia-la universidade pública, derroga-la LOMCE e frea-las carreiras de tres anos, e a que pedía que se remitise ao Congreso dos Deputados un proxecto de Lei de Tarifas Eléctricas de Regadíos que regulase, entre outras cuestións, un IVE reducido para as Comunidades de Regantes, e o establecemento de contratos de tempada.
,

Seara pide a comparecencia da ministra de Medio Ambiente e do secretario de Estado pola situación do embalse das Conchas e o Río Limia

25/02/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, pediu na Cámara Baixa que comparezan tanto a ministra de Agricultura como o secretario de Estado de Medio Ambiente pola situación de deterioro na que se atopa o embalse d’As Conchas e o Río Limia.

Seara denuncia a existencia de contaminación difusa en toda a bacía do Limia e apunta que “o propio Ministerio recoñeceu nas súas respostas parlamentarias que hai seria contaminación difusa na comarca d’A Limia; é máis recoñeceu que era un tema prioritario e respostoume que era necesario reduci-la presenza de nutrintes neste sistema fluvial, fundamentalmente de orixe gandeiro”.

Seara abunda no feito de que “tódalas reunións técnicas que se celebraron, recoñeceron a situación de contaminación do embalse d’As Conchas e do río Limia”, pero considera que “o problema vén de moi atrás”, xa que o 30 de abril do 2012, a Comisión de seguimento do embalse d’As Conchas abordou medidas preventivas para palia-los efectos das cianobacterias no mesmo. Unha contaminación nada natural, toda vez que o propio Goberno central apunto, segundo tamén lembra a deputada, que “no embalse d’As Conchas, as actividades antrópicas son as que deron lugar a unha contaminación difusa e global repartida por toda a bacía”.

Seara pon de relevo que “esta bacía se atopa nunha contorna de grande valor medioambiental (zona LIC, Parque Natural do Xurés, Rede Natura e zona ZEPA), e critica que “malia as máximas proteccións medioambientais, a bacía está nunha situación máis que preocupante, e o Limia é un dos ríos máis contaminados de Galicia”.

Por iso, a deputada, reproba “o manto de silencio” por parte do Goberno central verbo da “contaminación desta zona, sobre a que existe “unha grande preocupación cidadá e denuncias constantes”. Neste senso, reclama ao Ministerio que explique “cales son as actuacións” que ten en marcha para mellora-lo embalse d’As Conchas e a súa contorna co proxecto ‘Rexenera Life’, de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do embalse, xa que, reprocha se sacan “moitas fotos, pero existe un total escurantismo sobre as actuacións e, sobre todo, sobre a situación de contaminación do río e do embalse”.