Xuventude

María Quintas, deputada socialista por Ourense, esixe á Xunta que reoriente as súas políticas de emprego para aplicar medidas efectivas, non publicidade e propaganda.

15/03/2016
By

 

a026a3d568e2fa9096d5b26d24d852be

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016. Os socialistas galegos esixiron hoxe no Parlamento á Xunta que “reoriente as súas políticas de emprego” para aplicar “medidas efectivas e acadar un país digno no que vivir, deixando atrás a publicidade e a propaganda”.

 

Na defensa dunha moción no pleno, rexeitada polo PP, a portavoz de Emprego do PSdeG, María Quintas, lembrou que “a situación é dramática para moitas familias e os mozos teñen que emigrar, aumenta o paro pero caen as partidas orzamentarias para atender aos desempregados”.

 

“A lamentable frase electoral do Partido Popular de Galicia e de Feijóo, dicindo en 2009 que remataría co paro en corenta días, amosa as verdadeiras intencións do PP en campañas electorais, mentir”, afirmou a deputada socialista, que demandou medidas urxentes para “parados de longa duración, mulleres e mozos”.

 

“O paro rexistrado chegou a 235.268 persoas no mes de febreiro, 24.606 persoas máis que no mes de abril de 2009, no que Feijóo chegou ao goberno da Xunta, mentres que o 90% dos contratos son temporais”, dixo Quintas, que lamentou que “o PP sexa obstinado na súa ineficacia e na súa mentira, pero os datos reflicten o panorama real de Galicia, estamos á cabeza no número de traballadores pobres”.

 

“O grupo socialista propuxo nas emendas aos orzamentos una partida de 192 millóns de euros para mellorar o mercado laboral, pero foron propostas desatendidas polo goberno”, manifestou. “Hai 131.000 galegos cun salario de menos de 800 euros mensuais e neste colectivo están maioritariamente as mulleres”, engadiu.

 

Os socialistas propoñen “fortalecer o servizo público de emprego” e critican que “a pretendida recuperación económica, sendo certa en termos macroeconómicos, é máis certo que non repercute na cidadanía, nin nas melloras sociais, nin na recuperación das economías familiares; o PP deteriora a calidade do emprego, devalua os salarios e precariza as relacións laborais”.

 

 

Xuventudes Socialistas de Ourense celebra este sábado unha xornada de debate e formación

10/03/2016
By

Baixo o título de “Poñendo a ollada nas Autonómicas”, Xuventudes Socialistas da nosa provincia celebrará o vindeiro sábado, 12 de marzo, unha xornada de “debate e formación”.

A cita, que terá lugar na nosa sede provincial, contará coas intervencións, entre outros convidados, das deputadas Rocío de Frutos e Noela Blanco, e do Secretario Xeral de XX.SS. de Galicia, Aitor Bouza. O programa completo amósase na imaxe adxunta:

yQsKSez6

O PSdeG apoia a “implantación inmediata” do Grado de Enxeñería Física no Campus de Ourense

01/07/2014
By

Plataforma Enxe+¦er+¡a Ourense3-1

Membros da Plataforma ProCampus levaron hoxe a súa reivindicación sobre o Grado de Enxeñería Física ao Parlamento de Galicia, co apoio dos grupos da oposición.

O PSdeG apoia a “implantación inmediata” do devandito Grado no Campus de Ourense. “A indefinición para a súa posta en marcha só responde a unha decisión política da Xunta do PP”, asegurou noso Secretario Provincial e deputado autonómico Raúl Fernández.

Os representantes da Plataforma e esixiron “cordura” á Xunta para que a reunión do Consello Galego de Universidades do vindeiro día 11 aprobe a implantación deste título.

Fernández lembrou ao respecto que “a Xunta tiña considerados os argumentos para a súa implantación como suficientes; o Grado de Enxeñería Física xa existe en Cataluña e os socialistas temos presentado varias iniciativas para a posta en marcha do título”

No ano 2009, no contexto da posta en marcha do coñecido como Plan Boloña, a Licenciatura de Física non foi convertida a Grado no campus universitario da cidade, o que levou ao seu peche. No 2012, o TSXG anulou o peche e, en cumprimento da sentenza, propúxose a creación do Grado de Enxeñería Física. En outubro de 2013, a Universidade de Vigo remitiu á Xunta a proposta de implantación deste Grado, e o Goberno galego declarou en xaneiro “a pertinencia socioeconómica” do mesmo.

