Política municipal

Quintas acusa a Baltar de xestiona-la Deputación de xeito “clientelar, dilapidador e dañino para os ourensáns”

A deputada socialista no Parlamento galego e Secretaria de Organización da Executiva Provincial, María Quintas, fixo dita declaración na comparecencia do presidente da Deputación na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia, onde advertiu que o gasto en persoal da institución provincial supón un 42,5 por cento do orzamento dese ente.

Quintas sostivo que Feijóo é “colaborador necesario por acción e omisión” das prácticas de Baltar, xa que “leva abrazado ao caciquismo e ás irregularidades” dende o principio. Denunciou que “o PP utilizou aos ourensáns para os seus fins particulares”, mentres Ourense renuncia de xeito inequívoco ao futuro, con 30 407 desempregados en 2012, un 8 por cento máis que no 2011, e con 13 000 persoas sen ningunha prestación económica.

A compañeira explicou que cada ourensán terá que pagar 92 euros para financia-los salarios dos “enchufados” por Baltar na Deputación, un gasto en persoal que nas outras tres provincias galegas é de 49 euros. Criticou que o actual presidente da Deputación teña utilizado os orzamentos para financiar un “entramado caciquil presuntamente corrupto” en lugar de para mellora-la situación económica da provincia, e o feito de que, nin Baltar nin os seus vicepresidente manteñan os seus salarios intactos, mentres o 80 por cento dos orzamentos da institución provincial para este 2013 é destinado a gasto improdutivo, co que resta tan só un 15 por cento para investimentos na provincia.

A nosa Sª de Organización tamén denunciou que dende o PP teñan feito da Deputación “un instrumento inservíbel”, mentres “por decreto, malgastan o diñeiro dos ourensáns para favorecer intereses persoais e electorais”, e utilicen “as vidas dos traballadores como coartada para dar solución ao despilfarro fachendoso da familia”, enganando ao anunciar que a Deputación sexa a primeira en aplicar un ERE, cando está a crear novas prazas, como a dun “asesor técnico da presidencia, cun custe de 80 000 euros ao ano”.

Quintas criticou a “frivolidade desmedida” de Baltar ao anunciar axustes de persoal, cando mantén a 76 persoas cun custe de entre 50 000 e 60 000 euros ao ano, ou cando no Inorde, cun orzamento dun millón de euros, 893 000 están destinados a persoal, e 3000 a investimento. Explicou que o presidente e o xerente deste último organismo custan 150 000 euros cada ano.

A compañeira advertiu que a Deputación de Ourense, con Baltar á cabeza, “bate récords negativos”, como o de ter unha débeda que rolda o cen por cen, o de ser unha das deputacións de España con mais empregados por habitante, a que ten mais traballadores eventuais, e a que conta con mais empregados con cargos no PP ou familiares destes, xa que tan só 13 dos 700 empregados non teñen relación directa con este partido.

A deputada tamén denunciou que o presidente da Deputación “impide a transparencia e a legalidade nunha institución pública que é de todos, agochándose detrás dos votos maioritarios do Grupo Popular herdado do seu pai, ao pecha-las portas á creación dunha comisión que investigue as contratacións” da institución; e lembrou que o rexeitamento a esta comisión foi irregular, por apoiarse nos votos de deputados con interese persoal, xa que “só un dos quince membros do grupo de goberno da Deputación de Ourense cumpría o requisito”.

A Sª Provincial de Organización comezou esta intervención no Parlamento enviando un saúdo ao alcalde saínte de Vilamartín, que tivoque enfrontarse a unha moción de censura auspiciada por Baltar, utilizando “artimañas” para “quebra-la vontade popular”.

 

Xornada de asesoramento para concelleiras e concelleiros

portadaRegimenLocalO vindeiro sábado, 12 de xaneiro, terán lugar as primeiras sesións de asesoramento sobre temas de xestión municipal, dirixidas a concelleiras e concelleiros do Partido, membros das executivas locais e, en xeral, a calquera militante interesado. Trátase dunha xornada de resolución de dúbidas, a cargo dun equipo técnico, así como membros do Partido con experiencia en cargos municipais.

Haberá dúas sesións, en Ourense e Ribadavia, para facilitar a asistencia dende diferentes comarcas:

Comarcas de Bande, Caldelas-Trives, e Ourense: 10:00 na sede provincial
Comarcas de Carballiño-Ribadavia e Celanova: 16:00 na casa da cultura de Ribadavia

Nos vindeiros meses organizarase esta mesma xornada para as restantes comarca, en diferentes puntos da provincia, co fin de facilitar a asistencia dos compañeiros e compañeiras de todas as agrupacións. Avisaremos aos coordinadores comarcais e ás agrupacións con antelación.

