Medio Ambiente

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia reclama un estudo paisaxístico integral do parque do Toural no que o PP pretende facer unha gran tala de árbores

17/03/2017
By

Os socialistas queren este documento despois de saber que o grupo de goberno local do PP vai talar árbores e arrincar arbustos nunha das marxes do parque

Elvira Lama denuncia a incompetencia do goberno ó non contar co asesoramento axeitado para acometer este tipo de intervencións nun concello falto de espazos verdes

Ourense, 17 de marzo de 2017. Un estudio concreto e detallado que delimite as necesidades do parque do Toural. Iso é o que reclama voceira dos socialistas no Concello de Xinzo de Limia, Elvira Lama, ó goberno de Antonio Pérez. “Queremos que se faga un estudo paisaxístico integral do parque do Toural, de cara a substituír as  15 árbores mencionadas nos informes, así como os arbustos rastreiros que medran nas marxes”, explica Lama. Dende hai meses a intención do goberno local de Xinzo é talar as árbores da marxe da rúa Alexandre Bóveda, por perigo de caída, así como levantar as especies que están a xusto na beirarrúa; unha decisión que non comparten os socialistas, xa que non se comprende a tala de árbores nunha vila con poucos espazos verdes como unha boa solución.

Dende o PSdeG-PSOE indican que pediron ó alcalde un estudo por parte dos especialistas na materia, como poden ser enxeñeiros forestais. Nembargante, a resposta foi un escueto informe da Deputación provincial, confirmando a decisión do alcalde. No mesmo escrito solicitaron o aproveitamento das especies que decidan retirar e que se poidan plantar noutros espazos públicos, noutros lugares e pequenos parques de titularidade pública, tanto da vila como dos pobos.

O grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia cre que a mellor forma de acometer reformas deste tipo nun parque é pedir asesoramento en temas forestais e de xardinería, pois somentes uns especialistas axeitados poderán deseñar o que se debe ou non substituír e as especies mais axeitadas a longo prazo. “Un parque non pode ser deseñado a base de parches ou de ideas ocorrentes do concelleiro de turno, que na maioría dos casos non sabe do tema porque non é a súa profesión” afirma Lama.

Os espazos públicos merecen, segundo os socialistas, “un trato exemplar por parte dos responsables do concello, trato que non se esta a dar en ningún dos parques de Xinzo, por moitos remendos e parches que lle queiran botar”.

 

Os socialistas d´O Bolo denuncian no xulgado ó alcalde do PP por bloquear durante unha década solucións para potabilizar a traída de auga dunha aldea

17/02/2017
By

O servizo de control de riscos medioambientais da Xunta de Galicia ditaminou que a agua que beben os veciños e veciñas non é apta para consumo debido a parámetros microbiolóxicos

 O Valedor do Pobo abriu tres expedientes para investigar o asunto e o alcalde recoñeceulle por escrito que non adoptou ningún acordo para solucionar o problema

 

 Ourense, 16 de febreiro de 2017. Os socialistas do Bolo acaban de denunciar no xulgado unha nova falcatruada do alcalde do PP, Manuel Corzo. Desta vez, os feitos afectan directamente ós veciños e veciñas do Cruceiro das Ermitas, xa que o rexedor “obstrúe sistemáticamente a potabilización da auga” dende hai unha década, segundo se explica polo miúdo na denuncia rexistrada no xulgado de Trives, na que, ademais, se relata o carrusel de reclamacións dos habitantes da zona a diversos organismos e o propio concello sen que ninguén faga nada, a pesar de que diferentes analíticas destaparon que auga dos mananciais da zona non é apta para consumo humano por superar oS parámetros microbiolóxicos máximos.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou mediante unha carta remitida a unha veciña o seu “compromiso”, pero tamén lle recorda que se trata dun asunto de competencia municipal. “As queixas non foron atendidas durante máis de nove anos e o rexedor puxo todo tipo de trabas”, relata a denuncia, antes de recordar que o Valedor do Pobo abriu tres expedientes para investigar os feitos.

Por outra banda, en 2014, o servizo de control de riscos medioambientais da Xunta de Galicia ditaminou que a agua dos mananciais que abastecen os habitantes da zona non é apta para consumo humano, xa que superan o parámetros microbiolóxicos máximos. O rexedor do PP xa coñecía esta grave situación de risco para a saúde a través de informes analíticos encargados polos veciños e veciñas ó Colexio de Farmacéuticos de Ourense. “O alcalde dedicouse a torpedear sistemáticamente o expediente para levar adiante a potabilización da auga”, insiste a denuncia.