O noso compañeiro subliñou que a reivindicación “é un clamor na cidade de Ourense, e só unha decisión política do Presidente da Xunta e do conselleiro Jesús Vázquez impiden a súa implantación”.

O PSdeG alerta en Ourense da situación de máis de seis mil familias galegas afectadas pola supresión das prórrogas das subsidiacións de préstamos de vivenda protexida

23/07/2013
By

En rolda de prensa celebrada na cidade co Sª Xeral de XSG, Aitor Bouza e coa a Sª de Igualdade de XX.SS. de Ourense, Irina Fernández, a nosa deputada no Congreso e Sª de Coordinación Institucional do PSdeG, Laura Seara denunciou esta mañá que o Goberno central aproveitou a Lei de Medidas de Flexibilización e Fomento do Aluguer de Vivendas para suprimir as prórrogas das subsidiacions aos  préstamos para comprar vivenda de protección oficial (VPO). Seara sinalou que esto suporá a acta de defunción da vivenda protexida.

A compañeira explicou que “as axudas de subsidiación supoñían unha  subvención a unha parte proporcional da cota mensual da hipoteca dunha Vivenda de Protección Oficial, e tiñan grande transcendencia para as familias beneficiadas”, de xeito que “moita xente que acudiu a unha Vivenda de Protección Oficial subsidiada, vai a ter que pagar entre 200 e 400€ máis ao mes, e outras que tiñan concedidas esas axudas xa non as van recibir e poden perde-la casa que tiñan concedida, dado que a Lei establece un prazo de dous meses para formaliza-la hipoteca da vivenda que tiñan concedida, e a maior parte dos beneficiarios non van a poder facelo”.

Das 6 470 familias afectadas en Galicia, 463 son ourensás, o que non deixa de evidencia-la escasa cantidade de VPO construida na nosa provincia.

O PSOE xa rexistrou no Congreso unha Proposición non de Lei para que se derroguen inmediatamente a devandita eliminación.

Por outra banda, tamén desaparece a Renda Básica de Emancipación, importante axuda para os mozos que resultou  indispensábel nun dos países cas taxas de emancipación máis tardía de Europa. Para Aitor Bouza, “suprimi-lo dereito á vivenda para a mocidade é atentar contra a súa independencia”.

Dende 2008, en Galicia se beneficiaron da Renda Básica de Emancipación 27 107 mozos, dos que 3 345 eran ourensáns.

Por último, os comparecentes anunciaron que os mozos que militan en XSG pero aínda non no PSdeG, poderán votar nas “primarias” coas que o Partido elexirá, o 7 de setembro, ao seu vindeiro Secretario Xeral. Bouza agradeceu ao PSdeG este acordo, e garantiu que os membros da Executiva Nacional de XSG non avalarán a ningún candidato, garantindo a “independencia no proceso”.

Os socialistas incrementaremos o contacto coa cidadanía explicando as nosas propostas en materia de emprego e fiscalidade

23/05/2013
By

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE abordou na súa reunión do pasado luns o recente cese nas súas funcións do presidente do InOrDE, José Manuel Freire Couto. Os socialistas esiximos unha explicación de por qué o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, non aceptou a súa demisión ata hoxe, logo de tela solicitado o Grupo Socialista. Entendemos que o presidente da Deputación debe explicar qué proxectos ten para o Inorde, e plantexamos, nos propios orzamentos da Deputación do ano que ven, a disolución do ente.

O recente estudio do Observatorio Económico Ourensán, mostra con claridade as eivas da nosa provincia. Consideramos chegado o tempo de cambiar a tendencia. É tempo de reorienta-la acción política e cambia-la tendencia. Cremos que os fondos europeos non poden destinarse a rehabilitar estacións de tren, sen ningún tipo de uso, ou centros de interpretación etnográficos que non rexistran actividade. Tampouco é unha opción construir hipódromos ou manter centros ecuestres.

Xunto coa devandita disolución do InOrDE, o Grupo Socialista na Deputación solicitará, no próximo pleno da institución, unha auditoría para coñece-la situación real daquel ente, e rexistrará unha solicitude de comparecencia de José Manuel Baltar para coñece-las accións a desenvolver dende a súa nova responsabilidade.

