Preferentes

Advirten do risco de que os estafados polas preferentes non poidan recobrar os aforros da súa vida

19/12/2012
By

A parlamentaria socialista, Carmen Gallego, condenou a pasividade da Xunta de Galicia diante da posibilidade de que os aforradores estafados polas participacións preferentes e as obrigas subordinadas “perdan os seus aforros de toda unha vida”. Porque “unha cousa é que os inversores, que decidiron libremente arriscar os seu diñeiro teñan unha quita, e outra que as persoas que se comercializaron fraudulentamente estes produtos perdan todos os seus aforros”.

Gallego demandou do Conselleiro de Economía, Francisco Conde, que faga “un pequeno esforzo” e, aproveitando a coincidencia de color político, falen co FROB e co Goberno de España para que “se estenda a arbitraxe a todos os afectados”. “Vostede está para ser notario do que pasa ou para gobernar e axudarlle aos cidadáns de Galicia a resolver os seus problemas?”, recriminou a deputada socialista ao conselleiro. Recomendoulle ao Goberno aproveitar a maioría electoral recollida para “darlle impulso político ás decisións que estean na súa man ou nas do Goberno de España”.

“Deixen de escaquearse e póñanse a traballar” dixo ao Conselleiro, porque “a esta xente vanlle quitar os cartos de toda a súa vida e están desesperados”. Recordou que “levamos máis dun ano” falando deste asunto no Parlamento de Galicia e que os populares teñen votado a favor de iniciativas para poñer solucións a este asunto en reiteradas ocasións.

Os afectados polas preferentes están a protagonizar manifestacións e peches en distintos sitios de Galicia. Preocupados, sinala Gallego, porque logo de que pasou o proceso electoral, a arbitraxe aberta a través do Instituto Galego de Consumo “foise ralentizando”, baixaron os laudos, hai menos persoal atendendo a arbitraxe.

Unha arbitraxe que segue sendo opaca, pouco transparente. Ninguén, nin da Xunta, nin do IGC, nin de Novagalicia Banco é capaz de dicir cales son os criterios polos que algúns afectados reciben resposta e outros seguen esperando.

“7.000 persoas de 100.000 afectados non é un balance do que debera sentirse orgulloso o titular de Economía e Industria”. Esta “opacidade e ralentización” preocupa aos socialistas, porque temen que a consecuencia sexa que só unha pequena parte dos afectados das preferentes van solucionar o problema pola vía da arbitraxe, o resto terá que optar pola vía xudicial. Un recurso que, desde onte, costa mais caro aos usuarios, como recordou Gallego, pola entrada en vigor do “tasazo” de Gallardón.

A parlamentaria pontevedresa reprochou ao membro do Executivo debutante que seguira o guión preestablecido por Feijóo e os seus compañeiros de Goberno comparecendo na Cámara para ofrecer un relatorio de situación en que non faltan as culpas ao goberno de coalición e a Zapatero. Carmen Gallego recordoulle que este problema retrotraese a 2003, cando Aznar era presidente, Rajoy vicepresidente, e Feijóo vicepresidente do Goberno de Fraga.

Recriminou a socialista a falta de transparencia da Xunta en todo este proceso, “escudándose na protección de datos” para non ofrecer información sobre o número de afectados que cobraron e os que quedan por cobrar, cal é o perfil das persoas que van poder someterse á arbitraxe, e así “clarear un pouco o futuro desta xente”.

Reprocha que deputadas populares, facéndose pasar por directoras xerais, se foran a entrevistar cos afectados para prometerlle que ían ser sometidos a arbitraxe para que deixaran de protestar e Feijóo puidera facer os actos electorais con normalidade. Condena tamén que alcaldes do PP digan publicamente que vai falar coa Xunta para que os seus veciños se poidan acoller á arbitraxe.

Gallego esixiu coñecer a auditoría de KPMG sobre as caixas, que o Goberno continua ocultando, porque de non aparecer datos sobre as preferentes e as subordinadas, vai ter que “pagala do seu peto”.