Tras presentar numerosos escritos mediante rexistro e despois de levar o asunto ó pleno municipal en varias ocasións, a veciñanza está farta de ser ignorada polo alcalde, e por iso o PSdeG-PSOE decidiu levar novamente ante a xustiza o alcalde xa imputado por presunta prevaricación. Incluso se fixeron xestións coa Sociedade Provincial de Aguas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense sen ningún resultado tácito por parte do goberno local do Bolo, que incluso recoñeceu ó Valedor do Pobo, mediante un escrito datado o 19 de decembro de 2016, que “non se adoptou ningún acordo sobre a subministración de auga ás Ermitas”.

 

Os Socialistas da comarca do Carballiño acoden á área afectada polo incendio que sacudiu ao Concello de Boborás, na semana pasada.

19/09/2016
By

Dende Brués, esixen un cambio inmediato na política forestal e de loita contra os incendios da Xunta, baseada na extinción e non na prevención.

A candidata ao Parlamento de Galicia, María Quintas, declarou que: “Galicia rexistra a metade dos incendios forestais do Estado e Ourense, en concreto, a metade dos de Galicia, namentres isto acontece, a Xunta segue sen desenvolver políticas activas de aproveitamento dos nosos montes”.

IMG_5830

O sábado pasado, pola tarde, os compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista de Boborás, convidaron ao resto dos compañeiros  da comarca do Carballiño así coma á candidata ao Parlamento de Galicia e S.O. provincial, María Quintas a realizar un recoñecemento da área afecta polo gran lume que afectou á zona de Brués, entre outros lugares do Concello de Boborás, na semana pasada. A desolación que produce a visión da zona arrasada polas lapas só é comparable ao pánico que experimentaron os veciños e veciñas da zona. O lume chegou a estar ao pé das casas e vivíronse escenas de verdadeiro perigo para a poboación. Tal como denunciaron dende a Agrupación Socialista de Boborás, os medios de extinción tardaron unhas 3 horas en chegar ao lugar do incendio, desbordados, nesa mesma tarde, por numerosos lumes ao longo da provincia de Ourense, no que supuxeron os peores días para o monte ourensán. De todos os xeitos, os socialistas de Boborás queren agradecer a todos os bombeiros forestais, brigadas e veciños/as que estiveron loitando contra o lume dende o primeiro minuto, no que pareceu un incendio claramente intencionado, á espera que se aclaren as causas. A desesperación foi absoluta e o risco moi alto para a integridade dos habitantes dos lugares afectados e para as vivendas e fincas da contorna. Como xa indicaron, dende o PSOE de Boborás, nos pasados días, non chega cun bando municipal que indique a necesidade de limpar o perímetro dos fogares, senón que se precisa unha política municipal máis activa que procure axuda alí onde os recursos propios non chegan e demande da Xunta asistencia na limpeza e roza da contorna, antes que chegue o período de alto risco de incendio. “A zona afectada causa un grande impacto e unha sensación absoluta de desolación e esiximos que se actúe dunha vez por todas e se adopten medidas de prevención e aproveitamento forestal dos nosos montes, no canto de lamentar as consecuencias”, indicou Francisco Fraga, deputado provincial presente onte pola tarde.

Pola súa banda, María Quintas, candidata ao Parlamento de Galicia por Ourense nestas vindeiras eleccións, declarou, baseada na súa experiencia como deputada autonómica, que: “A única política da Xunta de Galicia é a baseada na extinción. E, mesmo esta, está a sufrir unha fragmentación dende que Feijóo é Presidente, que a fai cada vez máis cara e inoperativa. Hoxe en día, no servizo de extinción traballan, o persoal da Xunta, SEAGA, Brigadas Municipais, GES e empresas privadas como INAER e NATURTECNIA. Trátase dun operativo totalmente ingobernable e carente de toda eficacia”. Tamén engadiu que a contratación de persoal de extinción de incendios perdeu a fin que debería ter e pasou a ser unha política de contratación pura e dura para os Concellos e para a Xunta. Estanse a empregar fondos europeos, destinados á prevención e á extinción, para, no mellor dos casos, ter patrullas de Protección Civil. Respecto da política de prevención, os socialistas manteñen que non existe coma tal, non hai nin unha planificación de cultivos forestais nin de ordenación do territorio. A Dirección Xeral gasta o seu orzamento en apagar os lumes, indican dende o PSOE, non en previlos nin en políticas sostibles, non se potencia a investigación nin se preocupan, dende a Xunta, en coñecer e detectar as causas para poder aportar solucións a un problema que acaba cos bens naturais da nosa terra.