Os socialistas ourensáns tamén avaliamos, na reunión da nosa Executiva Provincial, a acción política do PSdeG de Ourense. O secretario xeral, Raúl Fernández, anunciou que nas próximas datas se continuará co desenvolvemento de reunións sectorais no conxunto da provincia, trasmitindo as propostas do PSdeG-PSOE en materia de emprego, fiscalidade, ensino e servizos sociais. O compañeiro Fernández, anunciou tamén encontros con afectados polas participacións preferentes, así como a celebración dunha conferencia de alcaldes socialistas para avalia-lo impacto na provincia da Lei de Bases de Réxime Local, e a dun acto con todos os responsales locais para avaliar a acción política socialista nos concellos no ecuador da Lexislatura.

Ademáis, respecto á actividade interna do Partido na provincia, cómpre destacar que nos últimos meses véñense desenvolvendo cursos de formación nas diferentes comarcas, e que a Executiva aprobou un novo calendario de cara ás próximas eleccións municipais.

A Comisión Executiva Provincial valora de xeito positivo o proceso de modernización e cambio que está a vivir o PSdeG-PSOE. Os socialistas queremos comprometernos coa cidadanía, recoñecendo os nosos erros, incluso pedindo perdón por eles, pero sabendo que as políticas da dereita só xeneran máis desigualdade, máis sufrimento e máis paro. Neste senso, a celebración de “primarias” para Secretario Xeral, no mes de setembro, supón a mostra visible do compromiso socialista coa democracia interna e co necesario incremento da participación política. Unha vez máis, os socialistas, e neste caso os socialistas galegos, lideran un proceso demandado pola militancia, só deslexitimado pola dereita, que practica a sucesión dinástica ou dixital como método de designación dos seus dirixentes e candidatos.

O obxectivo dos diferentes procesos orgánicos é recupera-la confianza da cidadanía e transmiti-las propostas que dende o PSdeG-PSOE cremos urxentes e necesarias para frena-la lacra de máis de 300 000 parados en Galicia, 32 000 na nosa provincia, e o paro xuvenil superior ao 50%.

Xuventudes Socialistas de Ourense tildan de ‘escarnio’ o incremento nas tarifas dos equipamentos xuvenís da Xunta

31/03/2013
By

 

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vén de aprobar, o pasado 18 de marzo, a orde que establece os prezos para o ano 2013 dos servizos, actividades e equipamentos xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, incluidos os Campamentos de Verán, os albergues ou as residencias de estudantes, como pode ser a “Residencia Florentino López Cuevillas”, no centro da capital provincial.

Trala súa publicación no D.O.G. do pasado do pasado luns 25 de Marzo, a Agrupación de Xuventudes Socialistas da cidade denuncia que este é o segundo ano consecutivo no que as tarifas son incrementadas, chegando a se-los prezos dalgúns servizos ata un 27% máis caros que no 2011.  Destacan o incremento nas tarifas dos Campamentos de Verán, cuxo prezo aumentou nestes dous anos, para as estadías quincenais, nun 22,8%, e para as diarias, nun 27,3%. Outro exemplo sería o caso dos Campos de Traballo Nacionais e Internacionais, cun incremento entre 2012 e o 2013, dun 25%.

O caso máis preocupante é, para os mozos socialistas ourensáns, o incremento na tarifa das Residencias de Estudantes, orientadas a mozos e mozas con menos recursos (pois o criterio de admisión atende, esencialmente, a circunstancias socioeconómicas dos solicitantes), e que presenta un incremento, entre 2011 e o 2013. dun 23,2%.

Para o Secretario Xeral de XX.SS., Jonathan Da Silva, este tipo de decisións, “que supoñen un aforro ínfimo para a Xunta de Galicia, denotan unha absoluta falta de sensibilidade da Dirección Xeral de Xuventude”. Da Silva recoñece que “non somos tan ilusos como para esperar da súa parte, a estas alturas, algún tipo de iniciativa novidosa e creativa para tentar atenuar un paro xuvenil que chega ao 50%, pero non é moito pedir que non fagan escarnio dos xóvenes galegos”.