Os socialistas personarémonos na querela da Fiscalía contra Baltar para desvelar toda a trama de corrupción do PP na nosa provincia

nuevo-1

O Secretario Provincial do PSdeG-PSOE, Raúl Fernández, o voceiro socialista na Deputación Provincial, Ignacio Gómez, e a secretaria de Organización da Executiva Provincial e deputada autonómica, María Quintas, veñen de ofrecer, en rolda de prensa a valoración dos socialistas galegos en relación ao anuncio do Fiscal-Xefe de Ourense de tramitar una querela contra José Luis Baltar por prevaricación, creando un estado clientelar na Deputación de Ourense de xeito continuado.

O Secretario Provincial lembrou que esta acción da Fiscalía ten como punto de partida as denuncias que dende hai vinte anos vimos facendo os socialistas en relación aos métodos de contratación na provincia de Ourense, e máis concretamente nas elevadas o 15 de xuño e o 28 de febreiro do 2010. Estas coinciden co proceso congresual do PP, no que houbo a oposición interna ao candidato Manuel Baltar, encabezada por Jiménez Morán.

Na rolda de prensa, os socialistas fixemos fincapé, en verbas de Ignacio Gómez, na “inxustiza social” que supón a devandita situación. O portavoz na Deputación afirmou que “parece claro que centos de cargos públicos e institucionais foron contratados na Deputación”, provocando unha “perversión da propia democracia e de resultados electorais”.

Raúl Fernández sinalou neste senso que, ao contrario que noutras provincias, na de Ourense, “non coñezo ningunha academia que publicite formación para as prazas que saen na Deputación”. Ambos dirixentes socialistas coinciton en centra-la súa preocupación nos centos de ourensáns que “teñen que colle-la maleta” mentres outros, por só ter vinculación co PP, desfrutan de soldos de 40 000 e 50 000€.

Gómez anunciou que, respectando os tempos da Xustiza, o PSdeG-PSOE se se persoará na causa, para ter acceso á información sobre o desenvolvemento do proceso, que se podería estender tamén ás contratación feitas xa por Manuel Baltar, actual Presidente da Deputación. Algo moi factíbel, a xuízo do noso voceiro nesa institución, porque “continúa o mesmo modus operandi” respecto a persoas afíns ao PP, ou ben inmersas nun “intercambio de cromos, polo cal se intercambian postos na Deputación a fillos de alcaldes e responsables de mancomunidades, a cambio da colocación neses concellos de persoas afíns ao PP”, segundo denunciou.

Pola súa banda a Secretaria de Organización provincial, María Quintas, anunciou que o PSdeG-PSOE “irá, concello a concello, ‘chiringuito’ a ‘chiringuito’, facendo un estudo pormenorizado” para engadir novos casos á causa recentemente aberta. A parlamentaria socialista está convencida que “esto non afecta só á familia Baltar, senón que se trata dunha trama corrupta perfectamente organizada polo PP en Ourense” para pagar favores con cartos públicos, e que está avalada polos presidentes Rajoy e Feijóo.

A investigación da Fiscalía a Baltar por enchufar a cento quince persoas é só a punta do iceberg do entramado caciquil do PP na nosa provincia

O Voceiro socialista na Deputación, Ignacio Gómez, e a Secretaria de Organización da Executiva Provincial e deputada autonómica, María Quintas, veñen de manifestar a satisfacción dos socialistas pola decisión da Fiscalía de tramitar a denuncia do PSdeG de Ourense por prevaricación contra que fora presidente da Deputación e do PP de na provincia, José Luis Baltar.

“Os socialistas levamos vinte anos denunciando estas prácticas na provincia, polo que valoramos a decisión da Fiscalía ourensá”, afirma Gómez, que confía en que esta actuación, orixinada nunha denuncia do PSdeG de Ourense interposta no 2010, contribúa a rematar cunha práctica caciquil estendida por toda a provincia durante dúas décadas.

O caso ao que se refire a denuncia, a contratación presuntamente irregular de 115 persoas no días previos ao último congreso provincial do PP -que derivou no triunfo da familia Baltar sobre o candidato apoiado por Feijóo e Rueda-, “é só a punta do iceberg do entramado de corrupción organizado pola familia Baltar en Ourense”, en palabras de Quintas.

A nosa Secretaria de Organización provincial denuncia que este tipo de prácticas é habitual en toda a provincia, e son executadas polos rexedores populares dende hai moitos anos, polo que podermos “imaxinar ata onde se estende a rede tramada por esta familia”, dixo en relación á reiterada denuncia socialista do réxime caciquil imposto polos Baltar.

Os socialistas esiximos a Feijóo, ao que consideramos cómplice, unha reacción do PP de Galicia consecuente coa gravidade dos feitos. “Estas cento quince contratacións servíronlle a Baltar para gaña-lo congreso provincial do PP, pero saben que son centos as persoas que meteron nas institucións que gobernan na provincia de Ourense, polo mesmo método caciquil”, acusou Quintas.

O grupo socialista do Pereiro presentou mocións para axudar ás familias con escasos recursos económicos.

O PSdeG de Pereiro presentou varias mocións para axudar ás familias con escasos recursos económicos e nenos ao seu cargo.

Ver a nova completa en El Faro de Vigo