Tal como explica María Quintas, Galicia rexistra a metade dos incendios forestais do Estado e Ourense, en concreto, a metade dos de Galicia, aumenta a superficie queimada e aumentan os incendios de máis de 500 Ha que son máis virulentos e perigosos para a poboación. Namentres esto acontece, o monte galego e, particularmente, o ourensán segue sen aproveitar e sen que os responsables políticos incentiven e favorezan este aproveitamento tan beneficioso para o medio ambiente e, tamén, para o desenvolvemento económico do nosos rural. A única política que fai este goberno de Feijóo é a da persecución mediática de incendiarios, mediática porque, na realidade, tampouco é efectiva. Galicia é unha das poucas Comunidades do Estado que nos últimos 5 anos baixa na súa superficie agraria útil, co que isto supón en termos de rendibilidade das explotacións e tamén para cobrar as axudas da PAC. A superficie das explotacións pechadas pasan ao abandono e non se transfiren as que quedan, posiblemente pola falta de incentivos e valorización do propio sector primario. Feijóo dixo, en numerosas ocasións, que este era o gran problema do país, nembargante, non puxo en marcha ningún tipo de medida para corrixilo.

En conclusión, os socialistas denuncian que, no eido dos lumes forestais, estase a confiar todo na extinción e, concretamente, nos medios aéreos privados, caros e cada vez menos operativos xa que co arborado e a altura do matorral, a auga que descargan non é, totalmente, efectiva. As pistas e camiños deberían estar limpos e con faixas auxiliares ás beiras pero están con matorral alto, o que produce que , en época de seca, actúen como verdadeiro combustible e lle dean continuidade ao lume. Os e as socialistas da comarca do Carballiño esixen un cambio na política forestal da Xunta, cada vez máis enfocada á privatización de medios de extinción e menos á prevención e aproveitamento da nosa superficie de monte. É intolerable, rematan, que ano tras ano se vivan sucesos coma o acontecido en Boborás e que afecten ao benestar dos veciños e veciñas, de nada serve lamentar senón se lle pon solución previa.

 

Os socialistas sinalan que o fracaso da política forestal do PP está a por en risco aos veciños e veciñas da provincia de Ourense.

08/09/2016
By

Noela Blanco apunta á redución da distancia de seguridade entre as vivendas e a biomasa, a privatización e precarización dos operativos de extinción e a falla de medidas de revitalización do rural

Considera o anuncio dun parque acuático para Monterrei “unha broma de mal gusto á altura da foto da mangueiriña”

 

Noela Blanco

 

A cabeza de lista pola candidatura do PSdeG-PSOE para Ourense,  Noela Blanco, sinalou hoxe á xestión de Feijóo como principal responsable de que os lumes teñan queimado 6.100 hectáreas nunha semana, 3.250 en Ourense nun só día. Dixo que “dende logo que os incendiarios son os responsables directos, pero é simplista e reducionista que o presidente da Xunta queiran sinalalos como único factor para que Galicia arda cada ano”.

A responsable socialista ofreceu unha rolda de prensa monográfica sobre a situación que se está a vivir estes días no interior de Galicia, con vivendas ameazadas polas lapas e pobos desaloxados.

Sinalou que a redución da distancia de seguridade entre a biomasa e as vivendas dos 50 metros sinalados polo goberno de Touriño ata os 30 de Feijóo, xunto coa anulación da agrupación de terreos forestais ou a privatización, descoordinación e lamentable situación de precariedade dos operativos de extinción está a poñer “en risco” aos veciños e veciñas e aos operarios que loitan cointra as lapas.

Criticou duramente a falla de medidas para recuperar a poboación do rural e a crise demográfica das provincias dun interior que fica abandonado mentres o goberno galego hipoteca 100 millóns de euros cada ano en tarefas de extinción en lugar de afrontar o problema dende a súa raíz.

