Demografía

O PSdeG-PSOE proporá a creación dun batallón da UME na provincia de Ourense que crearía un milleiro de postos de traballo estables

O secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, formulou esta proposta durante un encontro mantido co subdelegado de Defensa de Ourense, quen mostrou o seu apoio á iniciativa

O establecemento deste batallón da UME daría lugar a tres importantes funcionalidades: extinción de incendios, mellora do emprego e loita contra o despoboamento

WhatsApp Image 2018-02-14 at 16.36.09

 

Ourense, 14 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense proporá a creación dun batallón da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na cidade de Ourense, unha iniciativa que crearía en torno a un milleiro de postos de traballo. A proposta, que conta co respaldo da Subdelegación da Defensa da terceira cidade de Galicia, permitiría darlle un importante impulso á economía e a demografía de toda a provincia. O secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, formulou esta iniciativa durante un encontro mantido hoxe mércores co coronel, Gustavo Doncel Paredes, subdelegado de Defensa, quen amosou a súa coincidencia respecto da conveniencia desta nova estrutura militar para Ourense. Durante unha reunión cordial, subliñouse que o establecemento do batallón da UME daría lugar a tres importantes funcionalidades: extinción de incendios, mellora do emprego e loita contra o despoboamento.

A primeira delas relaciónase coa extinción de lumes na provincia máis castigada de España; unha provincia, ademais, que limita co norte de Portugal onde o problema é igualmente grave, e con quen España asinou recentemente unha addenda de colaboración en materia de incendios. Unha segunda utilidade pasaría polo fomento do emprego e o afrontamento do despoboamento nunha provincia sen grandes oportunidades laborais e que camiña cara a súa extinción sociodemográfica. A terceira funcionalidade práctica derívase da fixación no entorno da capital de Ourense dos 1.000 postos de traballo estables da UME, que xunto coas súas respectivas familias, inxectarían un grande balón de osíxeno ó comercio e á economía.

Os socialistas van traballar nas vindeiras semanas para seguir afondando neste necesario proxecto, co fin de determinar os terreos e inversións que se precisan. A iniciativa será trasladada dende o PSdeG-PSOE provincial ó Parlamento de Galicia, para que inste ó Goberno Central a realizar unha auténtica discriminación positiva de Ourense, que se xustifica en razóns de seguridade provincial, rexional e de cooperación con Portugal; necesidades de desenvolvemento; e impulso económico e demográfico.

O secretario provincial dos socialistas agradece o compromiso do coronel Doncel Paredes cunha provincia necesitada de proxectos que xeneren verdeiras expectativas de futuro para a súa xente. Ademais, abre unha liña de comunicación permanente con todos os axentes institucionais, organizativos e sociais de Ourense e a súa contorna.