Blog Archives

O PSdeG-PSOE de Ourense lamenta con moito pesar o pasamento de Antonio Rodríguez Penín

05/01/2018
By

O exedil no Concello de Ourense e exsecretario de Organización do PSdeG-PSOE foi, dende moi novo, un relevante exemplo da defensa dos principios socialistas e do servizo público ós cidadáns

O PSdeG-PSOE de Ourense lamenta con moito pesar o triste pasamento do compañeiro e amigo Antonio Rodríguez Penín, hoxe venres 5 de xaneiro do 2018, vítima dun cáncer contra o que loitaba dende hai meses. A familia socialista da provincia ourensá recibe con fondo pesar esta mala nova e achega todo o agarimo e condolencias á súa familia e amizades máis próximas. Estamos ante unha perda irreparable dunha persoa que demostrou, dende moi novo, a súa incansable paixón por defende-los ideais e principios socialistas e que, co paso dos anos, se converteu nun relevante exemplo de servizo público ós cidadáns, a través do seu incansable traballo nas institucións públicas, como axente da Policía Nacional e concelleiro no Concello de Ourense

Aproveitamos para agradece-las numerosas mostras de afecto que fomos recibindo nesta triste mañá.

Que a terra lle sexa leve.

O Parlamento galego aproba a nosa proposta para dotar dun local ao Ateneo

25/03/2017
By

O texto, aprobado por unanimidade, é o seguinte: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dotar ao Ateneo e Ourense, antes de que remate o ano 2017,dun espazo de titularidade pública axeitado e coas condicións requeridas para que esta entidade continúe coa súa actividade sen ánimo de lucro”.

A proposta inicial socialista foi defendida pola nosa deputada Noela Blanco, que lembrou que, xa no ano 2016, os socialistas socialistas lograran o compromiso do Goberno galego de dotar á entidade dun “asentamento definitivo”, abrindo “unha porta de esperanza para a directiva do Ateneo”, polo que pediu á Xunta “altura de miras” para poder pór fin “de maneira urxente” ao “futuro incerto” da institución, “símbolo da vida social e cultural da cidade” e “históricamente defensora da cultura e as liberdades”, evitando que teña que facer fronte a un novo desaloxo.

“Aos ourensáns e ourensás resultaríanos difícil entender a vida social, cultural e política da cidade sen unha entidade coma o Ateneo, que foi dende os seus inicios un verdadeiro reduto para debater en liberdade, e un referente de tolerancia e diversidade” engadiu a compañeira.

Na súa intervención, Blanco tamén lembrou que a Xunta actuou con “complicidade” no desafiuzamento que sufriu o Ateneo no 2011 “froito de intereses urbanísticos e económicos”, e que deu comezo á actual época na que o Ateneo vén de estar obrigado a “bracear” para non desaparecer.

A Xunta desbota por escrito crear unha unidade de ictus en Ourense

20/03/2017
By

A nosa deputada no Parlamento de Galicia Noela Blanco, denunciou hoxe que a Xunta vén de confirmar por escrito a súa renuncia a crear unha Unidade de Ictus no CHUO. Así o confirmou o propio goberno galego nunha resposta remitida á compañeira.

Blanco reclamáballe á Xunta a creación de dita unidade, ao que a Xunta responde literalmente que “conta cos recursos necesarios para diagnosticar e trata-los ictus, e derivar aos pacientes a outro nivel asistencial cando o precisen”. A deputada socialista sinala que se trata “dunha mostra máis do desprezo pola saúde dos ourensáns e un agravio comparativo para esta provincia”, e lamenta que a Xunta “non só non entende o que supón a sanidade pública, senón que fai todo o posible por desmantelala”, reducindo as prestacións e negándolle a boa parte da poboación da que é responsábel, un servizo sanitario de calidade.

A deputada lembra que Ourense carece de radioterapia e hemodinámica vintecatro horas, vén de perder o servizo de Cirurxía Pediátrica e sofre colapsos sanitarios crónicos sen que fagan nada por remedialo; e que en Galicia existen na actualidade dúas Unidades Específicas de Ictus, en Vigo e Santiago, e estase formando unha nova para A Coruña, malia que Ourense sexa unha zona cun alto índice de patoloxía cerebrovascular. Este último feito, unido a que o trinta por cento dos ourensáns superan os sesenta e cinco anos, fai que Ourense, en palabras da compañeira “necesite unha unidade que está demostrado que diminúe a morbilidade e mellora a calidade de vida dos afectados por estas patoloxías”.

O PP tenta desvia-la atención das responsabilidades de Baltar Blanco cun paripé verbo do acceso aos plenos

25/02/2016
By

O voceiro do noso Grupo na Deputación, Ignacio Gómez, fíxolle saber onte ao seu Presidente a posición socialista sobre a redacción dunha norma para o acceso ás sesións do Pleno da institución. Gómez considera que este proceso non é máis que unha manobra para tapa-la actitude de Baltar Blanco, consistente en ataca-lo dereito constitucional de acceso dos veciños aos plenos, nomeadamente o da sesión que se ía a debate-la súa implicación nun caso de posible contratación laboral a cambio de favores sexuais, que escandalizou á opinión pública a finais do ano pasado, e sobre o que seguen actuacións xudiciais.

O dereito a acceder ás sesións plenarias, por parte de cidadáns e colectivos, é un dereito fundamental que debe ser garantido por esta institución e, aínda máis, debe ser favorecido e facilitado, polo que os socialistas nos opoñemos a unha norma que tente evitar a presenza de colectivos ou persoas que queran coñecer en directo o papel dos seus representantes na Deputación.

O noso voceiro participoulle ao PP que nós “consideramos que se debe aprobar un Regulamento de Participación no que sexa factible crear novas formas de participación democrática, como pode se-la intervención de colectivos nas sesións plenarias, e a creación de consellos ou foros sectoriais, entre outras que estamos dispostos a concretar”.

Respecto do procedemento para o acceso de veciños e colectivos aos plenos, Gómez foi claro: “consideramos que non se poden utilizar mecanismos como apuntar de xeito ficticia aos seguidores e afíns ao goberno para evitar que o resto da cidadanía poida acceder ao salón de sesións”. Por iso os socialistas non admitimos que “se poida impedi-la asistencia en base a que o salón de sesións é de reducidas dimensións”, xa que, nos casos que se prevea un número de asistentes maior, “debe acondicionarse calquera outro espazo para celebra-las sesións con maior comodidade e seguridade para un maior número de asistentes, como pode ser o Centro Cultural, colindante co Pazo Provincial, o Teatro Principal ou outro espazo público”. Polo tanto, “se quere vir moita xente ao pleno, non hai que acomodar o dereito a asistir á capacidade da sala, senón máis ben acondicionar unha sala de maior capacidade que permita asistir ás persoas que así o desexen, e que permita o desenvolvemento do Pleno en condicións máis axeitadas”, abundou o compañeiro.

Ignacio Gómez critica que o Vicepresidente, a quen o Presidente, lle encomendou esta tarefa, xa dixese que o PP tiña unha proposta pechada, polo que tódalas reunións que se realicen neste proceso non serán máis que un paripé, para desvia-la atención da cuestión das responsabilidades do Presidente nun asunto tan turbio como aquel no que está implicado.