Broma de mal gusto

A responsable socialista considera “unha broma de mal gusto” que o presidente da Xunta, xunto co presidente da Deputación de Ourense, anunciaran precisamente onte un parque acuático para Monterrei. “Que nos veñan anunciar un tobogán e unha piscina mentres arde Ourense está ao nivel da foto de Feijóo apagando un lume cunha mangueiriña de xardín e os seus zapatos castellanos”, remachou.

Sinalou que o parque acuático “da a medida da irresponsabilidade e incompetencia dun presidente lesivo para o noso país, e ademais constitúe unha grave falta de respecto para os veciños e veciñas que ven en risco os seus fogares”.

Blanco reclamou a convocatoria do Consello Forestal para acordar medidas concretas que reduzan os lumes, así como a posta en marcha dunha política ambiciosa e eficaz de recuperación demográfica do rural a través da creación de emprego e o aumento das rendas de gandeiros, agricultores e silvicultores, construíndo ademais unha cultura forestal integrada no medio rural galego.

Ademais, esixiu a derrogación dos artigos da Lei 7/2012 de 28 de xuño, que volvían permitir recualificar os terreos queimados, e recuperar medidas de prevención das vivendas e edificacións como a distancia de seguridade de 50 metros.

 

Levamos ao Parlamento galego a nosa esixencia de finalización da construción do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia

Río_Ribeira_Grande,_O_Invernadeiro
O Grupo Socialista no Parlamento galego esixiu un compromiso por parte da Xunta para o remate do proxecto do Centro de interpretación de parques naturais de Galicia, ubicado en Quintela de Canedo.

Nunha pregunta oral á conselleira de Medio Ambiente, a nosa deputada Noela Blanco lembrou que “esta iniciativa comeza a súa andaina no 2007, co obxectivo de poñer en valor os nosos recursos naturais; o Concello de Ourense cedeu os terreos no 2008 e a Consellería asina no 2009 un convenio co Ministerio de Medio Ambiente; as obras están paralizadas desde novembro de 2011″.

O PP, que non apoia o proxecto, mantén paralizada unha modificación de mesmo para evita-las inundacións. “Era un proxecto de consenso que rachou coa chegada do PP”, sinalou a compañeira.

A Xunta sigue sen dar un compromiso para remata-las obras. “Seguiremos esperando; o actual alcalde de Ourense prometeu en campaña que ía apoiar esta iniciativa pero non vemos un interese real por parte da Xunta”, denunciou Blanco.

O PSOE de Xinzo denuncia verquidos de augas fecais procedentes da canceira municipal que xestiona a Deputación Provincial.

16/04/2016
By

A Deputación Provincial, encargada da xestión da Canceira de Xinzo, permite a contaminación das augas, con residuos procedentes da instalación que só ten 3 anos de funcionamento.

As augas  fecais va parar a cuneta directamente, por carecer de rede de saneamento ou por falta de limpeza da fosa séptica.

O Grupo Municipal socialista denuncia a grave contaminación que se está provocar a causa das augas fecais procedentes da canceira municipal que, dende o 2014, xestiona a Deputación Provincial.

Una obra que custou 132.296 euros, financiada pola Consellería de Medio  Ambiente, foi acondicionada con posterioridade pola propia Deputación de Ourense,  cando pasou a formar parte da rede de canceiras provinciais, por carecer de espazos para sala de curas, entre outras deficiencias. Aínda así, segue a ter graves problemas, pois verte as augas sen depurar directamente á cuneta que vai paralela a pista de Mosteiro e que entronca coa OU-301.

“O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, non pode permitir que se estea contaminando o entorno polas deficiencias dunha instalación  como a canceira municipal, que xa comezou con mal pé, pois  contaba con persoal antes de ter cans” di Elvira Lama, Portavoz municipal e Deputada provincial por Xinzo.

“A acumulación de augas fecais procedentes dunha instalación onde se tratan animais con medicamentos, ademais de non estar permitida, é altamente contaminante para o entorno e mesmo para a saúde das persoas se entra en contacto con algún acuífero. Non se pode permitir que unha instalación nova con apenas tres anos de funcionamento estea a contaminar o entorno por desidia da propia Deputación Provincial coa permisividade do Concello” di a portavoz socialista.

O Grupo municipal socialista vén de rexistrar un escrito solicitándolle ao Alcalde que “esixa da Deputación provincial, a inmediata conexión á rede de saneamento mais próxima ou a limpeza, con maior frecuencia, da fosa séptica da mencionada canceira”

“De non ser así verémonos obrigados a facer as denuncias pertinentes ante as autoridades competentes”, manifestan dende o Grupo Socialista.

IMG_3751

Xuventudes Socialistas de Ourense celebra este sábado unha xornada de debate e formación

Baixo o título de “Poñendo a ollada nas Autonómicas”, Xuventudes Socialistas da nosa provincia celebrará o vindeiro sábado, 12 de marzo, unha xornada de “debate e formación”.

A cita, que terá lugar na nosa sede provincial, contará coas intervencións, entre outros convidados, das deputadas Rocío de Frutos e Noela Blanco, e do Secretario Xeral de XX.SS. de Galicia, Aitor Bouza. O programa completo amósase na imaxe adxunta:

yQsKSez6

O PP empéñase: Ourense seguirá a se-la única provincia galega cun servizo provincial de incendios privatizado

12744618_1693771350841260_1345356868328728422_n

O PP rexeitou unha moción que os socialistas presentamos no pleno da Deputación no senso de que esta asumise a xestión directa do servizo do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Foi o noso deputado provincial Francisco Fraga Civeira quen presentou a moción, que instaba a que a Deputación, en virtude do consorcio conformado pola propia institución provincial e a Xunta de Galicia, asumise a xestión directa do servizo, dada a eficiencia demostrada por este modelo de xestión.

Fraga Civeira explicou que a progresiva privatización da xestión dos parques comarcais de bombeiros, nos últimos dez anos, conlevou unha merma dos recursos públicos, facendo mais caro e mais precario un servizo básico e esencial. “Apostamos pola xestión pública e directa, posto que, ademais de ser máis eficiente e homoxeneiza-lo servizo en todo o territorio, é máis barata, como ben se pode comprobar en casos como o de Silleda”.

O deputado aclarou que urxía o traslado desta moción ao pleno da Deputación, posto que están a piques de vence-los contratos coas concesionarias. Porén, ante a negativa do grupo de goberno do PP, afirmou que “achegar propostas faise difícil cando se incumpren ata os prazos para celebra-las reunións do propio Consorcio”. “Os socialistas queremos o mellor para a cidadanía e cremos que o mellor para esta, respecto dun servizo tan esencial, é que sexa prestado como servizo público, para evitar ‘aforros’ que só beneficien ás empresas, e tamén para acadar que os profesionais actúen como axentes de autoridade nas labouras de salvamento”.

O compañeiro subliñou o feito de que, namentres o resto das provincias galegas terán un servizo público, os ourensáns seguiremos soportando que as empresas que nada teñen que ver co sector das emerxencias, como construtoras, consultoras, carroceiras de vehículos, de limpeza ou xestión de residuos…etc., fagan o seu particular agosto a conta do erario público, e mantendo redes clientelares.

Para o Grupo Provincial Socialista, é desexábel a consecución dun servizo de emerxencias público, eficiente, de calidade, con seguridade xurídica e con traballadores públicos. Por iso na moción presentada e rexeitada polo PP, defendemos, a xestión Directa do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, a homoxeneización do servizo e das condicións laborais, así coma instar á Xunta a crea-lo Corpo de Bombeiros de Galicia, do que formen parte os empregados públicos que presten servizo nos diferentes parques comarcais.

Precisamente, membros deste corpo de bombeiros e do Consorcio de Ourense, tiveron a oportunidade de acudir ao pleno da Deputación e asistir ao rexeitamento, por parte do PP, dunhas medidas que este sector profesional considera prioritarias para poder desenvolve-lo seu importante labor.

Os socialistas lamentamos este rexeitamento. En palabras de Civeira, “é unha mágoa que o PP non pense na cidadanía e non opte por un servizo público eficiente”.

Pola nosa banda, seguiremos loitando para que esta xestión directa sexa asumida pola Deputación e apoiando as máis que xustas reivindicacións do colectivo dos bombeiros.

Celebramos unha xornada informativa para explica-la Lei do solo de Galicia a alcaldes e voceiros socialistas na provincia

IMG_3978

Secretarios Xerais das Agrupacións Municipais e voceiros municipais do noso Partido e provincia, participaron na xornada informativa celebrada esta tarde na nosa sede provincial, na que o ex-Alcalde de Santiago e deputado autonómico, Xosé Sánchez Bugallo, e noso o Secretario Xeral provincial e tamén parlamentario galego, Raúl Fernández, explicaron pormenorizadamente a nova lei do Solo de Galicia, e atenderon as dúbidas e consultas dos compañeiros.

Xosé S. Bugallo tamén é vogal na Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, e poñente da propia Lei do Solo.

Consideramos fundamental que os mencionados destinatarios desta xornada, reciban a mellor e máis directa información sobre unha lei que tanto afecta ao devir diario da cidadanía da nosa provincia, para así, estean gobernando ou na oposición, poderen traslada-las súas dúbidas e consultas aos seus representantes autonómicos, de xeito que, posteriormente, podan achegar a mellor información á veciñanza de cadanseus concellos.

Sánchez Bugallo aproveitou para explica-la postura do PSdeG verbo da Lei de materias en proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese (aprobada para modificar a Lei do Solo antes da súa entrada en vigor), directamente relacionada coa suspensión do PXOM de Vigo.

O PSdeG DEMANDA A REVISIÓN DO PROXECTO DA PLATAFORMA DE INTEGRACIÓN URBANA DO FERROCARRIL NOS TRAMOS TABOADELA-SEIXALVO E SEIXALVO-TÚNEL DE MONTEALEGRE, PORQUE PERXUDICA A TABOADELA

O PSdeG apoiará as iniciativas cidadáns e movilización en defensa do Concello  de Taboadela

 

 

 

Ourense.- 4.5.2015

 

O PSdeG-PSOE de Ourense demanda a revisión do proxecto de construcción da Plataforma de integración Urbana e Acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense nos tramos Taboadela- Seixalvo e Seixalvo- Tunel de Montealegre, porque prexudica á poboación do concello de Taboadela.

Unha infraestrutura destas características e que marcará o crecemento de Taboadela, ten que ser unha oportunidade para toda a poboación e, cando menos, debe contar co consenso do concello e dos veciños.

O 6 de maio publicouse no BOP a relación individualizada e concreta dos bens e dereitos afectados pola construción de dita plataforma.

No tramo Taboadela- Seixalvo hai 33 parcelas afectadas no curso do trazado que discorre polo termino municipal de Taboadela. No tramo Seixalvo-Tunel de Montealegre hai 277 parcelas afectadas no termino de Taboadela, cando o trazado discorre por San Cibrao e Ourense (polígonos. 41,42 e 44)

Estas parcelas vanse adicar a depositar escombros procedentes de diversas zonas do trazado, especialmente no que se refire aos túneles de Rante e Montealegre. Estas parcelas sitúanse preto da zona urbanizable e residencial de Espiñeiro, cun gran valor urbanístico e de potencial crecemento. Ademais de situarse moi preto da residencia da terceira idade.

A expropiación das parcelas para este acopio de material faise, a diferenza doutras zonas, con carácter definitivo e non temporal. En total serán preto de 50 hectáreas e un movemento de escombro de preto de dous millóns de m3 e que prevé que estes alcancen unha altura de aproximadamente catro metros.

Dende o Partido Socialista de Ourense presentáronse iniciativas en tódalas institucións: Concello de Taboadela, a través do portavoz e candidato Álvaro Vila Araujo; Deputación Provincial; Parlamento Galego, a través do deputado Raúl Fernández, e no Congreso dos Deputados, pola deputada Laura Seara. Neste senso o PSdeG apoiará as iniciativas cidadáns e mobilizacións en defensa do Concello  de Taboadela.

Os representantes do PSOE denuncian que estas actuacións van a supoñer un cambio radical na fisonomía da zona, e cuestionamos o informe favorable de Mediambiente sobre esta actuación. Esta decisión vai supoñer un trasiego de vehículos e maquinaria pesada durante varios anos e en traxectos de mais de sete quilómetros, con importantes problemas en canto á funcionalidade e peligrosidade.

Os socialistas solicitamos que se revise a distribución das expropiacións, para que o Goberno central e o Goberno galego en exercicio das súas competencias, estuden a posibilidade de diversificar entre os tres concellos afectados.

 OURENSE. 17.01.2015. PSOE, R PRENSA RAUL FERNANDEZ.FOTO: MIGUEL ANGEL